Antón Losada Diéguez
Moldes (Boborás, Ourense), 22/ 12/1884 - Pontevedra, 15/10/1929Autoría: Francisco Fernández Rei
Losada Diéguez, de liñaxes fidalgas que se remontan ao século XVI
Licenciado en Letras en 1902 pola Universidad de Deusto e doutor en 1905 pola Universidad Central, cursa tamén estudos de Dereito, que remata en Santiago en 1914. Profesor auxiliar na Universidade de Santiago (1910-1912) e catedrático de Filosofía nos Institutos de Toledo (1913), Ourense (1914-1919) e Pontevedra (1919-1929), compaxina até 1915 a súa afiliación ao carlismo, que lle viña por tradición familiar, cunha intensa actividade no agrarismo socialcatólico nas comarcas do Carballiño e A Estrada. En 1917 ingresa nas Irmandades da Fala, sorprendentemente da man dun home de esquerdas, Lois Porteiro, con quen mantiña unha forte amizade, forxada durante o seu breve período como profesor en Santiago. Axiña pasa a formar parte do cumio dirixente das Irmandades da Fala e con el participa en novembro de 1917 na Semana de Galicia, que ten lugar en Barcelona por invitación da Lliga catalá. Antes recrutara en Ourense o grupo de Vicente Risco, sobre o que exercerá sempre unha grande influencia. Como resultado da alianza das Irmandades coa Lliga para as eleccións de febreiro de 1918, Losada apadriña no distrito do Carballiño o mozo maurista José Calvo Sotelo, que sae elixido, e el prefire presentarse polo da Estrada para dar a batalla ao marqués de Riestra. Non conseguirá escano, como tampouco no ano seguinte, no que repetirá experiencia.
Losada é un dos poucos tradicionalistas católicos que asume dentro das Irmandades o salto do rexionalismo ao nacionalismo. En recoñecemento ao seu ascendente no movemento, é escollido para presidir en Lugo a I Asemblea Nacionalista (Lugo, 17-18 de novembro de 1918), na que se aproba o programa básico do nacionalismo até 1936: soberanía compartida da Galicia-nación coas restantes nacións ibéricas; amplísimas competencias do Estado federado galego; democratización radical do sistema político, con igualdade de dereitos para a muller; oficialidade do galego e regaleguización cultural do país; supresión das deputacións provinciais, e diversas reformas para combater o atraso e a emigración. Losada asume ese programa, malia que nalgunhas cuestións estaba nos antípodas da súa ideoloxía, pero en cuestións tácticas forma tándem con Vicente Risco, opoñéndose a calquera participación nas eleccións que implicase unha alianza cos republicanos, en contra do parecer do sector liberal-demócrata. As tensións acumuladas desembocan na escisión da IV Asemblea (Monforte, 18-20 febreiro de 1922). A maioría das agrupacións, agás as da Coruña, Vilalba e Betanzos, seguen a Losada e a Risco na formación da Irmandade Nazonalista Galega (ING), presidida polo segundo, e da que Losada é conselleiro de Espallamento. A ING pretendía ser un partido radicalmente nacionalista, centralizado e disciplinado, que loitase contra o sistema da Restauración dende fóra. E así, na campaña das eleccións de 1923, fai propaganda pola abstención, aducindo que Galicia non estaba representada no Parlamento español, porque só o estaría con forzas políticas propias. Tamén establece boas relacións co agrarismo de Basilio Álvarez, na esperanza de facerse cunha gran base social labrega. O golpe de Estado que inicia en Barcelona o xeneral Miguel Primo de Rivera o 13 de setembro de 1923 puxo rápido final ao experimento.
Porén, José Calvo Sotelo, un dos cerebros do novo réxime, reactivou a súa vella relación con Losada para convencer a este e a algúns irmandiños máis, como Risco, de que colaborasen coa Ditadura aceptando nomeamentos en concellos e deputacións a cambio da concesión a Galicia dunha Mancomunidade como a catalá. A colaboración tivo lugar mentres a promesa seguiu en pé, pero rematou en 1925 cando a Ditadura estableceu unha estrutura territorial tan centralista ou máis que a anterior. E aquí acabou a actividade propiamente política de Losada.
Mais non foron estas as súas únicas contribucións ao labor das Irmandades. Pouco dado ao protagonismo público e á escritura, el estivo detrás de moitas iniciativas importantes, como a creación das revistas Nós (1920-1936) e Alborada (1922). É na súa casa de Pontevedra onde se fan as primeiras reunións para a posta en marcha do xornal Galicia (1922-1926) e onde crea en 1922 cun grupo de discípulos, entre eles Xosé Filgueira Valverde, a Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas, precedente inmediato do Seminario de Estudos Galegos, que se fundará en Santiago o 12 de outubro de 1923, ao que se sumará a Xuntanza, e no que Losada ingresará en 1924 co discurso «Encol da prosa galega». Logo de dimitir en xaneiro de 1925 como vicepresidente da Deputación de Pontevedra, malia as presións de Calvo Sotelo para que non o fixese, centra as súas enerxías en anchear a base sociocultural do galeguismo. O 9 de abril dese ano funda e preside a Coral Polifónica de Pontevedra, e en 1926 fai o propio co Club de Fútbol Eiriña, decatándose con grande intuición do gran potencial nacionalizador que tería o fútbol, que daquela daba os seus primeiros pasos como deporte de masas. Pero un cancro rematou coa súa poliédrica actividade a prol de Galicia o 15 de outubro de 1929, antes de cumprir os 45 anos. Non puido contemplar o vizoso rexurdir do nacionalismo galego que empezaría o ano seguinte.
Como citar: Fernández Rei, Francisco : Antón Losada Diéguez. Publicado o 11/1/2017 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=5042. Recuperado o 27/01/2023
Antón Losada Diéguez
Moldes (Boborás, Ourense), 22/ 12/1884 - Pontevedra, 15/10/1929Autoría: Adrián Estévez Iglesias
Filósofo, escritor e político galego, loitador incansable na defensa e unión do galeguismo.
Antón Losada Diéguez naceu no pazo de Moldes, na parroquia do mesmo nome do concello de Boborás. Foi fillo do avogado tradicionalista Miguel Losada Losada, da veciña parroquia de Laxas, e mais de Carmen Diéguez Arias y Correa. De neno viviu na Estrada, onde o seu pai foi notario, e entre os dez e os quince anos permaneu no colexio dos xesuítas en Camposancos (A Guarda).
Seguiu estudando cos xesuítas na Universidade de Deusto, ao tempo que se examinou dalgunhas materias de Dereito na Universidade de Salamanca, onde se licenciou en Filosofía e Letras en 1902. Fixo un curso de Dereito na Universidade de Santiago no ano académico 1902-1903, mais deixouno e en 1904 marchou a Madrid a facer o doutoramento en Filosofía e Letras. Presentou a súa tese en 1905 na Universidade Central, sobre La vida es sueño de Calderón de la Barca.
Na súa etapa madrileña coincidiu co violinista pontevedrés Manuel Quiroga, sobre quen escribiu varios artigos. Desde 1907 veu de forma habitual a Galicia, e participou no movemento agrario nas zonas da Estrada, O Carballiño e o Val Miñor.
En 1910 asentouse en Santiago de Compostela ao comezar como profesor adxunto de Armando Cotarelo Valledor, catedrático de lingua e literatura españolas. Ao tempo, proseguiu os seus estudos de Dereito. Militou de forma activa no catolicismo, participando en mitins contra as escolas laicas. Seguidor da corrente xaimista, que defendía as pretensións ao trono monárquico do carlista Xaime de Borbón y Borbón.
Optou á cátedra de Teoría da Literatura e das Artes da Universidade de Salamanca, que non acadou malia aprobar as oposicións, e suspendeu ao optar á cátedra de Lóxica do Instituto de Pontevedra. Finalmente en maio de 1913 acadou a cátedra no Instituto de Tenerife. Permutou a praza e deu clases un ano en Toledo. Despois permutou de novo a praza, nesta ocasión con Eloy Luís André, e en outubro de 1914 incorporouse ao instituto de Ourense.
Axiña comezou a ser parte activa da vida cultural da vila, canda a Vicente Risco, Marcelo Macías, Arturo Noguerol ou Florentino López Cuevillas entre outros. Foi elixido tesoureiro do Ateneo, e presidiu a sección de Literatura. No verán de 1915 deu varios mitins en defensa do agrarismo socialcatólico. En 1916, nun artigo en La Región, afastábase do xaimismo e defendía o rexionalismo catalán. En xuño de 1917 participou na fundación de La Centuria e en outubro ingresou nas Irmandades da Fala. Renovou o activismo das Irmandades en Ourense, atraendo ao galeguismo o núcleo de La Centuria, o cal foi en certo modo o xermolo do galeguismo que deu pé á Xeración Nós. En novembro dese mesmo ano viaxa a Barcelona para establecer contacto coa Lliga Regionalista de Francesc Cambó, onde participou na Semana Galega que se celebrou no Institut de Cultura.
Presentouse ás eleccións xerais de 1918 polo distrito da Estrada, mais foi vencido polos caciques riestristas contra os que xa viña clamando desde tempo atrás. Seguiu traballando a prol do catolicismo, e traduciu ao galego a Salve Raíña. En novembro dese ano presidiu a Primeira Asemblea Nacionalista, que se celebrou en Lugo. En maio de 1919 o voceiro A Nosa Terra publica o Manifesto do Partido Nazonalista Galego, redactado por Losada Diéguez. No outono de 1919 estableceuse en Pontevedra, onde sería catedrático de filosofía. Alí tivo como alumno a Xosé Filgueira Valverde, e foi compañeiro de claustro de Castelao, Ramón Sobrino Buhigas e Bibiano Fernández Osorio-Tafall entre outros.
Propúxolle a Vicente Risco a creación da revista Nós, onde apareceron tan só oito textos seus. Catro deles publicáronse nos primeiros números, en 1920 e 1921. O primeiro foi o artigo «Teoría cuasi trascendental da velocidade», sobre a rapidez dos tempos modernos, que remata cun prometedor continuará
mais non viu continuación. No número 3 publicou «Conto sinxelo», unha ficción sobre un boxeador estadounidense. No número 5 aparece outro conto seu, pero neste caso de estética costumista. No número 8 (decembro de 1921, adicado a Terence McSwiney e a Irlanda) fai un panexírico do autor e político finado o ano anterior.
Tras a escisión acontecida na Cuarta Asemblea Nacionalista, celebrada en Monforte de Lemos en febreiro de 1922, non volveu mandar colaboracións. Xunto con Risco formou a Irmandade Nazonalista Galega e depois participou, en Vigo, na creación do xornal Galicia. En maio de 1924 ingresou no Seminario de Estudos Galegos.
Logo da proclamación da ditadura de Miguel Primo de Rivera foi nomeado vicepresidente da Deputación de Pontevedra. Na vila do Lérez promoveu a creación do Museo Provincial, foi o presidente da Sociedad Coral Polifónica e mais do Eiriña Club de Fútbol.
En maio de 1928 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega. En abril de 1929 retomou as súas colaboracións en Nós, no número 64, cun romance que fora recollido por Alfredo Brañas en Moalde (Silleda) para unha Historia da Literatura Galega. Tras o seu falecemento en outubro de 1929, apareceron na revista varios textos del. O número 71 da revista, de novembro de 1929, está adicado á súa memoria e, xunto a un texto laudatorio de Filgueira Valverde, publícanse varios inéditos de Losada Diéguez. No número 73 recóllese o traballo «Encol da prosa galega», o seu discurso de ingreso no SEG. Finalmente, no nº 75 aparece a «A sinificación profunda do galeguismo», esquema dun manifesto redactado cara a 1918.
En 1915 casara con Albina Espinosa Cervelo, sobriña neta de Marcial e Avelina Valladares. Con ela tivo un fillo, Antonio, en agosto de 1916. Tres meses despois tanto Antón como Albina contraeron o tifo. Ela morreu en decembro, mais el non o soubo até marzo, cando sandou. En 1920 casou coa súa cuñada Mercedes Espinosa, quen coidara do seu fillo desde a morte de Albina. Tiveron catro fillos e dúas fillas.
No ano 1985 dedicóuselle o Día das letras Galegas.
Bibliografía
Beramendi, J. (ed.) (1985): Losada Diéguez. Obra competa , Vigo: Edicións Xerais.
Regueira, R. et al. (1984): Antón Losada: Teoría e praxe, Ourense: AS-PG.
Ventura, J. (ed.) (2010): Epistolario de Vicente Risco a Antón Losada Diéguez, Ourense: Deputación Provincial.
Como citar: Estévez Iglesias, Adrián : Antón Losada Diéguez. Publicado o 17/12/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=5042. Recuperado o 27/01/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Filgueira Valverde escribe en lembranza do seu mestre Antón Losada Diéguez
«Unha lección de Lousada Diéguez», Nós: boletín mensual da cultura galega, n.º 71 (15 de novembro de 1929), p. 204-205
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
O Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta_aut/registro.do?id=35606 [Consulta: 2022-12-28]
Acceso á publicación Arquivos do Seminario de Estudos Galegos. Galiciana
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=401088 [Consulta: 2022-12-30]
A revista Nós en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: https://revistanos.galiciana.gal
Historia do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, de 1944 a 2004
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo (dir.): O Instituto de Estudos Galegas «Padre Sarmiento»: Sesenta anos ó servicio de Galicia (1944- 2004). Santiago de Compostela: CSIC, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS), 2005. http://hdl.handle.net/10261/225007
Fonte: CSIC.
https://digital.csic.es/handle/10261/225007
Videos
Antonio Fraguas fala sobre o Seminario de Estudos Galegos nunha conversa en LIngua Galega TV
Fonte: LInguaGalegaTV
https://www.youtube.com/watch?v=R6VmoRrlAys [Consulta: 2023-01-02]
Audios
PROGRAMA SOBRE GALICIA
PROGRAMA SOBRE GALICIA
PROGRAMA SOBRE GALICIA
PROGRAMA SOBRE GALICIA
PROGRAMA SOBRE GALICIA
PROGRAMA SOBRE GALICIA
Publicacións periódicas
Galicia [A Habana] (1902-1930) .
1903-1904: Revista Semanal Ilustrada
Revista Semanal Ilustrada de mayor circulación en la República
1905, n.º 1: Sen subtítulo
1905, n.º 2-1906, n.º 33: Revista Regional de más circulación en la República de Cuba
1906, n.º 34-1907: Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba y Defensor de los intereses gallegos en América
1914: Revista Regional Ilustrada: Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
16-08-1925: Revista Semanal Ilustrada: Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
1926: Revista Gráfica Regional de La Habana. Publicación Semanal. Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
Publicación Semanal. Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
1930: Publicación Ilustrada: Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
Emigrado, El (1920-1940) .
Ata n.º 14: Periódico Independiente
A partir do n.º 15: Órgano de las sociedades de emigrados y agricultores
1931: Engádese "Periódico Galleguista"
1935: Propiedad de la Sociedad Hijos del Ayuntamiento de La Estrada en Cuba