Materiais

Homenaxe a Avilés de Taramancos 01: «Cántico de anguria e de esperanza pra arrolla-lo meu neno»

.

Eu vin un ceo novo e unha terra nova
porque o primeiro ceo e a primeira terra
desapareceran, e o mar xa non existe.
Apocalipse, XXI-1

Meu fillo: meu carballo pequeno,
gomo da canle vertebral,
semente miña aberta na saudade.

Qué tempo de vivir ferozmente se aproxima
ó teu ollar inda abraiado e puro!
Qué tempo nuclear, aqueloutrado,
meu capitán, vei se-la túa vida.

Días virán abanear teu sangue,
días de aceiro e lóstrego e carraxe.

Acaso a pomba aniñe proxeitís
bombas de alto poder, morte alxebraica:
e sinto
o berro do teu pequeno corazón
-o eco da miña voz multiplicada
na tua gorxa feita para o canto.

Meu fillo, meu amor, miña cobiza,
quero falar contigo docemente
semear no teu peito a miña espranza
os meus soños de home
a miña terra
-esa terra lonxana que non unxe
a túa fronte americana
a terra que me queima fondamente
eido dos teus avós por parte miña.

(E digo este cantar na seguranza
de que ha de conforta-la túa loita
esta palabra “terra” semellante
a abrir coiteladas a ledicia)

Veño meu fillo dun país sinxelo
de homes a cada paso soñadores,
criaturas de man encalecida
e a peito aberto
homes de mar que esculcan horizontes,
labregos investidos pola melancolía.

Decir patria ten algo de sabor a centeo
de nai pedindo auxilio ós catro ventos,
camaradas perdidos no abrazo derradeiro.

Todo isto
que encontras na calor do meu peito,
o rumor do granito, da chuvia, da morriña,
é a voz da miña patria que te ampara,
a ti nado na ausencia
a ti miña semente en terra allea
tan inocente e xa crucifixado.

De min non terás nunca
herdanza mais segura que este ouvear de lobo
no camiño da vida,
e esta terra lonxana que che ofrezo
que é unha ferida que hai que ir abrindo sempre.

Tempo de profecía vas a vivir meu fillo
-a besta ceibe o fogo desbordado
espadas de dous gumes no verbo dos arcanxos
pranto a xenreira e odio e temporais
que queimarán o mar, ai do navío!

Tempo tamén para o amor mais forte
o dos abandeirados do futuro,
alicerce da paz e da campá
da feliz moradía, da promesa.

Cando sexas un mozo, meu capitán,
e síntas o sangue axionllarse nos canles do cerebro
-o megatón é un mostro que arrepía de medo
volve ó eido que un día teu pai abandonara,
á terra simple
a esa hostia incólume
e acouga meu amor, descansa. Durme.

  • recitador/a:
  • Data: 00/00/1974
  • Tipo de material: Audio. Voz. Recitado
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Gravación de audio de persoa(s) recitando
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
    O CCG agradece á familia Avilés as facilidades outorgadas para a recuperación e a edición deste documento sonoro.
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
  • Localizacións:
    gravación: Cali;
Compartir: