Audio. Voz. Entrevista

Homenaxe a Avilés de Taramancos 14: Entrevista na Radio Galega

.

—Si, absolutamente. Pero cóntame algún recordo máis da túa aldea.
—A miña é unha aldeíña pequeniña que está así un pouco deitada cara ao mar e que aínda que está fronte ao mar é unha aldea de labregos. Ou sexa, que o mar está como paisaxe de fondo pero no que non se participa case a non ser en faenas de marisqueo ou de mar próximo, pero non de mariñeiros que vaian realmente ao mar. Eu supoño que pasará iso bastante en moitas aldeas de Galicia, que aínda que están moi preto do mar, na bocarribeira, son aldeas de labregos. Entón o mar para min sempre quedou tamén como un fondo na paisaxe. A min gústame o mar, pero velo desde a montaña, ver a paisaxe mariña, pero non estar no mar realmente, aínda que loxicamente eu son tamén un mariñeiro e gústame andar no mar, pero, poeticamente o mar para min significa sempre esa paisaxe de fondo. E de toda a infancia, que foi unha infancia tranquila e repousada, como son as infancias nas aldeas, nuns anos difíciles que eran os anos da posguerra –eu nacín no 35 e polo tanto as primeiras memorias que teño son dos anos 40–. Á parte de que era unha época bastante dificultosa en canto a problemas de mantenza, incluso de trato, porque aínda quedaban moitos resentimentos da contenda que houbera, foi unha infancia moi tranquila, moi feliz, dentro do que pode ser feliz un rapaz da aldea que ten un mundo moi seu, entre as sementeiras, as colleitas, ver nacer as plantas, ver como vai crecendo o centeo ou o millo, coñecendo todos os paxaros, todas as árbores. Todo ese mundo faille a un unha riqueza moi grande despois para o que é o traballo literario e o idioma literario, porque dalgún xeito estás coñecendo a esencia da terra. Ver como se abre a terra ao arar, ver como se bota a semente e despois como vai crecendo, como vai medrando o millo, o centeo, ou como vai medrando o pan. Iso é importantísimo e queda sempre un marcado para toda a vida como labrego; ou sexa, que a ansia final sempre é ser labrego, é volver outra vez a sementar e a colleitar.

Descrición:
Entrevista 1: Gravación extraída do programa radiofónico O son da súa vida, conducido por Cristina Lombao. Radio Galega. 1989.

  • entrevistado/a:
  • entrevistador/a:
  • Data: 00/00/1989
  • Tipo de material: Audio. Voz. Entrevista
  • Medidas: Duración de 2 minutos e 40 segundos
  • Publicacións: publicado en O son da súa vida;
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    A transcrición dos textos está adaptada, fundamentalmente en cuestións ortográficas e gramaticais, á actual normativa lingüística.
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
    Emisión:Radio Galega
Compartir: