Hijas de Galicia - Concepción Arenal
A Habana (Cuba), 18/ 1/1917 - A Habana (Cuba), 1960Autoría: María Xosé Porteiro García
Unha institución única na historia da emigración galega
Non é só o himno, a bandeira e a Real Academia. Unha gran parte da mentalidade do feminismo en Galicia tamén nace en Cuba.(Arantxa Fernández Crespo)
Hijas de Galicia foi unha institución senlleira na historia das migracións da primeira metade do século XX. Considerada a maior iniciativa asistencial para mulleres emigradas no mundo, foi unha experiencia pioneira dentro e fóra da Galicia territorial en canto ao asociacionismo de mulleres e á asistencia socio sanitaria creada expresamente para atender ás galegas. Prestou especial atención ás situacións de vulnerabilidade e indefensión como as resultantes da trata e tráfico de mulleres. Tivo ademais a singular característica de estar nos inicios dos feminismos en movemento da época, desenvolvendo un papel crucial. Hijas de Galicia é, aínda, un fito insuficientemente recoñecido e valorado, que precisa da incorporación da perspectiva de xénero na súa análise.
En 1909, era un clamor en Cuba que preto de dúas mil estranxeiras foran ao cárcere por delitos derivados da miseria e da explotación ás que se vían expostas polas redes de prostitución. As sentenzas afectaban a mulleres de entre 25 e 40 anos, sen emprego, sen estudos e sen familia. Unha gran parte delas procedían de Galicia. O historiador cubano Julio César González Pagés indica, en 2003, que eran
discriminadas por xénero, por etnia, por estranxeiras e porque as propias sociedades de emigrantes as tiñan abandonadas: o mesmo Centro Gallego da Habana (de aquí en diante Centro Galego), ofrecía servizos sanitarios só aos homes. A prensa galega e cubana fíxose eco do problema para que estas migracións se controlasen en orixe, advertindo, sen éxito, dos perigos aos que se expuñan ao chegar.
No seo da colectividade galega en Cuba créase a asociación Solidaridad Pontevedresa o 16 de xuño de 1912 para paliar este abandono. O 18 de xaneiro de 1917, ten o seu correlato na fundación de
Hijas de Galicia. Sociedad Sanitaria y de Auxilio Mutuoque, en xaneiro de 1924, inaugura no barrio de Luyanó un hospital materno infantil con oito plantas, cinco salóns cirúrxicos e dez salas de hospitalización nas que permanecían internadas diariamente 206 pacientes atendidas por un cadro médico de 39 especialistas. En 1938, no actual barrio de Playa, a sociedade abre un Balneario co mesmo nome.
A socióloga Judith Astelarra cualifica esta iniciativa como un exemplo
porque xurdiu como unha típica organización feminina neste sentido: apoio a mulleres con problemas, ás inmigrantes, e prestación dos servizos que necesitaban no terreo da saúde […] Nos momentos de coincidencia cos congresos do sufraxismo cubano, incorporaron as vindicacións sobre os seus dereitos na organización […] malia que os homes ocuparon os altos postos de poder, na organización tomábanse medidas que hoxe chamariamos de acción positiva, como que a metade debían ser mulleres ou que a segunda vicepresidencia lles fose asignada.
Hijas de Galicia está nos comezos do feminismo galego e cubano. Na procura dun contexto fundacional común, cómpre subliñar como, en 1912, coincidindo coa creación de Solidaridad Pontevedresa, nacía o Partido Nacional Feminista de Cuba, que incorpora aos seus postulados as variantes de etnia, clase, educación, e reclama para as mulleres a participación política e o traballo remunerado, fundamentalmente na docencia,
para asegurar a liberdade de traballo e un salario vital para non enfrontarse coa disxuntiva de ser ama de casa ou prostituta. Novamente en Cuba, un ano despois da creación de Hijas de Galicia, constitúese a organización feminista máis importante da época: o Club Femenino de Cuba-Federación Nacional de Asociaciones Femeninas de Cuba (FNAF), que aglutina as asociacións preexistentes. O dereito ao sufraxio, o divorcio e a patria potestade están a conformar a axenda dun incipiente feminismo liberal.
Paralelamente, entre a primeira e a segunda década do século XX, en Madrid salientan as xornalistas, as políticas e as escritoras da chamada Xeración do 14 ou as activistas culturais coñecidas como as Sen sombreiro. Creábase tamén o primeiro centro oficial para a formación de mulleres no ensino superior, dirixido pola pedagoga e humanista María de Maeztu e, en 1918, nacía a Asociación Nacional de Mujeres Españolas (ANME), organización feminista de dimensión estatal. Tamén nesta etapa, nos feminismos en movemento é recoñecible a ambas as beiras atlánticas a influencia de Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Malia seren motivo de orgullo para a colectividade galega no exterior, a visibilidade e prestixio destas figuras relevantes contrastaba coa comunmente esquecida e insoportable realidade dunha gran maioría de galegas.
O ensino, xunto coa atención social e sanitaria, foi unha preocupación central para as colectividades galegas no exterior, nomeadamente, a partir da primeira década do século. Alén do persoal de ensinanza na emigración, promoveron a construción, en territorio galego, das sociedades galegas de instrución financiando edificios, mobiliario, material escolar e salarios do profesorado.
Para analizar e comprender a importancia do contexto, é clave tamén o papel de Andrea López Chao, figura carismática da colectividade galega en Cuba durante a primeira metade do século XX. Na biografía elaborada por Prudencio Viveiro para o Álbum de mulleres (2007), primeira achega documental sobre ela, cóntase como a que fora mestra no seu Mondoñedo natal gañou por oposición en 1904 unha praza no Plantel de Ensinanza do Centro Galego. Este, no curso 1904-1905 tiña preto de 3000 matrículas. Na formación contemplaba a instrución primaria, comercio, idiomas, pintura ou música, materias impartidas por un prestixioso cadro docente. Andrea López preocupouse por mellorar a oferta educativa para as mulleres, que só comezaran a ser admitidas en 1894, para o ensino primario e para a formación en tarefas
femininascomo corte e costura, labores domésticos ou secretariado. Foi ademais unha das poucas galegas con cargo directivo nas institucións galegas en Cuba, primeiro como directora do Plantel do Centro Galego e, posteriormente, cun lugar crucial no desenvolvemento de Hijas de Galicia onde é a primeira muller integrante da súa xunta directiva como vicepresidenta segunda. Este dobre liderado confírelle un lugar pouco frecuentado por mulleres na historia da emigración galega. A ela debeuse, entre outras cousas, o sobrenome de Concepción Arenal para o Hospital e o Balneario Hijas de Galicia, e para o Plantel do Centro Galego. Martín Fernández Vizoso (2020) indica:
ela mesma, nunha reunión da directiva, o 22 de agosto de 1924, propuxo que o Plantel de ensino levase o nome de Concepción Arenal, por ser un claro símbolo da loita para resolver os problemas sociais de Galicia. Revélase, polo tanto, unha evidente intención de vincular o ideario da filósofa e penalista galega coa misión destas institucións.
O I Congreso de Mulleres Cubanas, celebrado entre o 1 e o 6 de abril de 1923, un dos primeiros en América Latina, ten un vínculo innegable con Hijas de Galicia. Esta organización, xunto con outras trinta, estivo na súa xénese e realización. Ademais, e non é asunto menor, o congreso desenvolveuse nas instalacións do Teatro Nacional de Cuba do Centro Galego. Neste contexto, a vicepresidenta segunda de Hijas de Galicia, Andrea López Chao, dixo:
a muller está armada do dereito e do poder de educar. Concorda co pensamento da feminista, xornalista e pedagoga andaluza, Carmen de Burgos, que establecera como vindicacións prioritarias o dereito á educación e o papel fundamental da muller como nai. O discurso de López Chao publicouse no xornal Galicia e tamén en El eco de Galicia. Este, estaba dirixido pola xornalista e docente de orixe galega Mecedes Vieito Bouza, con quen Andrea López mantivo unha estreita relación, e quen, nos seus artigos reivindicativos, se ocupa das mulleres, da problemática socioeconómica de Galicia, da defensa da identidade galega en Cuba e da infancia nas sociedades benéficas da emigración.
Hijas de Galicia participou tamén no II Congreso Nacional de Mulleres celebrado en abril de 1925, ao igual que o primeiro, no Centro Galego. Neste caso, Filo Vidal, reclamaba axuda para as emigrantes:
Son significativas as denuncias constantes sobre familiares e amigos das emigradas, que lonxe de actuar solidariamente, convertéronse no calvario delas, por sometelas a actos moi crueis de vexación. Vidal pedía a construción dunha Casa da muller inmigrante para evitar que
caia en mans pouco escrupulosas de curmáns, veciños e amigos que cando non acaban cos seus modestos aforros que traen para as súas primeiras necesidades, sabe Deus a conta de que repugnancias íntimas, as inician no vicio, deixándoas abandonadas despois, segundo recolle González Pagés (2010).
O terceiro e derradeiro congreso tivo lugar en 1939, na mesma sede que os dous anteriores. No conxunto das demandas, incluíronse por primeira vez as necesidades das mulleres máis vulnerables, reclamouse a penalización do comercio prostitucional e a protección das vítimas no mesmo plano que o dereito á educación, a participación activa na sociedade ou a creación de asilos, en especial, para a atención da maternidade. Alén do dereito ao sufraxio, reclamaron tamén a igualdade no matrimonio, dereitos laborais, educativos e acceso aos cargos públicos.
O hospital de Hijas de Galicia inaugúrase oito meses despois da celebración do primeiro congreso e algo máis dun ano antes da celebración do segundo. Ambos foron acontecementos de primeira orde para a sociedade cubana. Os debates sobre as necesidades das mulleres, incluídas as inmigrantes, acontece cando a colectividade galega era a máis numerosa, tiña unha enorme influencia na política nacional, no comercio e nas finanzas, e acollía ao maior e máis relevante Centro Galego do mundo, que foi, como xa se dixo, sede permanente dos tres congresos. O peso que a colectividade galega e as súas institucións tiñan na sociedade cubana é indubidable. O Centro Galego era a primeira entidade que visitaban os presidentes da República logo da súa toma de posesión, tiña máis orzamento anual que o propio municipio habaneiro, e as súas instalacións eran as elixidas polas clases poderosas para celebrar os seus eventos sociais ou políticos.
En momentos puntuais de especial relevancia política, atopamos Hijas de Galicia con diferentes denominacións. Xunto coa Hermandad Gallega, Unión Democrática Hijas de Galicia, organizou a homenaxe de despedida a Castelao na súa primeira xira por Cuba, en febreiro de 1939. Existiu, ademais, a Sociedade Protectora Fillas de Galicia da que foi vicepresidenta, probablemente entre a década de 1940 e 1950, a ourensá, política comunista, e sindicalista da UGT, Jesusa Prado López, naquela altura, tamén vicepresidenta do xuntoiro do xornal nacionalista Patria, editado en Cuba. Segundo Uxío Breogán Diéguez (2014), o grupo afín ao xornal, e máis concretamente o seu director, Fuco Gómez xunto con Amelia Rivas,
tiñan unha presenza influente no ámbito da Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galicia e na Sociedade Fillas de Galicia, das que farían parte un e outra, respectivamente, desde a súa creación.
Do mesmo xeito que acontecía noutras latitudes, o asociacionismo de mulleres reflectido por Hijas de Galicia xerou unha prensa afín como Fragancias (1931) e Cénit: Revista dedicada a la mujer y al niño. Este boletín mensual, publicado entre 1938 e 1960, funcionaba como voceiro societario para divulgar os servizos que a organización prestaba ás súas asociadas, inserir notas gráficas de actos e informar sobre a directiva da entidade. Tamén publica notas sobre teatro, cine, música, e inclúe artigos divulgativos, narracións literarias, ensaios sobre a cultura galega e sobre temas femininos. Existiu ademais Faro Gallego (1940), publicación editada por un grupo opositor.
En 1960, con preto de 60 000 asociadas, o goberno cubano nacionalizou o Hospital, incorporando ao nome histórico de Hijas de Galicia o de Hospital Universitario Ginecobstétrico Diez de Octubre. O Balneario, que chegara a ter os primeiros equipos de mulleres deportistas de Cuba en esquí acuático, tenis e, nomeadamente, en voleibol, tamén foi intervido e convertido no Círculo social José Luis Tassende
para o desfrute da clase obreira.
En 2023 cúmprese o centenario do I Congreso de Mulleres Cubanas, en 2024 o do Hospital Hijas de Galicia. Para celebrar estas efemérides, a Cátedra de Lingua e Literatura Galegas da Universidade da Habana, o Consello da Cultura Galega e o Concello de Mondoñedo, promoven actividades na Habana (29 de marzo) e en Mondoñedo (30 de xuño, 1-2 de Xullo) con senllas homenaxes a Andrea López Chao. No decurso da celebrada na Habana, Arantxa Fernández Crespo, directora da Cátedra Neira Vilas da citada universidade, afirmou:
a recuperación da vida e a obra destas mulleres no seu paso por ambas as terras contribúe a encher o baleiro que hai no relato da emigración, onde as mulleres son as grandes esquecidas, como en todos os relatos, xa que a historia a fan os homes, para os homes e desde os homes (...) A liña de investigación é rescatar non só ás mulleres famosas ou notorias, senón a vida de mulleres interesantes para completar a historia porque se xa se coñece pouco a influencia dos galegos, a das galegas moito menos.
Bibliografía
Cabido Pérez, Puri (2001): «Un nome para rescatar do olvido: Mercedes Vieito Bouza», Andaina. Revista galega de pensamento feminista, 28 : 53-56.
González Pagés, Julio César (2003): Emigración de mujeres gallegas a Cuba. Las Hijas de Galicia. Vigo: Concello.
Astelarra, Judith (2003): «Prólogo». En González Pagés, Julio César (2003): Emigración de mujeres gallegas a Cuba. Las Hijas de Galicia. Vigo: Concello.
Sarabia, Nydia (2006): Perfiles. Mujeres de la Guerra Civil Española en Cuba. Sada: Ediciós do Castro.
Cagiao, Pilar; Rey, Nancy (2011): «Itinerarios cubanos del exilio gallego». En XIII Jornadas Interescuelas/Departamentos de Historia. Catamarca: Universidad Nacional, Departamento de Historia de la Facultad de Humanidades.
Diéguez Cequiel, Uxío Breogán (2014): Nacionalismo galego, desarticulación, resistencia e rearticulación 1936-1975. Tese de doutoramento. Universitat de Barcelona.
Fernández Vizoso, Martín (2020): Memoria de Mariñáns. I. Vigo: Grupo de Comunicación de Galicia en el Mundo.
Como citar: Porteiro García, María Xosé : Hijas de Galicia - Concepción Arenal . Publicado o 6/6/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34644. Recuperado o 20/04/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Sobre o legado e a transcendencia das emigrantes galegas en Cuba
E. Carbajales entrevista a Arantxa Fernández Crespo, presidenta da Cátedra Gallega da Universidad de La Habana, para Galicia en el mundo (05/04/2023)
Fonte: cronicasdelaemigracion.com [data de descarga: 25/05/2023]
«Hijas de Galicia, las gallegas que crearon en Cuba la mayor asociación de mujeres del mundo»
Artigo de Iván Fernández Villamil para o diario El Español. quincemil. (27/03/2022)
Fonte: elespañol.com [data de descarga: 29/05/2023]
Homenaxe a Andrea López Chao e a Manuel García Olano
Artigo de Martín Fernández para La Voz de Galicia (30/05/2021)
Fonte: lavozdegalicia.es [data de descarga: 29/05/2023]
«Hijas de Galicia: la mayor asociación de mujeres emigrantes estuvo en Cuba»
Artigo de Gretchen Sánchez para o xornal dixital cibercuba (31/03/2022)
Fonte: cibercuba.com [data de descarga: 25/03/2023]
«Emigrantes de Viveiro y Ribadeo presidieron Hijas de Galicia en Cuba»
Artigo de Martín Fernández Vizoso para La Voz de Galicia (08/03/2020)
Fonte: lavozdegalicia.es [data de descarga: 29/05/2023]
«Las Hijas de Galicia»
Artigo de Almejeiras La Pluma del Tocororo (12/03/2019)
Fonte: almejeiras.wordpress.com [data de descarga: 29/05/2023]
«Entre Luisa Capetillo y Filo Vidal: transgresión y defensa de la mujer»
Artigo de Jesús Gómez Mas para o blog feminismocuba (15/12/2010).
Fonte: feminismocuba.blogspot.com [data de descarga: 25/03/2023]
VIEITO BOUZA, Mercedes: «Del momento»
As eleccións na sociedade Hijas de Galicia e a expulsión dos mouros de Al-Andalus, son os temas tratados pola directora do Eco de Galicia no editorial do número de 15 de febreiro de 1935.
Fonte: galiciana
Ligazóns de interese
Las cubanas conquistan el futuro, programa de Radio Progreso no centenario do I Congreso Nacional de Mujeres
[última consulta: 02/06/2023]
Andrea López Chao no Álbum de Galicia
[última consulta: 02/06/2023]
Hijas de Galicia na galipedia
[última consulta: 02/06/2023]
Asociación Hijas de Galicia na wikipedia
[última consulta: 02/06/2023]
Hospital Hijas de Galicia, en cibercuba
[última consulta: 02/06/2023]
Hijas de Galicia en todocuba
[última consulta: 02/06/2023]
O soño cubano da emigración galega. Exposición en liña
[última consulta: 02/06/2023]
Hijas de Galicia en acorunhadasmulleres. Asociación Alexandre Bóveda
[última consulta: 02/06/2023]
Congreso Nacional de Mujeres en EcuRed.cu
[última consulta: 02/06/2023]
Mercedes Vieito Bouza no Álbum de Galicia
[ultima consulta: 02/06/202
Jesusa Prado López no Álbum de Galicia
[última consulta: 02/06/2023]
Primer Congreso Nacional de Mujeres na Revista de la Asociación Femenina de Camagüey (1923)
[última consulta: 02/06/2023]
Historia de la mujer en Cuba: Del Feminismo Liberal a la Acción Política Femenina
[última consulta. 14/12/2021]
Videos
«Orixes do I congreso Nacional de Mujeres (A Habana, 1923)». Conferencia pronunciada pola historiadora Raquel Vinat (abril, 2023)
[última consulta: 02/06/2023]
Fillas de Galicia. Historias de mujeres gallegas en Cuba (2005). Documental de Ernesto Daranas e Natasha Vázquez
[última consulta: 02/06/2023]
«Macorina». Intérprete: Chavela Vargas
[última consulta: 02/06/2023]
La emigración de mujeres gallegas a Cuba ¿Un sueño hecho realidad? (2009). Documental de Julio César González Pagés e Yonnier Angulo Rodríguez, Red Iberoamericana de Masculinidades
[última consulta: 02/06/2023]