Audio. Voz. Recitado

Homenaxe a Avilés de Taramancos 09: «Sangue callado. Terra escura, terra»

.

8

Sangue callado. Terra escura, terra
tan clara e perfumada
que o corazón do home non ten lindes
dentro da túa luz.

¿Quen avisou a tódolos paxaros?
Do sur como unha ráfaga amarela
chegou o ouriol cun asubío:
Benvido viaxeiro tenaz, lóstrego ou claridade
das gándaras de cal e limoeiro!

Brinca no ar o gozo transparente,
digo alabastro ou ágata ou orballo:
Imos plantar unha cerdeira nova
de vermello interior vitrificado,
unha árbore absoluta no infinito
onde se pouse o vendaval tranquilo
e a aguia enfurruñada se estremeza
vibrátil e curiosa como un raio.

Unha cerdeira é un navío inquedo
que parte na mañá
e loita, e vence,
e síntese apretado polo vento,
e trae a luz sumisa, acribillada
estendida na xarcia vitoriosa.

E chega a noite: levián, polida:
unha xarada de estorniños mesta
que cae, que se derruba, que esmorece
como un castelo de cristal delgado
E acubilla os seus ollos
-tanta feliz negrura asoballada-
na pureza da flor, na ponla acesa.
Apousentada así, no vento inviolado,
ditosa, firme no esquelete de céfiro,
será como unha fronte namorada.

A chuvia
poboada de vagalumes frescos
recibirá no instante un sabor de cereixa
de mel brunido en vermelliza pérola:
debrúzase no po e novamente
faise líquida luz
encadeada luz que agora canta
de canle en canle en interior albura.
Imos plantar unha cerdeira nova
temos que darlle esa alegría ó vento.

Descrición:
Documento sonoro inédito gravado por Antón Avilés de Taramancos no ano 1974 en Cali (Colombia).
Para a transcrición do poema empregouse a segunda edición de O tempo no espello publicado por Ediciós do Castro en 1992.

  • recitador/a:
  • Data: 00/00/1974
  • Tipo de material: Audio. Voz. Recitado
  • Medidas: Duración de 2 minutos e 01 segundos
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Gravación de audio de persoa(s) recitando
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
    O CCG agradece á familia Avilés as facilidades outorgadas para a recuperación e a edición deste documento sonoro.
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
  • Localizacións:
    gravación: Cali;
Compartir: