Luísa Villalta
A Coruña, 15/ 7/1957 - A Coruña, 6/3/2004Autoría: Silverio Cerradelo
Escritora e violinista, destacou pola forza da súa voz e polo seu compromiso social
Foi unha escritora prolífica e versátil, autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas e textos xornalísticos en lingua galega. A súa escrita foi premiada varias veces: no certame de relatos curtos Modesto R. Figueirido (1990), por A taberna do holandés; co XIII Premio Espiral Maior (2004), polo seu poemario En concreto; postumamente, co Premio da Crítica Galega á Creación Literaria (2005) tamén por En concreto etc.
A súa experiencia musical, sen dúbida, influíu na súa creación literaria. Diso deixou constancia no ensaio O outro lado da música, a poesía (1999) e en artigos como A Música e Nós (2002), Poética “Sobre un certo estado de conciencia” (2002) ou A língua dos sons (2003), onde fala da relación entre a palabra e a música e da súa experiencia persoal nos momentos de creación.
Paralelamente á súa traxectoria como autora, desenvolveu unha intensa actividade cultural. Participou en seminarios, en recitais de poesía, deu conferencias e colaborou nunha chea de publicacións periódicas, como Man Común, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grial, Luzes de Galiza, Agália, Boletín Galego de Literatura, A Trabe de Ouro, Enclave, Página abierta etc. En moitas destas colaboracións podemos percibir a personalidade de Luísa Villalta e a súa consciencia social, de modo particular nos artigos publicados entre os anos 2002 e 2004 en A Nosa Terra, compilados no Libro das colunas (2005). Sensíbel e contundente, puña en evidencia a hipocrisía política, denunciaba os valores e a apatía dunha sociedade ferozmente capitalista ou criticaba os responsábeis dos desarranxos sociais, sempre do lado das persoas máis desfavorecidas e nun ton construtivo.
Seguramente foi a súa sede de xustiza, a súa sede de sermos un país avanzado, un país culto, o que a levou a implicarse socialmente: formou parte da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, coordinou a área de revisión histórica e análise crítica da cultura no Foro da Cultura Galega, participou no Foro Negro, foi membro activo da Mesa pola Normalización Lingüística e comprometeuse en favor dos dereitos lingüísticos do pobo galego.
Na súa obra tamén estivo presente a consciencia de ser muller, de vivir nunha sociedade onde os homes e as mulleres están marcados de maneira moi diferente polo feito de selo. Así, equiparou Isto é poesía, un ruído provocado. […] Isto é tamén unha muller que resiste, e así, no su poemario Papagaio –entre imaxes tomadas no transcurso da demolición deste barrio da Coruña coñecido pola prostitución–, os seus textos fálannos da vida das putas, empregando esta palabra sen rubores e con toda a dignidade.
A morte chegou para Luísa Villalta dun modo inesperado, por causa dunha parada cardíaca, o 6 de marzo de 2004. Tiña 46 anos e unha vida chea de ocupacións, proxectos e esperanzas.
Desde o momento da súa morte sucedéronse iniciativas que lembran o seu nome e o seu labor: desde o ano 2004 no I.E.S. Isaac Díaz Pardo de Sada –onde ela foi profesora– convócase anualmente o Certame Literario “Luísa Villalta”; igualmente desde 2004, no contexto da comunidade universitaria convócase o Premio “Luísa Villalta” a Iniciativas Normalizadoras, para a promoción do uso do galego nas tres universidades galegas...
Obra
Poesía:
- Música reservada, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1991.
- Ruído, Culleredo (A Coruña), Espiral Maior, 1995..
- Rota ao interior do ollo, Lisboa, Tema, 1995.
- En concreto, Culleredo (A Coruña), Espiral Maior, 2004.
- Papagaio (fotografías: Maribel Longueira), Ames (A Coruña), Edicións Laiovento, 2006.
(Máis obra poética súa está incluída en antoloxías colectivas.)
Narrativa:
- Silencio, ensaiamos, Oleiros (A Coruña), Vía Láctea, 1991.
- Teoría de xogos, Ames (A Coruña), Edicións Laiovento, 1997.
- As chaves do tempo, Vigo, A Nosa Terra, 2001.
(Máis obra narrativa súa está incluída en antoloxías de relatos.)
Teatro:
- Concerto para un home só, A Coruña, Escola Dramática Galega, 1989.
- O representante, en Monólogos I, A Coruña, Escola Dramática Galega, 1990.
- O paseo das esfinxes, A Coruña, Escola Dramática Galega, 1991.
- As certezas de Ofelia, A Coruña, Deputación da Coruña, 1999.
Ensaio:
- O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral, Ames, Edicións Laiovento, 1992.
- O outro lado da música, a poesía, Vigo, A Nosa Terra, 1999.
Xornalismo:
- O libro das colunas, Vigo, A Nosa Terra, 2005.
Tradución:
- MACCHIAVELLI, Niccolo: A mandrágora (en colaboración con F. Pillado), Ames (A Coruña), Edicións Laiovento, 1998.
Como citar: Cerradelo, Silverio : Luísa Villalta. Publicado o 1/1/2010 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4163. Recuperado o 02/06/2023
DOCUMENTACIÓN DE
«Desperta do teu soño…»
Artigo de Luísa Villalta publicado en A Nosa Terra. Cadernos de pensamento e cultura, nº 29, (2003), p. 19-20.
Fonte: Exemplar da Biblioteca do CCG
«Retrato de nós adolescentes. Sobre estética e identidade nacional», A trabe de ouro, n.26 (abril-xuño 1996).
Fonte: Exemplar da Biblioteca do CCG
«Mulleres si pero», Festa da palabra silenciada, nº 10 (1994), p. 48-49
Fonte: Hemeroteca feminista galega A Saia
«Anónimos»
Textos de Luisa Villalta publicados en Ólisbos. Os amantes da palabra, n.º10 (1990), p. 34-37
Fonte: exemplar da Biblioteca do CCG
«Rota ao interior do ollo».
Participación de Luísa Villalta no proxecto artístico Flying Carpet.
Fonte: http://www.flyingcarpet.ch
DOCUMENTACIÓN SOBRE
«Luísa Villalta»
Fonte: Contracapa da revista Andaina. Revista Galega de pensamento Feminista, nº 51 (1/2009). Exemplar da Hemeroteca feminista galega. A Saia
«Galiza: o legado de Luísa Villalta»,
comentario publicado en vieiros.com a respecto do Libro das colunas de Luísa Villalta (21 -7-2005)
«O falecemento de Luísa Villalta deixa a poesía galega sen unha das voces máis veteranas e actuais»,
artigo publicado en culturagalega.org con motivo do pasamento de Luísa Villalta
Fonte: http://www.culturagalega.org/
«Luísa Villalta, a relación entre a música e a poesía»,
artigo publicado en Vieiros con motivo do pasamento de Luísa Villalta (7-3-2004)
Fonte: http://www.vieiros.com/
«En concreto, de Luísa Villalta»,
recensión de Xosé Mª Álvarez Cáccamo Fonte: Festa da Palabra Silenciada, nº 19 (2004), p. 68-69
«Música reservada, de Luísa Villalta»,
recensión de Miro Villar
Fonte: Festa da Palabra Silenciada, nº 19 (2004), p. 70-72
GUIMARÃES, F. M.: «Luísa Villalta e os descaminhos da poesia»
Actas das I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa, Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 1998, p. 387-395.
Ligazóns de interese
«Antiquísima»
Luís García Sotole “Antiquísima” do poemario En concreto de Luísa Villalta.
Vínculo comprobado e activo. 08/11/2019
«Delicioso é perder tempo»
Eva Veiga le “Delicioso é perder tempo” do poemario Música reservada de Luísa Villalta.
Vínculo comprobado e activo. 08/11/2019
«Sator Arepo tenet opera rotas»
Xosé Carlos López Bernárdez le “Sator Arepo tenet opera rotas” do poemario Rota ao interior do ollo de Luísa Villalta.
Vínculo comprobado e activo. 08/11/2019
Luisa Villalta na wikipedia
[última consulta: 10/08/2021]
Luísa Villalta en a Coruña das Mulleres
[última consulta: 10/08/2021]
Luísa Villalta en AELG
[última consulta: 10/08/2021]
Xornada Xela Arias e Luísa Villalta. Letras, interartes, proxectos na fin de século (26/03/2014)
[última consulta: 10/08/2021]
Luísa Villalta en Andaina de mulleres
[última consulta: 10/08/2021]
Luísa Villalta na Biblioteca Virtual Galega
[última consulta: 10/08/2021]
Referencias bibliográficas
- LUNA, X.: No Pazo de Laiovento. Conversas con Francisco Pillado Maior, Espiral Maior, 2007
Artigos Luísa Villalta
VILLALTA, L. (12/1992) Mulier mensura. Festa da palabra silenciada. (09), 166.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
VILLALTA, L. (1994) Mulleres si, pero. Festa da palabra silenciada. (10), 48-49.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
VILLALTA, L. (1996) As damas que antano cantaron. Festa da palabra silenciada. (12), 123.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
VILLALTA, L. (2001) Mulier mensura. Festa da palabra silenciada. (16), 83.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
VILLALTA, L. (2001) As damas que antano cantaron. Festa da palabra silenciada. (16), 84.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;