Audio. Voz. Entrevista

Homenaxe a Avilés de Taramancos 16: Entrevista na Radio Galega

.

—Naquel tempo xa empezabas a publicar. ¿Con que xente te encontraches na Coruña, Antón?
—A Coruña daquela era unha cidade moi viva, moi viva literariamente, na que había gran cantidade de tertulias e na que un entraba con certa facilidade. Había as tertulias do café Galicia, onde asistía todo aquel mundo literario e artístico da Coruña, e había outras tertulias máis, na Peña Enrique, ou, incluso en casas particulares, coma a de don Uxío Carré Alvarellos, onde nos reuniamos de vez en cando. Case toda a miña estancia na Coruña está marcada pola miña grande amizade con Urbano Lugrís, que é un pintor extraordinario; moi mal tratado pola vida e pola morte, pero un home cunha cultura tan grande que foi para min, quizais, a iniciación a un mundo literario moito máis aberto e a coñecer realmente case toda a cultura universal. Era unha universidade andante Urbano Lugrís, pero ao mesmo tempo era un home moi tenro, así como era grande, que case medía dous metros, e levábame a min loxicamente 30 e algo de anos. Sen embargo amparoume dunha maneira moi especial, en toda esa época dos 50 –eu cheguei á Coruña no ano 53, a finais do 53– ata os 60, en que me fun para Colombia. A amizade con Urbano Lugrís, e con case todos os pintores coruñeses daquel tempo, marcou unha época determinante na miña vida polos coñecementos, pola maneira de vivir –que era quizais a última bohemia–, polo enriquecemento literario con Urbano Lugrís e con moita outra xente. Sempre recalco un pouco o de Urbano Lugrís porque era o que estaba máis preto de min e o que realmente me abría camiños no coñecemento literario universal, porque era un home que recitaba en alemán ou en inglés ou en portugués ou en francés, que coñecía a todos os grandes poetas do mundo e que ademais dábachos a coñecer dunha maneira tan íntima que entendías de inmediato e realmente deixábache unha marca. Podías despois ir pouco a pouco peneirando toda esa poesía ao longo dos teus libros e dos teus versos. É unha cousa especial, e cando escoito un tango de Gardel sempre me acordo de Urbano Lugrís porque era quizais o único home do mundo que tocaba o piano cos pés, cos dedos dos pés. E facíame esas filigranas curiosísimas que se poden facer. A nai de Urbano Lugrís era unha pianista de moita sona que daba concertos por Europa adiante, en Viena, en París, nos seus tempos. E entón el tiña esa grande afección ao piano, pero a min por facerme sempre aquelas carantoñas –porque o Urbano era un home bastante divertido cando quería– e porque era moi afeccionado, como supoño que moita xente daquela época, aos tangos de Gardel, cantábame sempre algún tango de Gardel e facía unhas notas cos dedos dos pés, para facerme unha demostración, case circense, de como se toca o piano.

Descrición:
Entrevista 1: Gravación extraída do programa radiofónico O son da súa vida, conducido por Cristina Lombao. Radio Galega. 1989.

  • entrevistado/a:
  • entrevistador/a:
  • Data: 00/00/1989
  • Tipo de material: Audio. Voz. Entrevista
  • Medidas: Duración de 3 minutos e 31 segundos
  • Publicacións: publicado en O son da súa vida;
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    A transcrición dos textos está adaptada, fundamentalmente en cuestións ortográficas e gramaticais, á actual normativa lingüística.
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
    Emisión:Radio Galega
Compartir: