Xesús “Chichi” Campos
La Laguna (Santa Cruz de Tenerife), 26/ 12/1952 - Santiago de Compostela (A Coruña), 26/2/1991Autoría: Nico Campos
Unha visión aguda e vertixinosa de Galicia
Humorista como forma de vida, todo o que tocaba quedaba impregnado da súa esencia e personalidade. Tanto debuxando como escribindo, deixou unha inxente produción artística para alguén que morreu con trinta e nove anos acabados de cumprir.
Xesús naceu na Laguna, en Tenerife, o 26 de de decembro de 1952, sendo naquel momento o séptimo fillo da familia Campos Álvarez, que residía alí polo destino de seu pai, militar de profesión. Pero antes de que Chichi cumprira un ano, a familia marchou para Madrid para coidar a saúde de Miguel, o sexto irmán Campos, que tiña unha afección cardíaca.
Despois de dous anos e algo na capital, marcharon con destino definitivo á Coruña, onde nacerían os restantes cinco fillos da familia, facendo un total de catorce persoas nunha casa máis ben xusta, onde Miguel e Chichi moitas veces eran os que entretiñan a pais e irmáns. Miguel era todo para Chichi, del aprendeu a debuxar e con el percorría os arrededores da Coruña nunha moto que tiñan. Nunha desas viaxes, foron ata as festas do Castro de Samoedo, onde coñeceu a Ángeles “Anciñas” Ripoll e comezaron a mocear [seguramente por ter ambos nomes pintorescos].
Miguel dicía que por culpa da súa enfermidade non chegaría aos vinte anos. E chegou. Por pouco, pero chegou. Foi Chichi quen advertiu que estaba a morrer porque durmían na mesma liteira, e tivo que sacalo en brazos para ir ao centro de saúde, a onde non chegaría con vida. Isto marcou profundamente á familia, e en especial a Chichi, que empezou a desvincularse do fogar paterno para afianzar máis a relación con Anciñas.
Foi nesta época cando coñeceu a Xosé Díaz, mozo de María Ripoll, irmá de Anciñas e fillo de Isaac Díaz Pardo. Con el comezou unha profunda amizade e colaboración artística, formando xunto a Luís Caparrós Esperante e Rosendo Díaz (irmán de Xosé) o Grupo de Cómic do Castro. Nesta agrupación conxugábanse por un lado a cultura propia de Galicia, que os irmáns Díaz viviron desde sempre pola influencia de seu pai e todo o que o rodeaba, e polo outro lado as influencias do underground americano que traían Luís e Chichi [a historia do Grupo do Cómic do Castro está perfectamente explicada no libro Os pioneiros da banda deseñada galega 1971-1979 de Xulio Carballo. (Xerais, 2019)]. Pero o mundo abríuselles cando coñeceron a Reimundo Patiño e O home que falaba vegliota [a vida de Reimundo Patiño cóntase na novela gráfica Bo tempo de Alberto Díaz (Demo Editorial, 2020)]. Este cómic-mural de Patiño marcou aos catro rapaces, que comezaron a facer exposicións, primeiro nas festas do Castro – a mostra foi retirada ao pouco pola policía-, e logo varias itinerantes por institutos de Galicia, que, ou foron retiradas pola policía, ou vandalizadas por fascistas [hai que recoñecer que había liberdade de elección].
Mentres o Grupo seguía traballando, Chichi comezou a confraternizar coas figuras máis importantes do galeguismo no exilio, que visitaban o Castro por mediación de Isaac Díaz Pardo. Grazas a isto, fixo amizade con Luís Seoane, Xosé Neira Vilas ou, sobre todo, con Eduardo Blanco Amor.
O momento álxido do Grupo do Cómic do Castro chegou en 1973, cando a editorial Roi Xordo de Xenebra lles encargou facer unha revista de cómic en galego, que sería A Cova das Choias. Impresa en Suíza, traíase a Galicia clandestinamente e distribuíase de man en man. Chichi comezara a traballar na Galería Mestre Mateo da Coruña, fundada por Xosé Ramón López Calvo e que codirixían entre ambos os dous, e alí recibía os paquetes coa revista e así evitaba que chegasen á casa Campos. Aquela galería fundárase pola observación que Luís Seoane fixera, diante de Chichi e Xosé Ramón, sobre a falta de locais culturais en Galicia, polo que se puxeron mans á obra e, entre vandalización e vandalización [había moitos Vándalos, pero poucos Alanos], logrou expoñer a Miró ou Tápies, entre galegos que comezaban como Correa Corredoira, Xaime Cabanas ou Quesada.
Volvendo ao Grupo de Cómic do Castro, a publicación d’A Cova das Choias, aínda que non tivo un segundo número, conseguiu que publicacións como Ruedo Ibérico se fixaran na agrupación e os invitaran a colaborar en varios números. Tamén fixeron bastantes exposicións, sendo salientables as da Asociación O Galo, xunto a Xaquín Marín e Reimundo Patiño, ou a Mostra Homenaxe a Castelao, organizada pola Asociación Cultural O Facho. Pero todo chegou ao final ao redor do 1975, cando Chichi foi vivir a Lugo. Alí colaborou con Xesús Alonso Montero en distintos proxectos e rematou traballando na Libraría Souto.
Foi nesta época cando a súa militancia no Partido Comunista de Galicia pasou a ser máis intensa. Xa levaba anos no partido, pero nestes anos comezou a militar máis activamente, integrándose no consello da Xuventude Comunista de Galicia, e chegando a ir de número nove polas listas da Coruña nas eleccións ao Parlamento Español de 1977. O seu compromiso co comunismo foi innegable, xa fose repartindo panfletos ou facendo reunións informativas clandestinas cando pechaba a libraría [coa complicidade do dono, que sutilmente miraba cara a outro lado].
En decembro de 1977 casa con Anciñas na capela do Castro onde se coñeceron uns anos antes, e a parella foi vivir a Lugo, onde Chichi seguía traballando na libraría Souto, e autoeditaba "fanzines" como O Carallo 29. Pero a principios de 1978, Isaac Díaz Pardo chamouno para poñer en marcha a Galería Sargadelos de Santiago, polo que se mudaron a Compostela, onde empezaría unha das etapas máis fructíferas do señor Campos. Nestes anos, a Galería converteuse nun epicentro cultural de Santiago, o lugar onde todo o mundo ía, onde todo evento que puidese ser censurado, podía ter lugar, e onde tamén se buscaba o novo talento que comezaba a asomar a patiña na Galicia da transición.
Chichi segue a ser parte importante do Partido Comunista e, nas eleccións municipais de 1979, vai de número dous na lista electoral para a alcaldía de Santiago, non saíndo por uns míseros vinte votos. Tamén colabora nas campañas electorais do Partido, redeseñando o logo e deseñando unhas pegatinas con distintos slogans, cun especialmente exitoso que citaron tanto Carrillo como Alberti, que dicía:
Ao carallo cos caciques.
E en decembro de 1979, Chichi e Anciñas tiveron un fillo [que non sei se sería un momento verdadeiramente definitorio da súa vida, pero a ver quen ía estar escribindo este artigo se non nacera…].
Durante esta época tamén participou en distintas actividades de Sargadelos, como o I Seminario Galego do Humor, celebrado no Castro, onde coñecería a Pepe Carreiro e de onde sairía o xerme de Can Sen Dono, a revista de humor gráfico en galego na que Chichi colaborou en todos os números ata a súa morte. Tamén empeza a escribir para diferentes xornais, como A Nosa Terra, El Correo Gallego, El Ideal Gallego e colabora con revistas e "fanzines" como La Naval ou Valiundiez.
En 1982 comeza a axudar a unha pequena imprenta que estaba principiando, Tórculo, escollendo o nome xunto a Salvador García-Bodaño e deseñando o primeiro logo, ademais de facer os primeiros encargos desde a Galería Sargadelos.
Pero en 1984 todo cambiou. Primeiro co seu despido da Galería Sargadelos e logo co seu abandono do Partido Comunista. Estes dous cesamentos, un involuntario e outro voluntario, deixárono sen os piares que o sustentaban nos últimos anos, aínda que as amizades acudiron a axudalo. Primeiro Xosé Díaz, montando xunto a el e Pepe Barro o estudo de deseño B, C & D asociados, e Jacobo Bermejo de Tórculo encargándolle mil proxectos. E da colaboración entre ambas as empresas xurdiron cousas como o I Congreso da Fotocopia ou as Festas de Babel, dándolle fama á figura de Avelino Abilleira [esquecido membro da Xeración Nós ao que condenaron ao ostracismo pola súa condición homosexual. Perdéranse case todos os seus escritos e, aínda que bastantes persoas da intelectualidade recordaban telo lido ou coñecido, era completamente inventado].
B, C & D asociados duraría apenas un ano. Chichi seguiría colaborando con xornais e revistas pero, nos últimos meses do 1985, marcha a Canarias a vivir un tempo co seu irmán Federico e alí deu positivo en VIH. Naquel momento dicíase que só se contaxiaban os homosexuais e os drogadictos, e a Chichi non lle gustaban os homes. As drogas foran unhas compañeiras de viaxe durante estes anos, e xa lle buscaran problemas, pero nunca tan grandes coma este.
Sendo seropositivo, pero sen ter SIDA, a principios de 1986 volve a Santiago, a vivir con Anciñas e Nico [servidor], e comeza a traballar na TVG, primeiro no magazine Entre Nós, e máis tarde cos programas A ver que vai ser esto, S.O.S., Máis Ozono ou Adiviña quen vén esta noite. Nos dous primeiros xuntou como dúo cómico a Manuel Manquiña e a Antonio Durán “Morris”, elevando o gamberrismo desa televisión incipiente a uns niveis nunca máis alcanzados.
Entre idas e vindas da televisión, Chichi seguiu debuxando para xornais como Diario 16 de Galicia ou Xornal Diario, ademais de seguir colaborando con A Nosa Terra e Can Sen Dono. Pero en 1990, o VIH transformouse en SIDA, e Chichi iría consumíndose pouco a pouco, entrando e saíndo do hospital ata que morre o 26 de febreiro de 1991.
En abril dese ano, os compañeiros de Can Sen Dono organizan unha retrospectiva urxente no Castelo de Soutomaior, en 1992 a editorial A Nosa Terra recompila os seus artigos no libro Estampas do Mundo Elegante [reeditado en 2022 por Tórculo para financiar un documental sobre a vida de Chichi e coa colaboración de máis de trinta e sete autoras e autores para renderlle homenaxe]. En 1993, Xosé Díaz organiza a exposición Xesús Campos: Unha visión aguda e vertixinosa de Galicia.
Atrás quedaron a incrible colección de artigos, guións e debuxos espallados por diferentes libretas, manteis e panos de mesa que regalaba a toda persoa que os quixese. Porque Chichi si quería facer un mundo máis interesante.
Como citar: Campos, Nico : Xesús “Chichi” Campos. Publicado o 27/12/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=638. Recuperado o 02/06/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Manuel Veiga entrevista a Chichi Campos en A Nosa Terra
Veiga, Manuel: «Xesús Campos, Chichi:
Fonte: Mediateca do Consello da Cultura Galega. A Nosa TerraO que representa Xosé Luis Blanco é xusto o contrario do que represento eu», A Nosa Terra, 406 (2 de novembro de 1989), 10-11.
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_fd_pub2211_ANosaTerra_0406_19891102.pdf [Descarga: 2022-12-20]
Colaboración de Chichi Campos na revista Valiundiez
Campos, Chichi: «Jeometría adulta...», Valiumdiez/cite>, 7 (nadal 1985), 4.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Lois Pereiro segundo Chichi Campos
Campos, Chichi: «Autópsia lírica de Luís S. Pereiro», A Nosa Terra, 255 (10 de outubro de 1984), 18.
Fonte: Mediateca do Consello da Cultura Galega. A Nosa Terra
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_fd_pub2211_ANosaTerra_0255_19841010.pdf [Descarga: 2022-12-20]
Texto e debuxo de Chichi no catálogo Xesús Campos: Unha visión aguda e vertixinosa de Galicia. Museo do Pobo Galego, setembro-outubro de 1993
Campos, Xesús: «13 anacos do humorista contados por si mesmo: Crónica secreta»; En Xesús Campos: Unha visión aguda e vertixinosa de Galicia. Santiago de Compostela: Consorcio da Cidade, 1993; 20-21.
Fonte: Biblioteca particular
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Estudo sobre Chichi Campos e a súa obra Estampas do mundo elegante
Veiga, Martín: «Crónica de sociedade, sátira carnavalesca e representación imagolóxica en Estampas do mundo elegante (1992), de Xesús Campos». En Requeixo, Armando: Sobre letras e signos: estudos en homenaxe a Anxo Tarrío Varela. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2017; 761-774.
Fonte: Xunta de Galicia. https://libraria.xunta.gal [Descarga: 2022-12-20]
Análise do rexurdimento do humor galego da man de debuxantes como Quesada, Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Chichi Campos, Gogue ou Pepe Carreiro, entre outros
Caballer Wangüemert, Felix: «La segunda edad de oro del humor gráfico gallego (1982-2000)», Revista Internacional de Historia de la Comunicación, 4 (2015), 198-219.
Fonte: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=5139651 [Descarga: 2022-12-21]
O deseñador Pepe Barro dedícalle a Chichi Campos un capítulo do seu libro O como é o que conta
Barro, Pepe: «Xesús Campos retorneado: Retrato do artista incandescente"». En Barro, Pepe:O como é o que conta. A Coruña: Barro Deseño, 2014; 149-154
Fonte: https://www.academia.edu/24078970/Ocomoe_oqueconta [Descarga: 2022-12-26]
A Nosa Terra lembra a Chichi aos quice anos da súa morte
A.N.T.: «Lembrando a Chichi Campos: O 26 de febreiro van quince anos da morte do humorista e activista cultural», A Nosa Terra, 1212 (do 23 de febreiro ao 1 de marzo do 2006), 28.
Fonte: Mediateca do Consello da Cultura Galega. A Nosa Terra
http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca/cabeceira/index.php?p=2211&id=7523 [Descarga: 2022-12-20]
Lembranza de Chichi Campos dez anos despois do seu pasamento
Carballa, Xan: «Humorista, xornalista, guionista e comunista: Dez anos sen Chichi Campos», A Nosa Terra, 982 (12 de abril de 2001), 32
Fonte: Mediateca do Consello da Cultura Galega. A Nosa Terra
http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca/cabeceira/index.php?p=2211&id=7523 [Descarga: 2022-12-20]
Xesús Alonso Montero e Pepe Barro lembran a Chichi no catálogo da exposición Unha visión aguda e vertixinosa de Galicia. Museo do Pobo Galego, setembro-outubro de 1992
Alonso Montero, Xesús: «Epístola laudatoria para Xesús Campos»; Barro, Pepe: «Retrato dun artista incandescente». En Xesús Campos: Unha visión aguda e vertixinosa de Galicia. Santiago de Compostela: Consorcio da Cidade, 1993; 98, 101.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Introdución de Xosé Díaz á primeira edición de Estampas do mundo elegante
Díaz, Xosé: «Xesús Campos, o conquistados». En Campos, Xesús: Estampas do mundo elgegante. Vigo: A Nosa Terra, xullo de 1992; 9-11.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Exposición sobre Chichi Campos no castelo de Soutomaior, organizada pola revista Can sen dono
Veiga, Manuel: «Peden un programa especial da TVG para Xesus Campos: Can ·sen Dono organiza unha exposición do criador recentemente falecido», A Nosa Terra, 473 (18 de abril de 1991), 18.
Fonte: Mediateca do Consello da Cultura Galega. A Nosa Terra
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_fd_pub2211_ANosaTerra_0473_19910418.pdf [Descarga: 2022-12-20]
Ligazóns de interese
A nova edición de Estampas do mundo elegante preséntase no Museo do Humor de Fene
Fonte: https://fene.gal/museo-do-humor/noticia/gl/6707 [Consulta: 2022-12-21]
Reportaxe en culturagalega.gal sobre Chichi Campos
Hermida, Xermán: «Chichi Campos desde o outro mundo: Un libro, unha exposición e un documental reivindican a figura deste creador aos 31 anos da súa morte», http://culturagalega.gal, (14 de marzo de 2022).
Fonte: http://culturagalega.gal/noticia.php?id=33566&soportal=lg3,%20bd [Consulta: 2022-112-20]
Marcos Pena esribe sobre Chichi Campos e a súa obra en praza.gal
Pérez pena, Marcos: «Chichi Campos, figura incómoda que miraba
Fonte: https://praza.gal/cultura/chichi-campos-figura-incomoda-que-miraba-onde-non-se-pode-mirar-explicado-para-millennials [Consulta: 2022-12-20]onde non se pode mirar, explicado para "millennials"», praza.gal, (2 de marzo de 2022).
Tese de Xulio Carballo Dopico sobre a historia da banda deseñada galega
Carballo Dopico, Xulio:O Para unha historia da banda deseñada galega: a narración a través da linguaxe gráfico-textual. [Tese de doutoramento dirixida por Luciano Rodríguez Gómez (dir. tes.). Universidade da Coruña (2014)]
Fonte: https://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/14829 [Consulta: 2022-12-20]
Artigo de Daniel Salgado sobre Chichi Campos, en El país
Salgado, Daniel: «Queremos tanto a Chichi», El país, (13 de marzo de 2011). Accesible en: http://novashistoria.blogspot.com/2011/03/queremos-tanto-chichi.html [Consulta: 2022-12-21]
Fonte: http://novashistoria.blogspot.com/2011/03/queremos-tanto-chichi.html
Acceso á edición dixital da revista A Cova das Choias, do Grupo do Cómic do Castro do que formaba parte Chichi Campos
O portal culturagalega.or>/cite> publicou en 2003 a edición dixital d'A Cova das Choias, a primeira revista de cómic galega. A edición tamén ofrece material inédito relacionado coa publicación.
A ver que vai ser esto, programa da TVG con guión e dirección de Chichi Campos. 1987
Fonte: https://www.crtvg.es/cultural/especiais/a-ver-que-vai-ser-isto [Consulta: 2022-12-21]
Chichi foi guionista e director de programas na nacente TVG
Maneiro, Arturo: 25 anos de Televisión de Galicia: De 1985 a 2010. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 2013.
Fonte: http://www.editorialcompostela.com/descarga-ebook/25anosDeTelevisionDeGalicia.pdf [Consulta: 2022-12-21]
Chichi Campos en Tebeosfera
Fonte: https://www.tebeosfera.com/autores/campos_alvarez_xesus.html [Consulta: 2022-12-20]
Entrada biobibliográfica de Chichi Campos na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Xes%C3%BAs_Campos_%C3%81lvarez [Consulta: 2022-12-20]
Espazo web de Chichi Campos en facebook
Fonte: https://www.facebook.com/chichicamposhumorista [Consulta: 2022-12.21]
Acceso á hemeroteca d'A Nosa Terra: periódico galego semanal: desde o número 0 (2 de decembro de 1977) ata o número 1417 (29 de xullo de 2010)
Fonte. A Nosa Terra. Mediateca do Consello da Cultura Galega.
http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca/coleccion.php?id=7523 [Consulta: 2022-12-21]
A revista Can sen dono en tebeosfera.com. Acceso ás portadas
Fonte: https://www.tebeosfera.com/colecciones/can_sen_dono_1983_can_sen_dono.html [Consulta: 2022-12-23]
Epístolas de
Carta de Campos a Seoane. 1973
122 Paul Klee / c
Viena. 26.10.73
Luis e Maruxa Seoane
Paseo de Ronda 15-17
La Coruña
Spanien
Desde iste recuncho xiado da vella Europa, unha aperta forte de
Xesús Campos
Carta de Seoane a Campos. 1974
Buenos Aires, 12 de Marzo de 1974
A Xesús Campos
A Cruña
Querido amigo:
Recibín a sua do 2/2 coas noticias da Galería que abriron, “Mestre Mateo”. Agradézollas moito e dispóñome a colaborar con vostedes no que poida. Parecéume moi ben que a teñan inaugurado con Laxeiro, un dos pintores mais inquedos da Galicia de hoxe a pesares da edade, e menos comprendido de algúns, os que mercaban e gostaban soio dos seus cadros mais amábeles. Tamén penso que é importante facer mostras de artistas de fora de España e do resto da penínsua. Téñense que por dacordo con algunha galería de Portugal, Oporto ou Lisboa, que ten xente moza moi boa. Penso que a mitade das esposicións teñen de sere de galegos que mostren inquedanza na sua obra. Eu, tan pronto poida, remitiréilles unha tamén de grabados, cecáis pro xulio ou agosto, refírome ó envío. Agora estou a facer un álbum pra unha editorial de álbumes de grabados de San Paulo, en Brasil, que teño de entregar en Maio, titúlase Gilles de Rais, trátase, como sabedes, do cabaleiro, sádico e criminal, que loitóu xunto a Xoana de Arco no primeiro tercio do século XV.
Pondreivos en contacto con un grupo de grabadores de eiquí que agoran viaxan expoñendo por América, pero que voltarán nos derradeiros días deste mes, “Gravas”, paréceme o grupo mozo mais importante.
Con lembranzas e saúdos de Maruja e meus pra todolos amigos comúns, pra López Vázquez, Xosé, a quén lle debo carta, con lembranzas garimosas pra Anciñas, reciba unha forte aperta de:
[Seoane]
Carta de Seoane a Campos. 1974
Buenos Aires, 13 de Maio de 1974
A Xesús Campos
A Cruña
Meu querido amigo:
Duas verbas nada mais para lle decir que lle estóu moi agradecido polo envío dos catálogos da Galería Mestre Mateo. Matino que están facendo unha moi boa laboura e que as esposiciós proban non somentes bon xuicio senón que atenden á calidade da obra do espositor. Hoxe tamén lle escribo a Xosé con motivo da sua mostra. En canto a vostedes, a Anciñas e vostede, non lles tiñamos agradecido a felicitación de fin de ano e aproveitamos de facelo agora. Gostóume enmáis o seu dibuxo de homaxe a Ortiz Alonso.
Eu teño moito traballo, tres mostras pra o que ven do ano e grabados pra un libro. De xeito que todo o tempo é pouco como se dí. Eiquí comeza agora en Maio a tempada de esposiciós. Anúncianse algunhas moi boas.
Repito o meu agradecemento, saúdos pra Anciñas e vostede de Maruja e meus:
[Seoane]
Carta de Campos a Seoane. 1977
Lugo, 17 de Novembre de 1977
Sr. Luis Seoane
A Coruña
Benquerido amigo:
Envíolle o testo dun cativo comentario feito por min e retransmitido por Radio Lugo nun programa diario no que veño facendo crítica de libros. O poema de A diadema de Ribadeo recitóuno o poeta Xesús Manuel Valcárcel, de Lugo.
Enteréime por Xosé Díaz da súa recente operación. Desexándolle o pronto restablecemento, saúdalle afectuosamente (a vostede e máis a Maruxa),
Xesús Campos
[Anexo.]
[Mecanografado.]
AUTOR: LUIS SEOANE.
TÍTULO: OBRA POÉTICA.
EDIT. EDICIÓS DO CASTRO. A Cruña, 1977.
PVP: 240 pesetas.
Nacido en 1910 en un hogar de emigrantes en Buenos Aires y llegado de niño a Galicia, donde realizó sus estudios, licenciándose en Derecho en la Facultad Compostelana, Luis Seoane es una de las más importantes personalidades de la cultura gallega contemporánea. Exiliado a Buenos Aires tras la guerra civil fue gran animador de la cultura gallega en el exilio y una de las personas que más firmemente contribuyeron a hacer posible la continuidad de nuestra cultura, olvidada y perseguida en Galicia durante el franquismo. Polifacético y prolífico artista, desarrolló su obra en diversos campos: Pintura, grabado, ilustración, dibujo, edición de libros y revistas, programación radiofónica, teatro, ensayo, etc... es, sin embargo, poco conocido como poeta, en Galicia. Su poesía, de una gran riqueza, está en la vanguardia de la poesía cívica de posguerra.
El volumen que comentamos está compuesto por sus cuatro libros de poesía, editados en Argentina: Fardel de eisilado (1952), Na brétema Sant-Iago (1956), As cicatrices (1959) y A maior abondamento (1972).
El libro, ilustrado con grabados y dibujos de las anteriores ediciones de los poemas incluidos, constituye una obra necesaria no ya para los amantes de la buena poesía, sino también para todos aquellos que sean capaces de vibrar con la emoción y el inmenso amor a una tierra y a un pueblo como el que se palpa en el poema que recordamos:
A DIADEMA DE RIBADEO (de 1959)
Cantamos en tí os cabelos ao ar tinxidos prá guerra
O temor do océano,
da noite.
As antigas pregallas aos boscos,
ás augas.
Ao máis vello pobo coñecido.
Á fundación mesma dos nosos medos.
Coma tivésemos querido ter nos lumes ceibes das
montañas,
nas misteriosas labaradas do mar,
no aguzado voo das aves,
aínda nas quentes entranas animáes,
os agoiros do noso presente.
Gostaríamos contemprar no solpor aos guerrilleiros
vitoriosos
encabalgar pol-o areal, dempois de teren desfei-
tado as vagas e aos invisíbels, celestes, deu-
ses estraños.
Amaríamos teus misteres primeiros.
A cerámica,
a orfebrería,
o tecido.
De ser ourives
agacharíamos nas covas o tesouro futuro:
os metáes,
as xoias recén feitas,
xunto das pallozas,
a carón dos dólmens.
Tivésemos gostado omildarnos ao pé do vello castiro,
na montaña sagra soio habitada de loiras
raíñas,
das fadas das xesteiras,
dos toxales,
dos seres que aínda moran entre os labregos e
que viñeron de quen sabe que outro país lonxano.
Ter sido na noite o sacerdote que agavease pol-o
carballo xigante a cortar o visgo sacro.
Que anunciase a paz cos brazos en outo,
o nascimento dos fillos na tribu,
as loiras colleitas abondosas.
De ter sido ourives
ou ceramistas
dibuxaríamos os paxáros de auga,
os signos abstratos nos escudos dos mozos guerreiros,
nos torques das doncelas.
As liñas paralelas dos vasos campaniformes.
Ou,
sendo guerreiros,
cobriríamos as nosas testas de longos cabelos tinxidos
de vermello cos cascos de tres cimeiras.
Levaríamos nos cós rexas espadas,
nas máns esquerdas a cetra,
as afiadas lanzas nas mans dereitas.
Encabalgando orgulosos sobor dun río,
ou andando
de a pé
coma soio soldados,
teríamos unha mascota animal.
Unha ou dúas,
o poldro bremante,
a tortuga silandeira.
Mascotas que representan as virtudes guerreiras.
Na loita ergueríamos ferinte e ameazador o tono
da vos.
Resumiríamos, nos nosos apelidos, o derradeiro
berro dos mortos que fica sangrante no peito
de todol-os desterrados,
o apelido do teu pobo,
Diadema de Ribadeo.
Publicacións periódicas
Cova das Choias, A (1973-1973) .
Revista de comic galega