Materiais

Homenaxe a Avilés de Taramancos 15: Entrevista na Radio Galega

.

—Antón, estaba pensando eu –mentres falabas xa se me ía un pouco a idea– que durante todos eses anos, esa infancia tranquila, ti comentabas antes que escoitabas como unha música de fondo, que non a tiñas moi nidia, moi clara, pero que aí estaba. ¿Que che parece se imos por ela para seguir falando? [“Ai, Carmela”]. Pois imos deixar nós tamén un pouco de fondo esta música para seguir falando, porque hai moitas cousas que contar e senón non nos dá tempo. Comentábasme que despois deses primeiros anos de infancia, da túa aldea, saes a Noia a estudiar bacharelato e despois á Coruña.
—Si. Noia queda moi cerquiña de Taramancos, está a dous quilómetros, e loxicamente era unha viaxe que facía cada día a pé catro veces. Ía pola mañá á escola, volvía ao mediodía á casa, volvía pola tarde e regresaba pola noite; ou sexa, que é vivir en Noia, porque dous quilómetros non significan unha distancia grande. Despois de Noia fun para A Coruña tratando de estudiar Náutica, que era unha idea que tiña meu pai. Como el era mariñeiro, navegante en barcos mercantes, pois soñaba, como me parece xusto que soñe calquera pai, con que o fillo fose capitán dun barco, pero loxicamente as miñas ideas non eran precisamente esas. Eu xa estaba un pouco metido no mundo literario, xa comezara a publicar algún poema na revista Tapal de Noia e estaba por outro camiño. Estudiar Náutica para min era un esforzo que non levaba así de moi bo xeito e que ao fin houbo que deixar. Á parte tiña serios problemas con certificados do SEU, e con cousas desas, que non me daban de moi boa gana pola traxectoria de meu pai no exército republicano. Entón, unha vez na Coruña xa me metín máis ben no mundo literario e no trato con todo aquelo que tiña algo que ver coa plástica, coa pintura, coa literatura, incluso coa radio –fun bastantes veces á radio naquel tempo–, e entón na escola de Náutica fixen a penas os dous anos de Náutica pero xa nunca fun en realidade un mariño mercante. Quedei na literatura.

  • entrevistado/a:
  • entrevistador/a:
  • Data: 00/00/1989
  • Tipo de material: Audio. Voz. Entrevista
  • Publicacións: publicado en O son da súa vida;
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    A transcrición dos textos está adaptada, fundamentalmente en cuestións ortográficas e gramaticais, á actual normativa lingüística.
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
    Emisión:Radio Galega
Compartir: