Sabino Torres Ferrer
Pontevedra, 24/ 6/1924 - Madrid, 23/5/2016Autoría: Ana Acuña
A literatura como fábrica de soños
Co lume da mocidade nas mans
Sabino Torres Ferrer nace na cidade de Pontevedra, nunha casa da rúa Nova de Abaixo (en fronte da Alameda), o 24 de xuño de 1924. Fillo do impresor Víctor Torres, dende neno aprende o oficio de tipógrafo e encárgase dos recados da imprenta. Será Gráficas Torres, na rúa de don Filiberto, o lugar onde prenderá a súa paixón como editor e escritor.
Como o propio Sabino Torres ten manifestado, foi na imprenta onde coñeceu a maioría dos e das artistas e intelectuais do seu tempo (R. Peña, M. Pesqueira, A. Portela, Laxeiro…). Este coñecemento e trato prolongarase nos faladoiros da cidade do Lérez (Savoy, Carabela, La Niña Bonita ou Urquín, entre outros) e de Santiago de Compostela (na Rosaleda con D. García Sabell), como lugares de formación para os mozos e mozas de principios do século XX.
Os seus comezos como escritor están vinculados aos periódicos da época e á imprenta paterna. Se con dez anos reparte Aire entre os anunciantes e recolle os orixinais; case con vinte colabora en Finisterre (1943), Sonata Gallega (1948 e 1949) e en Ciudad (1945), xornal que dirixirá extraoficialmente, ao igual que Semana Deportiva e a Guía-Anuario de Pontevedra (1945); e case con trinta subdirixe Litoral (1953), do que será redactor cando o xornal sexa comprado por Domingo Dominguín (a través de quen estreita a relación co mundo dos touros).
Con todo, a presenza de Sabino Torres na vida cultural galega abrangue outros ámbitos artísticos como o teatro afeccionado e o de monicreques, a música e a literatura. O fracaso dos proxectos teatrais e xornalísticos motivarán o seu afastamento puntual ou definitivo da cidade natal. O lugar de acollida será Madrid, capital na que vivirá a bohemia nos anos 50 ata que se converta en residencia principal nos anos 70.
Antes da bohemia madrigalega de 1953-1954, Sabino Torres e os seus amigos pontevedreses protagonizan un fito para a literatura galega dos escuros anos 40 e 50: a creación, na primavera de 1949, dunha colección de poesía bilingüe (en galego e castelán) chamada Benito Soto. Como o creador ten recoñecido,
Benito Soto foi un canto xuvenil que deu as mellores rendas que pode esperar un poeta metido a editor: Madrigal de Emilio Álvarez Negreira, Como el río de Sabino Torres, Poemas de ti e de min de Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, Dona do corpo delgado de Álvaro Cunqueiro, Gárgolas de Tomás Barros, Anxo de terra de Ricardo Carballo Calero, Cantos de cotovía de Eliseo Alonso Rodríguez, Triscos de Luís Pimentel, Muiñeiro de brétemas de Manoel María, El dios de los precipicios de José Ruibal, Cantigas da noite moza de Augusto Casas, Follas de un albre senlleiro de Manuel Fabeiro Gómez, Canciós dise amor que se diz olvido de Juan Pérez Creus e os extraordinarios Fabulario novo de Manuel Cuña Novás e Musa alemá de Antonio Blanco Freixeiro e Celso Emilio Ferreiro.
A fábrica de soños madrigalega
Tralo asentamento definitivo en Madrid, Sabino Torres centrarase no traballo dentro dunha empresa mercantil (estudara ata cuarto de bacharelato en Pontevedra e Comercio en Vigo) e deixará para as horas mortas os seus soños de editar, escribir e traducir.
Non obstante, as súas afeccións literarias como lector, creador e tradutor manteranse latentes e durante anos irá reescribindo a súa obra poética e narrativa e perfeccionando as súas traducións da poeta portuguesa Florbela Espanca e da peza teatral Cyrano de Bergerac.
Rondando os 70 anos, en 1992 Sabino Torres decide outorgarlle unha segunda xuventude a Benito Soto. Nace así a colección Hipocampo Amigo, no seo de Litoral das Rías (cuxa sede estaba en Poio, na súa residencia de verán), colección que acollerá máis de 2 libros ao ano. O editor Sabino Torres maquetaba, imprimía e cosía os textos das e dos poetas máis ou menos noveis daquela (Elvira Riveiro, Mª Isabel Pazos, Alexandre Vórtice, Xaquín Chaves, Cándido Duro…), pero tamén de autoría recoñecida (Pura Vázquez, Manuel María, Manuel Pereira, César Cunqueiro, Antonio Tovar, Gregorio San Juan, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Felipe Alcaraz, Daniel Pino, Xesús Rábade Paredes, Xesús Alonso Montero…), ata chegar a máis de vinte nomes. Como ocorrera en 1949, os primeiros libros serán os dos amigos pontevedreses (Manuel Cuña Novás, Emilio Álvarez Negreira, Virxilio Nóvoa Gil). Porén, era demasiada responsabilidade (distribuír, buscar axudas institucionais, recoller os libros non vendidos, preparar presentacións…) para un editor que pasaba dos 80 anos mentres continuaba editando.
Relacionada coas amizades madrigalegas está outra das coleccións editadas por Litoral das Rías e Ánxelo Novo, o «Corpus Boroborum». Trátase de tres rolos de artigos e ensaios escritos por Raimundo García Domínguez (Borobó), con quen Sabino Torres frecuentou os faladoiros literarios dos galegos e galegas en Madrid (o Gijón e, sobre todo, o café Comercial os últimos sábados de cada mes).
Como se pode deducir, trátase de proxectos marcados pola xenerosidade e moitos deles quedaron no anonimato: o labor de apoio á tradución do teatro de Pepe Ruibal e da obra de Emilio Álvarez Negreira (un conto e un poema), a idea dunha ópera sobre o personaxe de Pepa a Loba con Borobó, os guións para unha serie de programas televisivos, a reedición de Diana de gaita de Juan Bautista Andrade… Moitas destas ideas foron intentos, outras soños (como a creación dun grupo teatral para representar a Valle Inclán todos os anos…) e outras permaneceron na intimidade (edicións Cabaliño do Mar).
Entre 2003 e 2006, na redacción de Litoral das Rías, Sabino Torres deu vida ao anuario Pontevedra, dirixido pola súa filla María. Foi unha mostra máis de amor gratuíto a Pontevedra, pois a publicación recolle os avances da cidade ilustrados cunha importante reportaxe fotográfica en cada número. Nesta liña de devoción pontevedresa están as súas últimas publicacións literarias no eido da poesía (Versos para la bella Helenes no ronsel da escola poética pontevedresa) e da prosa (As tres columnas e Crónicas dun tempo escondido).
Un ano antes de falecer, Sabino Torres compartiu o seu derradeiro soño para facelo realidade: a creación de Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid. Con Olga pechouse o círculo do editor ferido pola poesía que editaba, primeiro, as súas amizades e que nos deixou máis orfas e orfos o 23 de maio de 2016.
Como citar: Acuña, Ana : Sabino Torres Ferrer. Publicado o 20/6/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=7353. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista de Ricardo Alcantarilla a Sabino Torres
Alcantarilla, Ricardo: «Entrevista a Sabino Torres, poeta e editor», Madrygal, 4 (2001), 183-190.
Fonte: revista Madrygal
https://revistas.ucm.es/index.php/MADR/article/view/MADR0101110183A/334983-i90 [2022-04-05]
Artigo de Sabino Torres sobre a colección Benito Soto
Torres Ferrer, Sabino: «A colección Benito Soto», Madrygal, 3 (2000), 105-112.
Fonte: revista Madrygal
https://revistas.ucm.es/index.php/MADR/article/view/MADR0000110105A/33559 [2022-04-06]
Anotacións autógrafas de Sabino Torres que mostran que o poemario Como el río (1949) parasaría a titularse Cuaderno de Carmen (1997).
Fonte: arquivo persoal de Ana Acuña.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Obra de Sabino Torres
Selección bibliográfica, elaborada por Ana Acuña, na que se amosan os traballos e os días de Sabino Torres.
Artigo publicado no Diario de Pontevedra con motivo da conmemoración dos 70 anos da colección Benito Soto
Rozas, Ramón: «Bajo el pecho la herida», Diario de Pontevedra (22 de novembro de 2019).
Fonte: arquivo persoal de Ana Acuña.
Texto coa intervención de Ana Acuña pronunciada na conmemoración dos 70 anos da colección Benito Soto, acto organizado pola Real Academia Galega en 2019
Acuña, Ana: «Baixo o peito a ferida: da colección Benito Soto a Olga», Boletin da Real Academia Galega, 380 (2019), 251-258.
Fonte: Real Academia Galega
https://doi.org/10.32766/brag.380.772 [2022-04-06]
Artigo de Manuel Pereira en lembranza de Sabino Torres, coincidindo coa presentación da revista Olga
Pereira, Manuel: «Sabino, entusiasmo e atrevemento», Diario de Pontevedra (23 de xullo de 2016).
Fonte: arquivo persoal de Ana Acuña.
Artigo de Vicente Araguas en memoria de Sabino Torres
Araguas, Vicente: «Vai túa, Sabino», Diario de Ferrol (12 de xullo de 2016).
Fonte: arquivo persoal de Ana Acuña.
Textos de Xesús Alonso Montero, Vicente Araguas e Manuel Pereira Valcárcel en memoria de Sabino Torres
Alonso Montero, Xesús; Araguas, Vicente; Pereira Valcárcel, Manuel: «Lembrando ao noso Sabino», Madrygal, 19 (2016), 221-224.
Fonte: revista Madrygal
http://dx.doi.org/10.5209/MADR.54187 [2022-04-05]
Número especial da revista Olga editado trala morte do seu fundador
Páxinas iniciais do número especial da revista Olga, fundada por Sabino Torres, editado trala súa morte. O documento inclúe o índice de autores/as que participaron neste número especial e o artigo de Ana Acuña sobre a presenza das mulleres na obra de Sabino.
Fonte: «Sabino Torres: baixo o peito a ferida», Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid, 2 (2016), 3-9.
Artigo de Carmen Mejía sobre as coleccións Benito Soto e Hipocampo Amigo
Mejía Ruiz, Carmen: «Sabino Torres Ferrer e a súa paixón polas coleccións: Benito Soto e Hipocampo Amigo», Madrygal, 17 (2014), 173-175.
Fonte: revista Madrygal
https://revistas.ucm.es/index.php/MADR/article/view/46292/43518 [2022-04-05]
Ligazóns de interese
Crónica sobre a conmemoración en Pontevedra dos 70 anos da colección Benito Soto, organizada pola RAG en 2019
Fonte: Real Academia Galega
https://academia.gal/-/a-rag-lembra-en-pontevedra-a-primeira-coleccion-que-publicou-en-galego-tras-a-guerra-civil [consulta: 2022-04-12]
O Diario Cultural da Radio Galega lembra a figura de Sabino Torres, con motivo do seu falecemento [6´ 15´´]
Fonte: Radio Galega
http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-23-05-2016-2084012?t=3 [consulta: 2022-04-12]
Espazo do Diario Cultural da Radio Galega dedicado á colección Benito Soto, con motivo da homenaxe en Madrid ao seu fundador, Sabino Torres [6´ 23´´]
Fonte: Radio Galega
https://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-18-02-2014-754762?t=84 [consulta: 2022-04-12]
Entrevista a Sabino Torres realizada no marco do proxecto «Edición en Galiza durante a etapa franquista» (27 de marzo de 2013)
Fonte: Grupo de Investigación Lingüística e Literaria (ILLA). Universidade da Coruña
https://ediciongalizafranquista.udc.gal [consulta: 2022-04-11]
Presentación de Sabino Torres Ferrer á edición facsimilar dos volumes da colección Benito Soto, editados pola Deputación de Pontevedra en 1991
Fonte: Poesiagalega.org. Arquivo de poéticas contemporáneas na cultura
http://www.poesiagalega.org/arquivo/ficha/f/1100/ [consulta: 2022-05-03]
III Congreso Internacional de Poesía. 1954
Fonte: Consello da Cultura Galega
http://www.poesiagalega.org/arquivo/ficha/f/1092/ [Consulta: 2022-06-07]
Copia dixital do semanario Ciudad (1945-148), do que Sabino Torres foi director
Na primeira etapa do semanario o seu director foi Emilio Canda. Cando este marchou a Madrid ocupou o seu lugar na dirección Sabino Torres. En palabras do propio Sabino, a colección Benito Soto «naceu porque lles pecharon Ciudad».
Fonte: Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=3834 [consulta: 2022-04-11]
Entrada de Sabino Torres na Galipedia
Fonte: Galipedia
https://gl.wikipedia.org/wiki/Sabino_Torres [consulta: 2022-05-03]
A colección Benito Soto na Galipedia
Fonte: Galipedia
https://gl.wikipedia.org/wiki/Colecci%C3%B3n_Benito_Soto [consulta: 2022-05-03]
Epístolas de
Carta de Manuel María a Sabino Torres (2004)
Na mensaxe Manuel María agradécelle a Sabino Torres o envío de varios títulos da colección Hipocampo Amigo, cuxa presentación valora como preciosísima.
Fonte: arquivo persoal de Ana Acuña (doador: Sabino Torres).
Videos
Sabino Torres opina sobre as iniciativas de difusión da historia da cidade de Pontevedra [8´ 42´´]
Fonte: PontevedraTV
https://www.youtube.com/watch?v=qi6Br9y1HY4 [consulta: 2022-04-19]
Sabino Torres fala dos promotores da colección Benito Soto [1 h 11´ 40´´]
A conferencia tiña como título «Manuel Cuña Novás: amigo» e impartiuna no marco do acto Brumario Poético I - Manel Cuña Novás: Fabulario Novo, que se celebrou en Pontevedra o 28 de novembro de 2005.
Fonte: Fundación Cuña-Casasbellas
https://www.youtube.com/watch?v=-MJDUCgTvxc [consulta: 2022-04-19]
100% CEF. Unha biografía de Celso Emilio Ferreiro [60 ´ 08´´]
Longametraxe documental, dirixida por Aser Álvarez en 2012, sobre o poeta Celso Emilio Ferreiro. Intervén, entre outros, Sabino Torres, que fala de quen fora o seu amigo e director da colección Benito Soto [22´ 51´´ e 27´49´´] .
Fonte: Arraianos Producións e Multimedia
https://vimeo.com/351602041 [consulta: 2022-12-29]