Berta Á. Cáccamo
Vigo, 1/ 9/1963 - Vigo, 11/5/2018Autoría: Carlos L. Bernárdez
Unha traxectoria vital e creativa destacada pola súa rigorosa achega ao debate pictórico contemporáneo
Estamos ante unha artista intensamente reflexiva que, a partir dunha actitude de rigorosa investigación formal, inseriu as súas procuras nos debates sobre o sentido da pintura no contexto internacional.
A pintora Berta Cáccamo é unha das máis relevantes figuras da pintura galega da súa xeración. Destacou pola súa personalidade, aberta e solidaria, e deixou unha fonda pegada no medio artístico. A xenerosidade foi unha das cualidades que marcaron a súa maneira de ser e estar na vida e na arte.
Licenciada en Belas Artes na Facultade de San Jordi de Barcelona, completou a súa formación académica co doutoramento, iniciado en Barcelona e con continuidade na Facultade de Belas Artes de Pontevedra onde a defende en 2015. Nun período inicial de consolidación obtivo, coa súa obra, o II Premio na XXI Bienal de Pontevedra e gozou dunha estadía na Cité Internacional des Arts en París entre 1990 e 1991. Nos dous anos seguintes (1992 e 1993) continúa a súa formación en Italia como bolseira na Academia de Belas Artes de Roma. Este sólido percorrido creativo levaríaa a ser profesora na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo desde 1995 até 2013.
A súa traxectoria virá acompañada, desde moi nova, de importantes recoñecementos. A máis do xa mencionado II Premio XXI Bienal de Arte da Deputación de Pontevedra (1990), o seu traballo é seleccionado na VII Biennal Jove Pintura Contemporánea da Caixa de Pensións en Barcelona en 1988,e recibe ao ano seguinte o Premio Ciutat de Palma en Mallorca.
Nos inicios, na década dos oitenta, sen ser allea á pulsión expresionista do momento, optará por procesos máis reflexivos. O impacto atinxido polo seu traballo nesta altura fará que estea presente en importantes exposicións colectivas en España, Europa e os Estados Unidos. Son anos nos que parte dun peso importante do matérico e elabora obras que son produto dunha longa xestación en que o sígnico e mesmo o simbólico teñen un papel relevante. Estes aspectos irán perdendo importancia ao tempo que gaña entidade o puramente plástico, os pigmentos e a mancha dotados dunha fonda contención.
A súa obra chega a unha primeira madurez a finais da década dos oitenta e comezos dos noventa, apoiada nun esencialismo que se percibe na simplificación dos cadros reducidos ao elemental tal como, nun contexto diferente, fixera Joan Miró. Crea un auténtico alfabeto plástico, baseado en correspondencias e contrastes entre formas e cores, mais sen ningunha rixidez, que tenden a unha expansión modulada. Neste sentido podemos falar de formas elocuentes que deixan o trazo do visíbel no pincel e que, en función da maneira en como aplica a cor, poden acelerar ou amolecer unha forma. Como na estética oriental, a intención da artista non é describir sensacións senón suscitalas. Para isto a pintura proporciona os elementos onde apoiar cadeas de pensamento e emoción. Crea así unha concreción plástica que, se lle aplicásemos unha analoxía lingüística, sería como unha frase o máis obxectiva e breve posíbel. As exposicións dos anos noventa coa compostelá Galería Trinta e a viguesa Abel Lepina, son testemuños deste proceso evolutivo. A participación en proxectos expositivos do CGAC e do MNCA Reina Sofía consolidan nestes anos o recoñecemento da súa pintura. Recibe en 1996 o Premio Eixo Atlántico e, en 1998, o Premio Adquisición no V Certame Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña.
Nesta altura, a súa é unha pintura feita por redución cun forte peso do baleiro. O oriental, o ideograma e, en xeral, o sígnico toman corpo no seu traballo e aparece aí a lembranza de Tàpies e Miró como un eco lonxincuo recoñecíbel.
Nos primeiros anos do novo século, o traballo de Berta Cáccamo afonda nunha liña de depuración formal. A partir destas obras todo é menos evidente. O que antes era cita, como podían ser as formas de inspiración caligramática, son agora referencias máis evocativas e cifradas.
Na tensión entre o rigor formal e o lirismo, as súas estruturas magmáticas ou as súas liñas enleadas son sempre signos cifrados, fluídos e manchas cheos de intensas suxestións, produto dunha fonda análise que fica detrás do lenzo.
Desde mediados da pasada década, a obra Berta Cáccamo busca
expresarmáis que
representar. Neste sentido, a súa pintura esténdese polo lenzo como unha descarga de tensión nunha especie de automatismo psíquico. De todos os xeitos, cómpre salientar que este punto de partida é, en certo sentido, corrixido nunha segunda fase da realización, xa que a pintora retoca lenemente e repasa a obra logo da acción de vertido da pintura. Este feito non obedece a simples razóns ornamentais, pola contra, trátase dunha actitude que poderiamos cualificar de metapictórica, dun distanciamento reflexivo, unha acción posterior pero ligada a unha intensa carga emocional, con moito de berro e de neurose.
A pesar do pulo expresivo, nun proceso de exploración semiolóxica sobre aspectos da linguaxe, non renuncia á carga intelectual que arrastra esta actividade. O seu fluír de fíos e manchas non é casual e desordenado, senón que escolle cores determinadas, nas que dominan tonalidades medias industriais e cunha carga decorativa que supoñen un reto para a artista; ao tempo, precisa as cantidades e dirixe o xesto. A artista aplica unha camada de pintura sobre outra, o que ela denominaba, en sintonía con Luis Gordillo,
pintar a pintura. Unha expresión que é, de seu, unha acción de “representación” do propio feito de pintar.
Na obra final de Berta Cáccamo o signo –aquel signo augural dos seus primeiros lenzos- foi transformándose en fluído, en berro, nun proceso que nos leva desde as tramas circulares até a mancha, planos formais que conforman un auténtico contraposto. Mantense, porén, unha actitude común coa obra anterior. Concrétase na vontade de evitar o espectacular, de dar sempre preferencia a un rigor que acaba por configurar unha especie de expresionismo ascético. O resultado é a acción, o xesto, mais un xesto analizado, que ten moito de realización metalingüística. Daquela, a obra de Berta Cáccamo confórmase, sobre todo, como unha acción cromática expansiva que se converte nun ambiente e procura espontaneamente o espacial. Este espazo en expansión, construído polo xesto e a mancha, consegue provocar, sobre todo, unha chamada de atención sobre o puro feito pictórico e a súa capacidade de comunicación, un dos aspectos fundamentais da reflexión sobre o papel da pintura no momento actual. Estes aspectos puideron repasarse na importantísima exposición que lle dedicou o CGAC en 2017, Expansión ensaio, que coincide co relevante Premio da Cultura Galega. Sección de Artes Plásticas, ao que se veu sumar en 2018 o Premio Gala do Libro na categoría de Libro ilustrado por Tinta de luz (Chan da Pólvora, 2017), poemas de Pepe Cáccamo con ilustracións da nosa artista.
A obra última de Berta Cáccamo foi definíndose a partir dunha liña argumental sutil -que é a idea de representación dunha acción pictórica-, que lle permite ofrecer ao espectador, sobre todo, suxestións.
Ao contemplar a pintura de Berta Cáccamo lembro unha referencia do escritor John Berger cando afirmaba que
é o feito de ver o que establece o noso lugar no mundo que nos rodea. Penso nesta frase porque o resultado, máis que a idea inicial, prodúceme a sensación de que o fundamental na súa obra é precisamente que se trata dunha pintura que permite concretar a captación como un lugar que converte os lenzos en redutos de pensamento e percepción. Porque a arte pode ser moitas cousas, mais nunca banal, e isto, evidentemente, é o que non é a obra de Berta Cáccamo. Estamos, pola contra, perante unha pintura fondamente meditada. Pensamento e creación, contención e lirismo, velaí as fórmulas en que a pintora desenvolveu o seu rico mundo interior para levarnos ás súas moradas mentais, ao seu mundo aberto e en expansión. Un mundo que hoxe lembramos, na presenza da súa obra e na memoria dos que puidemos compartir a súa maneira de sentir a cerna da existencia, como xogo creador que colocaba a largueza do seu vitalismo á mesma altura da introspección reflexiva como posicións centrais da condición humana.
Bibliografía
Almeida, Bernardo Pinto de: «O três segredos de Berta». En Berta Cáccamo. Porto: Galeria Fluxus, 1991.
Álvarez Cáccamo, Xosé María: «O legado de Berta Cáccamo». En Berta Cáccamo. Enteiramente pintado: rexistros dun percorrido vital. Santiago de Compostela: Chan da Pólvora Editora, 2019.
Barro, David (comisario): Berta Cáccamo/ expansión ensaio. Santiago de Compostela: CGAC, 2017.
Bernárdez , Carlos L.: «Moradas mentais. A pintura de Berta Cáccamo desde a materia á mancha». En Berta Cáccamo. Enteiramente pintado: rexistros dun percorrido vital. Santiago de Compostela: Chan da Pólvora Editora, 2019.
Bernárdez, Carmen: «Berta Cáccamo». En A la pintura. Barcelona: Fundación Argentaria, Palau de la Virreina, 1995.
Combalía, Victoria: «Berta Cáccamo». En Berta Cáccamo. Barcelona: Galería Alfonso Alcolea, 1990.
Clot, Manel: «Lóxica da pulsión, rastros do mundo. Ó longo dunha sombra do desastre». En Berta Cáccamo. Pontevedra: Deputación, Servizo de Publicacións, 1997.
Nieves, Juan de: “Revelacións afectivas». En Berta Cáccamo. Enteiramente pintado: rexistros dun percorrido vital. Santiago de Compostela: Chan da Pólvora Editora, 2019.
Valle, Gentz del: «Bajo el triunfo de la nieve». En Dibujos germinales. Madrid: Museo Nacional Reina Sofía, 1999.
González-Alegre, Alberto: «Branco sobre branco». En Berta Cáccamo. Pontevedra: Deputación, Servizo de Publicacións, 1997.
Mont, Miquel: «El espacio de la liquidez». En Verquidos. Santiago de Compostela: Casa da Parra, 2014.
Pérez, Luis Francisco: «O existente irrecoñecible: reflexos, formas e presenzas na abstacción pictórica de Berta Cáccamo». En Berta Cáccamo/ expansión ensaio. Santiago de Compostela: CGAC, 2017.
Pinto de Almeida, Bernardo: «O três segredos de Berta». En Berta Cáccamo. Porto: Galeria Fluxus, 1991.
Ruiz de Samaniego, Alberto: «Líquida aniquilación». En Berta Cáccamo. Vigo: Galería VGO, 1999.
Como citar: Bernárdez, Carlos L. : Berta Á. Cáccamo. Publicado o 12/7/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=591. Recuperado o 28/03/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Fragmento dunha conversa entre Berta Cáccamo e Miquel Mont reproducida no catálogo da exposición Berta Cáccamo: expansión ensaio. CGAG. 4 de novembro de 2016 / 22 de xaneiro de 2017
Fonte: «Berta Cáccamo -Miquel Mont: fragmento dunha conversa». En Berta Cáccamo/ expansión ensaio, CGAC, Santiago de Compostela, 2017, p. 135-151.
CÁCCAMO, Berta: Expansión e ensaio
Folleto da exposición de Berta Cáccamo no Centro Galego de Arte Contemporánea. 4 de novembro de 2016 a 22 de xaneiro de 2017
Fonte: CGAC
DOCUMENTACIÓN SOBRE
FERNÁNDEZ FARIÑA, Almudena: «Unha ollada feminista arredor de Berta Cáccamo». Grial, n.º 223 (2019), p. 143-147
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Materiais da exposición Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Angela de la Cruz (14 outubro 2016 – 16 abril 2017). Comisaria: Rosario Sarmiento
A exposición Mulleres do silencio presentou obras de Mónica Alonso, Berta Cáccamo, Elena Colmeiro, Carmen Corredoyra y Ruiz de Baro, Mª Antonia Dans, Angela de la Cruz, María Victoria de la Fuente, María Xosé Díaz, Lolita Díaz Baliño, Almudena Fernández Fariña, Mª Elena Fernández-Gago, Menchu Lamas, Maruja Mallo, Fina Mantiñán, Tatiana Medal, Julia Minguillón, Rosalía Pazo Maside, Soledad Penalta, Pamen Pereira, Beatriz Rey, Mercedes Ruibal
Fonte: marcovigo.com
ÁLVAREZ CÁCCAMO, Celso «Berta Cáccamo. Con motivo da forma». En Marxes e mapas. A creación de xénero en Galicia: catálogo, Santiago de Compostela: Auditorio de Galicia, 2009.
GONZÁLEZ-ALEGRE, Alberto: «Áreas de asombro e silencio (sobre a pintura de Berta Cáccamo)», A Trabe de Ouro. Revista de Pensamento Crítico, n.º 12 (1992), p. 563-565
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
Entrada de Berta Cáccamo na Wikipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Berta_C%C3%A1ccamo
Mesa redonda con motivo da mostra Berta Cáccamo: Papeis 1988-2018. Participantes: Xosé María Álvarez Cáccamo, Carlos López Bernárdez e Juan de Nieves. Galería Trinta, Santiago de Compostela (04/01/2021).
Fonte: https://vimeo.com/542172274
«Berta Caccamo. El tiempo a favor». Crítica de Ángel Calvo Ulloa en El Cultural (23/03/2020)
Fonte: https://elcultural.com/berta-caccamo-el-tiempo-a-favor
Berta Cáccamo. Enteiramente pintado: rexistro dun percorrido vital. Comisariada por Juan de Nieves. Sala de exposicións de Pazo Torrado, Cambados. (Do 27 de setembro ao 3 de outubro de 2019)
Fonte: http://www.m-arteyculturavisual.com/2019/10/03/berta-caccamo-escribio-enteramente-pintado/
Acceso en liña á publicación Mulleres do silencio: de Maruja Mallo a Ángela de la Cruz. Pontevedra: Deputación Provincial, 2019
Fonte: http://almudenafernandezfarinha.com/almudena/wp-content/uploads/2021/07/MulleresDoSilencio2019.pdf [Consulta: 2023-07-24]
Expansión ensaio. Exposición de Berta Cáccamo no CGAC (04/11/2016 a 22/01/2017)
Fonte: http://cgac.xunta.gal/GL/exposicion-detalle/68/berta_caccamo_expansi%C3%B3n_ensaio_ESP#ad-image-0
Fátima Otero entrevista a Berta Cáccamo no programa Espacio de arte (29/10/2014)
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=mW6GPkLho9s
Catálogo da exposición Verquidos de Berta Caccamo. 2014
Fonte: https://issuu.com/culturagalegaxunta/docs/cat__logo_verquidos-berta_c__ccamo
Exposición 93, de Berta Caccamo (22 de novembro de 2013 a 23 de marzo 2014). Web CGAC
Fonte: http://cgac.xunta.gal/ES/exposicion-detalle/39/93#ad-image-0
Berta Cáccamo no espazo web Atalaia co Consello da Cultura Galega
Fonte: http://culturagalega.org/atalaia/artistas/berta-caccamo
Acceso ao catálogo da exposición A arte inexistente: as artistas galegas no século XX. Santiago de Compostela: Auditorio de Galicia, 1995
Berta Caccamo na galería Trinta
Fonte: https://www.trinta.net/artista.php?id=21
Espectral. Exposición de Berta Caccamo no espazo web do CGAC
Fonte: http://cgac.xunta.gal/ES/exposicion-detalle/6/espectral#ad-image-0
Artigos Berta Á. Cáccamo
CáCCAMO, B. (1/1986) [Sen título]. Festa da palabra silenciada. (03), 1.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
CáCCAMO, B. (1/1986) [Sen título]. Festa da palabra silenciada. (03), 51.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
CáCCAMO, B. (1/1986) [Sen título]. Festa da palabra silenciada. (03).
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
CáCCAMO, B. (3/1988) Catro/4/Cuatro pintoras. Obra. Andaina. 1ª época (14), 27.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Colectivo Andaina de Mulleres;
Libros do ccg sobre Berta Á. Cáccamo
Arte + pintura.
2015 | Almudena Fernández Fariña, Edición. María Luisa Sobrino Manzanares, Edición.