Materiais

Homenaxe a Avilés de Taramancos 02: «Od. Himno. Cántico. Elexía»

.

Galiza dentro de min
I eu todo un soio cantar…
MANOEL FABEIRO.

1

Terra nai. Raíz umbilical. Seiva nutricia.
Sinto a aorta
poboada de unha esencia de fragatas.
Cincocentos gaiteros
cantan de cara ó mar antigos himnos.
Vello país domeador de vento!

Teño os ósos
brunidos da calor da túa entraña.
Ese río que fecunda os teus óvulos,
ese río que habita nas furnas interiores
verqueume nas arterias como ascuas
e levo o sangue todo namorado.

O deixa-lo teu tobo
ventos de morte me feriran, madre!
E veleiquí que unha campá espida
mantén a túa voz na miña gorxa
e cando esfollo a curva dunha sílaba
deita o canto de berce do teu nome.

2

Tatuada –afervoadamante a pel sorrí
tatuada na carne a túa xeografía,
-Ouh o verdor erguido no lindiero da brétema
de norte a sur, Galiza, do leste ó pór do sol
levo encravado a min o teu contorno
o teu ar de corveta abandeirada
partindo a cada intre.

Todo elemento líquido que compón o meu corpo,
o sangue, o soro, a linfa,
o cuspe, a esperma, a suor que arreventa
de amarte do fondo das virillas docemente,
é un río que marcha inexorable
para desembocar na túa orela.

Meu país mariñeiro!

Teño as vísceras roídas de salitre,
dornas me navegaron polo tórax
gaivotas de lizgaira arquitectura
furanme o cal dos ósos
con tan leve voar e mainiño
que cóchegas de mar sinto na médula.

Ai meu país labrego!

Sementeiras que a man mais pura coida na seara
atravésanme os ollos cada noite
e levo o corazón feito de trigo,
de millo temperán, de mel, de viño.

Ouh terra miña, ámbito inconfundible
Amote desde o peixe á cotovía,
desde o fondo do amor como parindo.

Amote dende antes do principio do mundo
cando isto que me ergue, que latexa, que brúa,
era sal do teu corpo incandescente
-unha semente apavorada, febleque a túa man de morna periferia
arrimou ó teu colo e deulle vida.

3

Campanas de Bastabales
-miña nai arrola un neno
Rosalía non afíes
na miña gorxa o coitelo.

Campanas de Bastabales
chegaron rompendo o vento
e cantan de pinga en pinga
no meu corazón sedento.

Rosalía: non me deixes
tan lonxe que teño medo.

E ti campana de Anllóns
campana con voz de ferro:
Bergantiñán non me esquezas
dáme unha man compañeiro
que ando polo mundo a tombos
e quero volver ós eidos.

E quero canta-lo maio
todo de flores cuberto.

  • recitador/a:
  • Data: 00/00/1974
  • Tipo de material: Audio. Voz. Recitado
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Gravación de audio de persoa(s) recitando
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
    O CCG agradece á familia Avilés as facilidades outorgadas para a recuperación e a edición deste documento sonoro.
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
  • Localizacións:
    gravación: Cali;
Compartir: