Audio. Voz. Entrevista

Homenaxe a Avilés de Taramancos 12: Entrevista na Radio Galega

.

—Un sábado máis despois do boletín informativo das catro da tarde chega “O son da súa vida”, ese tempo para falar, para escoitar música e para coñecer máis a un invitado. A verdade é que a hora sempre se nos queda curta -é o que dicimos cada sábado- pero hoxe quizais máis. E ademais eu estou moi leda de ter connosco a este invitado, do que todo o mundo di, unanimemente, que é unha boa persoa, e iso xa é algo para celebrar. Imos empezar con algo de música, mantendo así iso de “quén será, quén non será” e imos dar unha pista, porque imos empezar cunhas habaneras, que teñen algo de especial, porque habaneras cantábanse e son algo que vai na tradición da zona de onde é o noso invitado de hoxe. ¿Quen
será? Despois das habaneras.
—Pois quizais estea a xente intrigada intentando localizar esa zona onde se cantan habaneras. Don Antón Avilés de Taramancos vainos explicar agora o por qué de que na súa zona, na zona de Noia, do Porto do Son, se cantan habaneras.
—Case toda a miña infancia está poboada de veleiros e hai, paréceme a min, tres zonas onde se cantan habaneras: en Noia, en Corme e en Ferrol. Eu cando era rapaz vía desde a miña aldea de Taramancos entrar os veleiros na ría en todos os anos corenta e case os primeiros anos 50 –despois xa se acabaron os veleiros– pero a música das habaneras cantábase e cántase aínda en Noia de continuo. É unha música que quedou quizais daquel tempo en que os veleiros ían ao sur, viñan cargados de viño, de sal; había un contacto permanente cos barcos que
ían a América e entón traían do sur todas estas habaneras que aínda hoxe se cantan moito na vila. Polo tanto, cando eu escoito unha habanera lévame de inmediato á infancia e lévame ao mundo dos veleiros que eu tanto amo.

Descrición:
Entrevista 1: Gravación extraída do programa radiofónico O son da súa vida, conducido por Cristina Lombao. Radio Galega. 1989.

  • entrevistado/a:
  • entrevistador/a:
  • Data: 00/00/1989
  • Tipo de material: Audio. Voz. Entrevista
  • Medidas: Duración de 1 minutos e 00 segundos
  • Publicacións: publicado en O son da súa vida;
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    A transcrición dos textos está adaptada, fundamentalmente en cuestións ortográficas e gramaticais, á actual normativa lingüística.
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
    Emisión:Radio Galega
Compartir: