Antón Tovar
Rairiz de Veiga, 1921 - Ourense, 16/6/2004Autoría: Delfín Caseiro Nogueiras
Poeta da autenticidade atormentada e do inconformismo
O poeta é o primoxénito de oito irmáns. Pasa parte da infancia en Celanova, onde o pai traballa como funcionario de Correos. Trasladado a Ourense, a familia instálase nunha casa no barrio da Ponte, ao pé do Miño, recreada en numerosas composicións. Estuda no colexio dos Salesianos e realiza o Bacharelato no instituto do Posío, sendo alumno de Otero Pedrayo. Vai ter unha intensa relación con Vicente Risco, casado cunha prima da súa nai, que lle facilita libros galegos e portugueses.
No ano 1940 comeza os estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Compostela, que abandona deseguida, chamado pola vocación relixiosa, para ingresar nos xesuítas de Salamanca, onde permanece algo menos de dous anos. A decepción relixiosa e a morte prematura do pai provocan un profundo desacougo no ánimo de Tovar e desatan unha crise mental (neurose obsesiva) con episodios de moita gravidade, que mesmo o van levar máis adiante a un sanatorio psiquiátrico en Aravaca (Madrid), internado durante catro meses.
En 1942 gaña a oposición a Contador do Estado, con destino en León e logo en Ourense como funcionario da Facenda Pública, posto que lle fan abandonar en 1967 polos problemas de saúde e pola súa militancia no Partido Comunista. Comeza a traballar como contábel e asesor na mítica libraría Tanco. Tamén fixera estudos de Maxisterio mais nunca vai exercer como docente. Na cidade das Burgas, establece relación con artistas e escritores: Arturo Baltar, Xaime Quessada, Manuel Prego, Vicente Risco, Otero Pedrayo, López Cuevillas, Julio Gimeno, Segundo Alvarado, etc.
Tovar colabora na revista literaria Posío (Arte y Letras), 1951-1954, 2ª época, cun artigo escrito en español, «El Tiempo y su Tragedia», co poema galego «Cando eu morra», con dúas composicións castelás («La sirena loca» e «Péndulo de angustia») e unha breve recensión bibliográfica. O seu primeiro poemario é Barro de nadie, escrito por volta de 1955 mais inédito até 1987, cando a Deputación de Ourense recolle nun volume a súa produción lírica española: El tren y las cosas (1960), El ladrido (1961), La Lanzada (1964) e La Barca (1973). O propio autor fálanos da traxedia da vida e das cousas e dos seres desamparados que nos acompañan neste tránsito desesperanzado. Ha de retornar á creación lírica en español anos despois, con Los versos de mi camilla. 4 formas (1997).
No ano 1959 gaña o Premio de Poesía Marina, convocado pola Deputación de Ourense, con El tren y las cosas (1960), con ilustracións de Arturo Baltar, considerado como un dos seus mellores libros de poesía española. En 1960 consegue o 1º e o 3º premios nos Xogos Florais de Guimarães, cos poemas «O can» e «Responso saudoso para D. Enrique o Navegante». Anos máis tarde, volve obter o 1º premio co poema «Deume a risa». En 1966 gaña o Premio Amor Ruibal co ensaio «Xoán XXIII e a Terra», que aparece en La Hoja del Lunes de Ourense.
O ano 1962 marca a súa consagración como poeta galego. O libro Arredores encerra toda a diversidade temática do universo tovariano: a angustia, o pesimismo, a relixión, Deus, a soidade, a palabra, o sufrimento, a rebeldía, a identidade, etc. O poemario Non (1967) é un berro abouxante de rexeitamento da opresión e a inxustiza. Son aínda tempos escuros, de escasa difusión da lírica galega. En 1974, a editorial Akal publica a súa Poesía galega completa, ao coidado do profesor Alonso Montero, que incorpora o inédito O vento no teu colo, poemario amoroso, de reconciliación coa vida, expresada nos sentimentos cara á muller amada, Tucha, confidente e amparo do poeta entre 1968 e 2000, ano do seu pasamento. Vai ser con Calados esconxuros (1980) cando o nome de Tovar transcenda o ámbito ourensán, gañando o Premio da Crítica de 1981. Estruturado en dúas partes ben definidas: unha, de poesía intimista, introspectiva; outra, social ou de combate, de compromiso cos desherdados e de reivindicación da lingua. O profesor Anxo Tarrío manifesta no prólogo:
Había tempo que nas searas da poesía galega non se tentaba unha decrúa lingüística tan cobizosa.A paixón pola palabra acompaña o escritor desde a infancia. Na década de 1970 dedícase a elaborar un completo Dicionario Ideolóxico Galego (inédito), ordenado en campos semánticos.
O explícito Berros en voz baixa (1990) faino merecente do Premio de Creación Losada Diéguez. Os maxistrais sonetos de A nada destemida (1991) e de Cadáver adiado (2001) expresan de maneira radical a angustia, a soidade, o noxo e o medo dun ser humano.
Para o profesor Alonso Montero, que prologa varios libros do escritor, Tovar é radical e honesto na súa maneira de ser e estar na existencia, transferindo a dous libros de memorias únicos polo sentimento tráxico as súas reflexións vivenciais: Diario sin datas (1987) e Diario íntimo dun vello revoltado (2001). O primeiro ábrese nestes termos:
A vida é evidentemente un milagro. (…) Maila vida é tamén un espanto, un horror, unha tortura.Un home sempre rebelde, que fai quizais as confesións máis sinceras das letras galegas.
Antón Tovar aínda ha facer unha incursión na narrativa: A grande ilusión e outros contos (1989) reúne once relatos de inspiración autobiográfica que falan de moitas das obsesións que o desacougan e torturan. Toda a súa obra creativa, feita de sentimento e sinceridade, de fermosura e vida, conforma unha auténtica autobiografía. Son palabras do propio autor:
Os títulos son un retrato do que vivín. Quen queira pode coñecer a miña vida a través dos distintos libros.
En 2001, cunha saúde moi precaria, o concello de Rairiz de Veiga desígnao Fillo Predilecto, outorgándolle o nome do poeta á biblioteca municipal. Un ano despois, o plenario da RAG propón por unanimidade o seu nome como candidato galego ao Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana. Fora nomeado membro correspondente da institución en 1984 e membro de honra en 1997.
Falece en Ourense o 16 de xuño de 2004. As súas cinzas fican no cemiterio de San Francisco da cidade.
En 2005 o PEN de Galicia publica en dous volumes a Poesía en galego, con amplo estudo introdutorio de Marcos Valcárcel. En 2006 o cantautor Anxo Rei saca o disco A rabela da pluma, no que pon música a dez poemas do escritor da Pereira.
Poeta da autenticidade e da coherencia, a súa figura está entre as primeiras voces líricas de Galicia da segunda metade do século XX. A súa militancia comunista e a súa querenza polo individualismo e a soidade non axudan á difusión nin á receptividade da súa obra. Para o psiquiatra e amigo Santiago Lamas, as palabras determinantes para Tovar eran os substantivos
xustiza,
certezae
verdade, o adxectivo
sóe o adverbio
non. O libro de conversas do xornalista X. M. del Caño recrea devagar a existencia, o pensamento e o agasallo literario de Antón Tovar.
Bibliografía
Fontes principais
Poesía galega
Arredores (1962). Vigo: Galaxia.
Non (1967). Ourense: Tanco.
Poesía galega completa (1974). Madrid: Akal.
Calados esconxuros (1980). Vigo: Xerais.
Berros en voz baixa (1990). Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
A nada destemida (1991). Vigo: Galaxia.
Cadáver adiado (2001). A Coruña: Ediciós do Castro.
Poesía en galego I (1962-1975) (2005). PEN Clube de Galicia.
Poesía en galego II (1980-2001) (2005). PEN Clube de Galicia.
Poesía española
Barro de nadie (1955)
El tren y las cosas (1960). Ourense: Comercial.
El ladrido (1961). Ourense: Trebolle.
La Lanzada (1964). Ourense: Comercial.
La Barca (1974). Bilbao.
Poesía en castellano (1955-1973) (1987). Ourense: Deputación provincial.
Los versos de mi camilla. 4 formas (1997). A Coruña: Ediciós do Castro.
Prosa
A grande ilusión e outros contos (1989). Vigo: Galaxia.
Diario sin datas (1987). A Coruña: Ediciós do Castro.
Diario íntimo dun vello revoltado (2001). Vigo: Galaxia.
Antonio Tovar: conversas cun vello revoltado (2005), de Xosé Manuel del Caño. Vigo: Galaxia.
Fontes secundarias
Alonso Montero, Xesús (2001): «Seis notas para un prólogo». En Antonio Tovar Bobillo, Diario íntimo dun vello revoltado. Vigo: Galaxia; p. 9-13.
Alonso Montero, Xesús (2005): «Prólogo (“ou cousa así”) para un libro de conversas». En Xosé M. del Caño, Antonio Tovar. Conversas cun vello revoltado. Vigo: Galaxia; p. 7-27.
Caseiro, Delfín (2007): «Presenza da Limia na obra de Antón Tovar». En Antón Tovar na Limia. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia; p. 87-112.
Caseiro, Delfín (2010-2011): «A Limia: os lugares da fantasía», Lethes. Cadernos Culturais do Limia, 10, p. 57-79.
Caño, Xosé M. del (2005): Antonio Tovar. Conversas cun vello revoltado. Vigo: Galaxia.
Lamas, Santiago (2007): «Antón Tovar». En Antón Tovar na Limia. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia; p. 49-54.
Quintana Gallego, Antía (2021): «Paisaxe, topofilia e sentido de lugar na poética do refuxio: unha achega ecocrítica a Antón Tovar». Lethes. Cadernos Culturais do Limia, 15, p. 166-191.
Tarrío, Anxo (1977): «Consideracións semiolóxicas arredor da poesía de Antonio Tovar», Grial, 57, p. 273-297.
Tarrío, Anxo (1980): «Limiar». En Antón Tovar Calados esconxuros. Vigo: Xerais; p. 11-21.
Valcárcel, Marcos (2005): «Pórtico á poesía galega de Antón Tovar: seis notas». En Antón Tovar, Poesía en galego I (1962-1975). Santiago de Compostela: PEN Clube; p. 7-40.
Como citar: Caseiro Nogueiras, Delfín : Antón Tovar. Publicado o 4/11/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=7338. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Antón Tovar
O poeta ourensán Antón Tovar é unha figura senlleira dentro da literatura galega. O seu ideario político, próximo á esquerda comunista, a súa relixiosidade e a súa actitude existencial configuran o seu particular universo poético, onde existen dous bloques temáticos: por un lado, a denuncia social; por outro, a anguria, a desolación, o pesimismo. Nestas tres gravacións, o poeta trasládanos estes aspectos. Tovar resume, en palabras de Anxo Tarrío, a dor de Galicia.
Poetas de Galicia
Antón Tovar reflexiona sobre a poesía e a súa obra no programa de RNE Poetas de Galicia, de 1968. Lita Iglesias e Andrés Rey, condutores deste espazo radiofónico, resaltan as calidades da poesía de Tovar, entretecidas co recitado dalgúns dos seus poemas. A entrevista remata co poema “Non”, publicado en 1967 no libro homónimo, na propia voz do poeta.
Duración: 13' 15''
Sinatura: ACRN00091_01.
Fondo: Fondo RNE. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
Outro, Alegría, Deume a risa
Os poemas “Outro”, “Alegría” e “Deume a risa” son recitados por Antón Tovar no programa Nós de RNE. A súa tristura ontolóxica, o seu pesimismo, a súa visión do mundo como espazo hostil e a súa ollada melancólica aparecen nestes versos pero cun aquel de retranca metafísica.
Duración: 04'32''
Sinatura: ACRN00199_07
Fondo: Fondo RNE. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
Recorrendo Galicia
O Día das Letras de 1985, adicado a Antón Losada Diéguez, Antón Tovar participa no programa Recorrendo Galicia de RNE. En Ourense é entrevistado por Horacio Caneiro e ambos os dous falan da importancia desta conmemoración. Tovar fai unha defensa apaixonada do uso da lingua e da literatura galegas.
Duración: 06'25''
Sinatura: OU00083_02
Fondo: Fondo RNE. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
A poesía como experiencia "intensamente vivida"
Conversa cun vello revoltado
Fonte: Caño, Xosé Manuel del: «Conversa cun vello revoltado», Grial: revista galega de cultura, n.º 164 (2004), 96-103. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Poema en memoria de Carlos Casares
Fonte: Tovar, Antón: «Oración». En Carlos Casares: A semente aquecida da palabra. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2003; 65. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Prólogo de Xesús Alonso Montero ao poemario Cadáver adiado
Fonte: Alonso Montero, Xesús: «Prólogo». En Tovar, Antón: Cadáver adiado. Sada: Ediciós do Castro, 2001; p. 9-11. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Tres poemas de Antón Tovar ilustrados por Conde Corbal, na revista Vieiros
Tovar Bobillo, Antonio (poemas); Conde Corbal, Xosé (ilustracións): «Galicia», «Terán razón», «Pico do mediodía», Vieiros: revista do Padroado da Cultura Galega de México, 2 (outono de 1962), 3-4.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Armando Requeixo lembra a Antón Tovar en «Faro da Cultura» de Faro de Vigo
Fonte: Requeixo, Armando: «Crónica dun poeta revoltado: 100 anos de Antón Tovar», Faro de Vigo: Faro da Cultura, (9 de decembro de 2021), p. IV
Xesús Alonso Montero lembra a Antón Tovar no Boletín da Real Academia Galega
Fonte: Alonso Montero, Xesús: «Antonio Tovar Bobillo», Boletín da Real Academia Galega, n.º 366 (2004), p. 417. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Biobibliografía de Antón Tovar na Gran Enciclopedia Galega
Fonte: González Blasco, L. et al.: «Tovar Bobillo, Antón». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, D.L. 2003; v. 42, p. 107. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Entrada de Antón Tovar no Diccionario da literatura galega
Fonte: Vilavedra, Dolores (coord.): Diccionario da literatura galega. I: autores. Vigo: Galaxia, 1995; p. 580. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
De Clarín a Antón Tovar
Fonte: Rodríguez Fer, Claudio: «De Clarín a Tovar», Boletín Galego de Literatura, n.º 7, (1992), 69-72. http://hdl.handle.net/10347/1753
Manuel María escribe en El Progreso sobre o poemario Non de Antón Tovar
Fonte: Manuel María: «Da nova lírica galega: Non de Antón Tovar», El Progreso
Ligazóns de interese
Entrada de Antón Tovar na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Ant%C3%B3n_Tovar [Consulta: 2021-11-09]
Antón Tovar en vialethes.es
Ríos Conde, Alexandre de: «O Museo da Limia celebrará o centenario do nacemento do poeta Antón Tovar», vialethes.es [consulta: 2021-11-05]
Fonte: http://vialethes.es/museo-limia-homenaxeara-poeta-anton-tovar-centenario
O Centenario de Antón Tovar no programa «Telexornal Galicia» da RTVE
Fonte: https://www.rtve.es/play/videos/telexornal-galicia/anton-tovar/6149715/?t=28s [Consulta: 2021-11-05]
Antón Tovar en museodalimia.com
Fonte: https://www.museodalimia.com/autores/anton-tovar-bobillo/ [Consulta: 2021-11-04]
Centenario do nacemento de Antón Tovar en praza.gal
Caseiro, Delfín: «Centenario do nacemento de Antón Tovar», Praza públical, (26 de outubro de 2021)
Fonte: https://praza.gal/opinion/centenario-do-nacemento-de-anton-tovar [Consulta: 2021-11-04]
Noticia do falecemento de Antón Tovar no portal culturagalega.gal
Fonte: http://culturagalega.gal/noticia.php?id=4656 [Consulta: 2021-11-09]
Audios
Poetas e narradores nas súas voces, Vol.1, CD 1 (Poetas) 54: ANTÓN TOVAR Presentación
Poetas e narradores nas súas voces, Vol.1, CD 1 (Poetas) 55: ANTÓN TOVAR O can
Poetas e narradores nas súas voces, Vol.1, CD 1 (Poetas) 56: ANTÓN TOVAR Cando eu morra
PROGRAMA SOBRE GALICIA
PROGRAMA ESPECIAL SOBRE LAS ELECCIONES MUNICIPALES DE 1983
REPORTAJE Y ENTREVISTA A ANTON TOVAR SOBRE POESIA
ENTREVISTA A ANTON TOVAR SOBRE MANOLO PREGO
RECITACION DE ANTON TOVAR DE ALGUNAS POESIAS PROPIAS
PROGRAMA ESPECIAL SOBRE ANTON TOVAR
PROGRAMA ESPECIAL SOBRE ANTON TOVAR
PROGRAMA ESPECIAL SOBRE ANTON TOVAR
Libros do ccg sobre Antón Tovar
Carlos Casares.
2003 | Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Coordinación. Henrique Monteagudo, Coordinación.
A semente aquecida da palabra