Materiais

Homenaxe a Avilés de Taramancos 10: «Feliz viaxeiro subterráneo»

.

9

Feliz viaxeiro subterráneo
morto aínda quente
docemente morto
vestido da brancura última.
Non estás derrotado.
Non mórde-lo pó agre:
bicas no teu silencio o corazón da terra,
ofereceste libre, cheo de luz
ridente como unha árbore
unha derradeira árbore medrada de ti mesmo.

Agora é cando
son os teus ollos un bosque:
os teus ollos que foron un ouvear de lobo
son agora semente das raíces mais mansas.
Estás calado e morto,
pero dentro
no fondo
no teu esvaradizo corazón cristalino
retumba o brado da ledicia.

A terra non é fría
é como estar de novo no acougo
vaxinal dunha nai
sentirse arrodeado de garimosas vísceras.

Cánto te amo morto iluminado
morto terso, feliz
no barro orixinario.
Irrompes mainamente, gladiador ceifado
-mariñeiro-labrego-vencedor-compañeiro
na bóveda materna
atóbaste con gozo
na oquedade do seo,
e non sorrí a túa carne murcha
pero acaso unha rosa se está abrindo dentro.
Ouh plenitude do amor.
Ouh morto inmaculado. Crisálida.
O boi bebe da tua gorxa mansedume.

Consumido de amor morto fragante
roca de vexetal arteria:
corpo xa confundido escuramente
na urdime xenital de nai sumersa.
¿En que eiras tremola o teu himno de triunfo?
Morrer así douradamente mozo:
barda de trigo
debruzada
caída no amoroso labio dunha fouce
brillante e cega como a mocedade.

Ouh esencia feraz. Ouh morto. Plenitude.

  • recitador/a:
  • Data: 00/00/1974
  • Tipo de material: Audio. Voz. Recitado
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Gravación de audio de persoa(s) recitando
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
    O CCG agradece á familia Avilés as facilidades outorgadas para a recuperación e a edición deste documento sonoro.
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
  • Localizacións:
    gravación: Cali;
Compartir: