María Casares
A Coruña, 21/ 11/1922 - Alloue (Francia), 22/11/1996Autoría: Arancha Estévez Lavandeira
Unha grande actriz do teatro europeo do século XX
Na partida de nacemento dunha das actrices máis relevantes do teatro europeo do século XX reza o seu nome completo: María Victoria Casares Pérez. Na casa chámana Vitola. Filla do político Santiago Casares Quiroga e de Gloria Pérez Corrales, a nena Vitola medra no domicilio familiar da rúa Panadeiras da Coruña (hoxe Casa Museo Casares Quiroga), pasa os veráns en Montrove (Oleiros) e, coa proclamación da República en 1931 e dos cargos ministeriais do pai, reside en Madrid durante o curso escolar. A finais de 1936 chega como exiliada a París coa súa nai; no ano 1940 xa é a aspirante á actriz Maria Casarès. Así, á francesa.
É o desterro a que a conduce ao cumio da interpretación europea. Moi nova, Casares comeza a súa carreira como actriz no Théâtre des Mathurins, en París; con apenas vinte anos ocupa as portadas das revistas de moda e é eloxiada pola crítica máis esixente, que vai prezando o seu francés de sotaque galego. «Todo París fala dela», titula a revista Marie Claire nunha dobre páxina en xuño de 1943. O cinema, un mundo no que ela nunca se vai sentir cómoda, tamén a reclama; o seu primeiro papel será en Les enfants du paradis, dirixida por Marcel Carné e estreada en 1945, considerado o mellor filme francés de todos os tempos. Outros filmes emblemáticos na cinematografía gala, como Les dames du Bois de Bologne, de Bresson, ou Orphée, de Cocteau, contarán co seu carisma na década dos corenta do pasado século.
Consolida a súa carreira como actriz tráxica antes de facer os trinta. Tras o paso, breve, pola Comédie Française, da que sae entre outras razóns polos problemas administrativos derivados da súa condición de refuxiada, María Casares intégrase en 1954 na troupe do Théatre National Populaire de Jean Vilar. A filosofía do TNP, a súa vinculación co Festival de Avignon, as xiras internacionais por América Latina, a extinta URSS, EUA, Canadá....ocúpana até o fin desa década. Co TNP fará unha xira en 1957 por Brasil, Uruguai, Arxentina, Chile e Perú, na que destaca o impresionante recibimento do exilio galego en Bos Aires e o seu encontro con Eduardo Blanco Amor, Virxinia Pereira, Luis Seoane, o actor Tacholas e tantas outras figuras desterradas, coma ela. Non cesan de agasallala, é o símbolo do exilio triunfante; séntese desbordaba por tanto afecto. Nos anos sesenta, tras a súa marcha do TNP, María viaxará de novo a América Latina onde atopará cómplices entre unha xeración de novos dramaturgos e fará por primeira vez teatro en castelán en Bos Aires con outro mito da escena, Margarita Xirgu, que a dirixe en Yerma de García Lorca.
No escenario ata o final, celebra os cincuenta anos na profesión na tempada 1992-1993 con louvanzas para o seu papel do Lear de Shakespeare, dirixida por Bernard Sobel. Grandes papeis nos últimos anos de vida. Anos de recoñecementos e premios como o Moliere, o Nacional de Teatro en Francia ou a nominación aos César polo seu papel no filme La lectrice. María Casares morre o 22 de novembro de 1996 en Alloue, onde está soterrada xunto o actor André Schlesser “Dadé”, co que casara en 1978.
Un legado vigoroso
No tempo transcorrido desde a morte de María Casares, a súa figura non deixa de suscitar interese. En Francia, o amplo recoñecemento obtido como actriz en vida reforzouse tras o falecemento. En Galicia, destaca o traballo de divulgación da figura da actriz desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia cos premios anuais de teatro. María Casares acepta encantada a proposta para que os galardóns leven o seu nome desde a primeira edición, en 1997. A vixencia de María Casares tamén se reflicte no labor investigador de María Lopo, ao redor dos arquivos franceses e galegos, coa publicación de materiais que nos permiten ter unha visión grande angular da vida e carreira da actriz.
Francia celebra o seu legado como intérprete e, ademais, como persoa refuxiada. Non en van, desde o ano 2010 a división europea da Office Français de Protection des Refugiés et Apatrides leva o seu nome. A súa memoria maniféstase fielmente en Alloue, Francia, na Maison Maria Casarès. Un centro cultural que desprega unha ampla programación ao redor das artes e do teatro, localizado na que foi vivenda da actriz, legada no seu testamento a este pequeno concello francés no que viven seiscentas persoas. No ano 2000 arranca a actividade pública na finca La Vergne co primeiro festival de verán e coa compañía teatral galega Casahamlet como convidada. A troupe do actor Manuel Lourenzo chega cun carballo e terra de Montrove. La Maison Maria Casarès en Alloue funciona ademais como arquivo da memoria e da xenerosidade da actriz. Unha “residencia privilexiada”, din as compañías de teatro noveis que cada ano habitan o predio.
Un acontecemento literario, tamén en Francia, pon o foco en María Casares vinte anos despois da súa morte. En 2017, Catherine Camus, filla de Albert Camus, publica coa editorial Gallimard as cartas entre o Premio Nobel e a actriz. Máis de oitocentas, escritas entre 1944 e 1959, que se converten na sorpresa editorial do ano no país galo. As cartas son un tesouro que nos revela máis da personalidade de ambas figuras: as súas inquedanzas, os seus procesos de traballo, as viaxes e os proxectos compartidos, a riqueza da súa escrita, etc. As misivas cruzadas entre ambos en tempos sen internet, percorren boa parte do mundo durante os quince anos que dura a relación de amor, amizade e colaboración profesional entre Casares e Camus, que falece en accidente de tráfico en xaneiro de 1960.
María Casares e Galicia
O 19 de xullo de 1976 María Casares chega a Madrid despois dunha longa viaxe en tren. O retorno da exiliada. Sae con 13 anos para Francia. Volve con 53. Chega para comezar os ensaios de El Adefesio, peza de Rafael Alberti. Non quere ser símbolo. Pero as primeiras semanas en Madrid lévanlle a contraria. En setembro recibe unha homenaxe na que participan entre outros José Tamayo, Terenci Moix, Ana Ventura, Juan Antonio Bardem, representantes do Movimiento Democrático de Mujeres e do comité central do Partido Comunista. Atende a medios de comunicación todos os días e participa nunha morea de actos que requiren a súa presenza. El Adefesio estréase o 24 de setembro de 1976 no Teatro Reina Victoria de Madrid. Xira con esta obra por Murcia, Zaragoza e Barcelona. Síntese soa. Antes de El Adefesio, ronda a posibilidade de restablecer vínculos coa terra de orixe. Despois dos nove meses de xira, esa posibilidade esváecese. En marzo de 1977, cunha doenza hepática, deixa Barcelona destino París. Fin dunha xira que non chega a Galicia.
Algo termina para sempre entre a actriz e España naquela tempada teatral. Un ano despois acepta escribir as súas memorias nas que explora o seu subterráneo. As páxinas de Résidente privilégiée son un tratado apaixonado ao redor das súas lealdades: Galicia, Exilio, Familia, Camus. En 1994, dous anos antes da súa morte, María Casares dille ao escritor e xornalista Manuel Rivas en París:
Cando volvín a Madrid matei moitas cousas; púxenme en orde con elas. E despois está Galicia. Con Galicia nunca me puxen en orde. E quero estar en desorde. É a infancia.
Na Coruña non ten casa. Todos os bens familiares son incautados en 1936. E non querería durmir nun hotel na súa cidade natal, tal como lle confesa a Ursula Heinze a finais dos anos oitenta nunha entrevista. María Casares é nomeada Filla Predilecta da Coruña en 1984 e, catro anos máis tarde, concédeselle a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. Aínda así, non vén a Galicia. En 2007 inaugúrase na Coruña a Casa Museo Casares Quiroga no domicilio da rúa Panadeiras, coa presenza de Esther Varela Casares, sobriña da actriz exiliada en México xunto á súa nai desde 1955. O centenario de María Casares, en 2022, é motivo de diferentes programacións e homenaxes en Galicia e Francia.
Para saber máis:
Medios multimedia
A fondo. TVE. Entrevista con Joaquín Soler Serrano, 1981. Accesible en https://www.rtve.es/play/videos/a-fondo/fondo-maria-casares/4056808/ [Consulta: 2022-05-04]
Especial Radio France Centenario María Casares. Accesible en https://www.radiofrance.fr/franceculture/podcasts/affaire-en-cours/2022-centenaire-de-maria-casares-7853971 [Consulta: 2022-05-04]
Bibliografía
Blanco Rosas, Jesús (1995): Galicia Emigrante: Prensa e Radio no Exilio. Vigo: A Nosa Terra.
Braxe, Lino; Seoane, Xavier (1989): Escolma de Textos de Audición Radial de Luis Seoane, Galicia Emigrante (1954-1971). Sada: Ediciós do Castro.
Camus, Albert; Casarès, Maria (2017): Correspondance 1944-1959. París: Gallimard.
Casares, María (2009): Residente privilexiada. Oleiros: Trifolium.
Castro de Paz, J.L; Pena Pérez, Jaime, coord. (2002): María Casares, unha actriz fronte á cámara. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Servizo Galego de Igualdade.
Estévez Lavandeira, Arancha (2022): María Casares. A célebre refuxiada, a descoñecida. Allariz: Aira Editorial.
Fernández Santander, Carlos (2000): Casares Quiroga. Una pasión rebublicana. Sada: Ediciós do Castro.
Figuero, Javier (2007): Albert Camus, exaltación de España. Barcelona: Planeta.
Figuero, Javier; Carbonel, Marie-Hélène (2005): Maria Casarès l’étrangère. París: Fayard.
Forsythe, Florence M. (2013): Maria Casarès, une actrice de rupture. Arles: Actes Sud.
Forsythe, Florence M. (2017): Tu me vertiges. L'amour interdit de Maria Casarès et Albert Camus. París: Le Passeur Editeur.
Heinze, Ursula (1991): Mulleres. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Hermida Mondelo, Sabela (2013): Desarrollo artístico de María Casares en el marco existencialista francés. [Tese doutoramento. Madrid: Universidad Rey Juan Carlos].
Is, Ernesto (2018): Despois das ondas. A Coruña: Deputación.
Lopo, María (2008): Cartas no exilio. A Coruña: Baía.
Lopo, María (2016): O tempo das mareas: María Casares e Galicia. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega
Plantagenet, Anne (2021): La única. Barcelona: Alba Editorial.
Rivas, Manuel (1997): El periodismo es un cuento. Madrid: Alfaguara.
Rodrigo, Antonina (1996): Mujeres para la historia. La España silenciada del siglo XX. Madrid: Compañía Literaria.
Todd, Olivier (1997): Albert Camus. Una vida. Barcelona: Tusquets.
Como citar: Estévez Lavandeira, Arancha : María Casares. Publicado o 5/5/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=733. Recuperado o 30/05/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Filmografía de María Casares
Documento que recolle toda a filmografía de María Casares
DOCUMENTACIÓN SOBRE
José Luís Méndez Romeu aborda unha das facianas das relacións de María Casares con España.
MÉNDEZ ROMEU, José Luís (2022): «La recepción artística de María Casares en España» Nalgures, revista da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia, n.19, p. 167-192.
Fonte: estudioshistoricos.com
Bravas. Científicas e artistas galegas da nosa historia, 7H Cooperativa Cultural, 2020
Fonte: 7H Cooperativa Cultural
Mulleres e memoria histórica, por Aurora Marco
Elaborado con motivo da aprobación da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura.
Capítulo dedicado a María Casares no libro Mulleres de Ursula Heinze
Heinze, U.: «María Casares». En Mulleres. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1991; 11-42.
Fonte: Exemplar da biblioteca do CCG
Entrevista a María Casares no Correo de Galicia de Bos Aires
«María Casares. Niña mimada, joven decidida y Madre Coraje», Correo de Galicia, Bos Aires, (1969).
Fonte: Museo do Pobo Galego. Biblioteca Bouza Brey
Tese de doutoramento de Sabela Hermida sobre María Casares
Hermida Mondelo, Sabela: Desarrollo artístico de María Casares dentro del marco existencialista francés [Tese de doutoramento]. Madrid: Universidad Rey Juan , 2013
Fonte: https://eciencia.urjc.es/bitstream/handle/10115/12255/TESIS_28-01-13_LOGOWEB.pdf?sequence=1&isAllowed=y
Artigo de Sabela Hermida na revista Madrigal
Hermida Mondelo, S.: «María Casares: do trasterro ó exilio», Madrigal, 18 (2015), 275-282.
Fonte: Madrigal. [DOI http://dx.doi.org/10.5209/rev_MADR.2015.v18.48544]
Ligazóns de interese
Biografía de María Casares na DB-e da Real Academia de la Historia
Fonte: https://dbe.rah.es/biografias/11122/maria-victoria-casares-perez [Consulta: 2022-05-05]
María Casares en Mujeres malditas de RTVE
[Última consulta: 06/10/2021]
Especial de Radio France no Centenario María Casares
Fonte: https://www.radiofrance.fr/franceculture/podcasts/affaire-en-cours/2022-centenaire-de-maria-casares-7853971 [Consulta: 2022-05-04]
Videos
Entrevista a María Casares no programa A Fondo. RTVE
Entrevista a María Casares na televisión francesa
Ce corps qui nous contient — Jean-Cocteau
Audios
A periodista Ana María Riso entrevista a María Casares con motivo da posta en escena de Yerma no Teatro Municipal de San Martín baixo a dirección de Margarita Xirgu(1963)
Libros do ccg sobre María Casares
O tempo das mareas.
2022 | María Lopo, Autoría.
. María Casares e Galicia