Materiais

Homenaxe a Avilés de Taramancos 06: «O obús»

.

E cando medrou a herba e deu froito,
apareceu tamén entón o xoio. MATEU. XIII-26.

1

O doutor X fecha a porta de sete tarabelos
do seu laboratorio de Groninga. Fóra
canta o vento miúdo do serán, brincan os nenos
falan de amor, baixiño, os namorados.

Ninguén sospeita o agromar da morte.

En verdade
é terrible a semente que non nace da flor
que non coñece
o sorriso do sol
a mansedume vexetal, o aire
tecendo o seu pulmón embrionario:
A semente animal feita de amor e espasmo
un orballo docísimo que encerra
o fluído da vida e da vitoria.

(O doutor X rise a gargalladas)

Sae o semeador nocturnamente

a semear na flor dos erlenmeyer
unha pisca de odio e tres de uranio
-fechar un temporal nunha clepsidra-
e de formento nitroglicerina.

(Quentar o fogo lento
nun pírex aforado.
Redondear en pílulas
fundir ovos de aceiro
para aniñar en tobos
de xelo artificial)

O doutor X serve de galiña:
escarabella no laboratorio
cacarexa de noite, e non se sabe
se a pel dos cans presinte unha catástrofe.

Fóra canta o vento miúdo e medra o millo.
Ninguén sospeita o agromar da morte.

2

No fondo, madre, no epicentro ígneo
berra o aceiro en ansias de voar.
Ave agoreira, alcotán da morte,
azor, tagre, neblí. Escentilante
pouta no vento. Lóstrego compreso
en percura de ás e de xenreira.

A cobiza do home foille dando
pulos a esa paixón aqueloutrada
e martelou na zafra a pulso vivo
un vestido de noiva par a morte.

E voou o aceiro no afiado
gume da frecha, na avidez do sangue
do coitelo do alfanxe e da navalla.

E foi criando forza e valentía
ata ficar no ar, non sospeitado.

Fíxose libre o aceiro! Ninguén pode
conter ese fulgor ceibe no vento.

Foxen as criaturas abraidas
atoutiñando as sebes de esperanza.
Ahí vén a morte brutalmente pura
a retropropulsión na estratosfera,
é o sétimo cálice que voa
ira de Deus que fai treme-los montes
-dá volta o río no seu propio leito
e corre para os cumes espantado!-

Ahí vén o aceiro, digo a treboada,
nin tan siquera escoita o alarido
das rosas. Vén o aceiro
cápsulas de terror furando o teito
inconsútil do ar.
Cae o silencio ulindo a moitedume
interrumpido a secas
pola oración dunha formiga eivada.

  • recitador/a:
  • Data: 00/00/1974
  • Tipo de material: Audio. Voz. Recitado
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Gravación de audio de persoa(s) recitando
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
    O CCG agradece á familia Avilés as facilidades outorgadas para a recuperación e a edición deste documento sonoro.
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
  • Localizacións:
    gravación: Cali;
Compartir: