Xosé Manuel Olveira “Pico”
Esteiro, Muros (A Coruña), 7/ 11/1955 - Santiago de Compostela (A Coruña), 13/6/2013Autoría: Ana Abad de Larriva
Recoñecido actor galego de teatro e audiovisual, cunha dilatada traxectoria
maxia irremplazable. Naceu en Esteiro, en Muros, en 1955, e o seu primeiro contacto co teatro foi de rapaz, no Seminario Menor de Santiago de Compostela. Tamén fixo teatro no seu Esteiro natal co cura, e despois con Pepe Agrelo, que exercía alí de mestre. Ao rematar COU, Pico quería estudar Arte Dramática, pero daquela tiña que desprazarse a Madrid para facelo, xa que en Galicia non había estudos superiores, e a economía familiar non o permitiu. Comezou entón a estudar Maxisterio, en Santiago, mais axiña procurou onde facer teatro, e foi en Ditea, con Agustín Magán, polo ano 1972, onde encontrou ese espazo. Formou parte do grupo mentres cursaba a carreira. Ao rematala, fixo o servizo militar, casou e estivo a traballar como cantante de orquestra ata que marchou a Nova York para dedicarse á construción.
Á súa volta a Galicia volveu unirse a Ditea, mentres traballaba na estrada de Muros. Fora no grupo de teatro compostelán onde coñecera a Chano Piñeiro, que en 1977 estivera a procurar actores para Os paxaros morren no aire e contara con el para formar parte do elenco. No ano 1985, á súa volta, Piñeiro volveuno chamar para protagonizar a súa mediametraxe Esperanza, xunto con Rosa Álvarez, estreada en 1986.
Durante a rodaxe do filme, Rosa animouno a presentar o seu currículo ao Centro Dramático Galego, que estaba dirixido nese momento por Ernesto Chao, pero os próximos elencos xa estaban pechados. Porén, ao pouco, Xulio Lago chamouno porque vira o seu currículo e quería facerlle unha proba para un papel na súa montaxe da peza A noite vai como un río, xa que lle fallara un actor, e Pico conseguiu o papel do Capitán.
Despois desa primeira obra, estreada en 1986, virían xa moitas máis no CDG: A pousadeira, de Goldoni, baixo a dirección de Xan Cejudo, en 1987; O mozo que chegou de lonxe, de Synge, baixo a dirección de Mario Gas, en 1988; O arce no xardín, de Roberto Salgueiro, dirixida por Roberto Cordovani, en 1989; Yerma, de Federico García Lorca, na montaxe de X. M. Blanco Gil, en 1990; O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, de Álvaro Cunqueiro, dirixida por Ricard Salvat, en 1991; A lagarada, de Otero Pedrayo, en 1992, dirixida por Pere Planella; Leoncio e Helena, de Büchner, en 1993, na montaxe de Ánxeles Cuña Bóveda; A fiestra valdeira, de Rafael Dieste, dirixida por Xulio Lago, en 1994; Nin me abandonarás nunca, de J. Posada Curros, baixo a dirección de Manuel Guede, Viaxe e fin de Don Frontán, de Rafael Dieste, dirixida por Antonio F. Simón, e Nau de Amores, de Gil Vicente, dirixida por Cándido Pazó, en 1995; Hostia, de Cotarelo Valledor, na montaxe de Manuel Lourenzo, e Como en Irlanda, con textos de Antón Villar Ponte e Synge, dirixida por Quico Cadaval, en 1996: Lisístrata, ou cando as mulleres reviraron, de Aristófanes, na montaxe de Eduardo Alonso, O peregrino errante que cansou ó demo, de Xavier Lama, e dirixida por Andrés Pazos, e O bufón de El Rei, de Vicente Risco, baixo a dirección de Manuel Guede, en 1997; Memoria de Antígona, de Quico Cadaval e Xavier Lama, dirixida por Guillermo Heras, en 1998; Si o vello Simbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro, na montaxe de Fabio Mangolini, en 1999; Calígula, de Albert Camus, na montaxe de Manuel Guede, no ano 2000; O ano do cometa, de Álvaro Cunqueiro, baixo a dirección de Quico Cadaval, en 2004; Ricardo III, de William Shakespeare, dirixida por Manuel Guede, en 2005; A piragua, escrita e dirixida por Cándido Pazó, en 2007; Noite de Reis. Ou o que queirades, de William Shakespeare, na montaxe de Quico Cadaval, tamén en 2007; e As actas escuras, de Roberto Vidal Bolaño, dirixida por Xulio Lago, en 2010.
No CDG tamén puxo voz a un dos monicreques na montaxe de Kukas da peza O mariscal, de Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte, en 1994. Porén, Pico, que destacou como un actor dunha gran versatilidade, capaz de transitar con habelencia entre a comedia e o drama, e posuidor dunha presenza física e vocal que axiña cativaba o público, tamén traballou con compañías privadas como Uvegá Teatro, en Fedra Gómez, de Vicente Montoto, en 1989; O Moucho Clerc, en Na fraga do conde, en 1988, baixo a dirección de Xoán Cejudo, A caza do snark, en 1989, baixo a dirección de Rodrigo Roel e O rouxinol da Bretanha, en 1991, tamén baixo
a dirección de Xoán Cejudo; Teatro do Aquí, en Saxo tenor, de Roberto Vidal Bolaño, estreada en 1993; Os monicreques de Kukas, en Canonxo, en 1994; Lagarta, Lagarta, en Cartas de amor, no ano 2001, de A.R. Gourney, xunto a Mabel Rivera, nunha montaxe dirixida por Avelino González, ou Aeroplanos, de Carlos Gorostiza, dirixida por Rosa Álvarez, xunto con Ernesto Chao, no ano 2008; Teatro do Adro, en Binomio de Newton, de Cándido Pazó; ou Eme2, n’O florido pénsil, en 2011, e en Kafka e a boneca viaxeira, en 2012. Pico participou tamén en pezas de teatro radiofónico na Radio Galega.
Ademais da súa extensa traxectoria no teatro, Pico tamén tivo unha ampla carreira no audiovisual. Participou en longametraxes como Eu, o tolo, de Chano Piñeiro, rodada en 1978 e estreada en 1982; Sempre Xonxa, tamén de Chano Piñeiro, en 1989; A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda, e Cando volvas ao meu lado, de Blanca Querejeta, no ano 1999; Blanca Madison, de Carlos Amil, do ano 2000; Entre bateas, de Jorge Coira, e O lapis do carpinteiro, de Antón Reixa, no 2002; A rosa de Alexandría, de Rafael Maleón, A vida que che espera, de Manuel Gutiérrez Aragón, Mar vermello, de Enric Alberich, León e Olvido, de Xavier Bermúdez, Mar adentro, de Alejandro Amenábar, e O ano da carracha, de Jorge Coira, no 2004; A biblioteca da iguana, de Antón Dobao, e Máis ca irmáns, de Ramón Costafreda, en 2005; A noite que deixou de chover, de Alfonso Zarauza, e O espello, de Álex Sampayo, en 2008; Cela 211, de Daniel Monzón, Mar libre, de Dani de la Torre, Fútbol de alterne, de Alber Ponte, e Os mortos van ás présas, de Ángel de la Cruz, en 2009; Doentes, de Gustavo Balza, 18 comidas, de Jorge Coira, e Retornos, de Luís Avilés, en 2010; A casa da luz, de Carlos Amil, Lobos de Arga, de Juan Martínez Moreno, e Sinbad, de Antón Dobao, en 2011; Todo é silencio, de José Luis Cuerda, no ano 2012; e O ouro do tempo, de Xavier Bermúdez, Maratón, de Breogán Riveiro, e Somos xente honrada, de Alejandro Marzoa, en 2013.
Actuou tamén en mediametraxes e curtametraxes como Os paxaros morren no aire, e Esperanza, de Chano Piñeiro, en 1977 e 1986, respectivamente; Macana de dote, che, de Miguel Castelo, e Memorias dun parado, de Antonio F. Simón, en 1991; A todo tren, de Lidia Mosquera, en 1995; O cambio, de Ignacio Vilar, en 1997; A ti como se che di adeus? , de Jorge Coira, en 1998; Unha luz encendida, de Alber Ponte, en 1999; Alzheimer, de Álex Sampayo, no ano 2000; Xinetes na tormenta, de Ricardo Llovo, en 2001; A subela, de Luís Avilés, e Bobo Furcia, de Xoel Fernández e Álex Sampayo, en 2002; A boa caligrafía, tamén de Álex Sampayo, e Esperando, de Alber Ponte, en 2004; A canción de Fémerlin, de Manuel Pena, en 2005; Mar, de David Pérez, e Séptimo asalto, de Germán Pérez, en 2008; Chámome Rama, dirixida por Alber Ponte, en 2009; e Amor ansioso, de Sergio Pena, no ano 2010; así como na curtametraxe documental Profesión actor, do Consello da Cultura Galega, dirixida por Marcos Estebo, tamén en 2010.
Foi un rostro habitual e recoñecido da televisión galega pola súa participación en series como Os outros feirantes, Pratos combinados, Mareas vivas, Un mundo de historias, Air Galicia, A vida por diante, Efectos secundarios, Padre Casares; no capítulo piloto de Sombras na noite; en Matalobos, O Nordés, Escoba! ou Louredo responde; ademais de en programas televisivos como Zapping Comando ou Tourilandia. Tivo tamén personaxes episódicos en series de ámbito estatal como Hospital Central, El Comisario ou Piratas.
Ademais, formou parte do elenco de voces da longametraxe de animación O Apóstolo, de Fernando Cortizo, no 2008, da curtametraxe Leo, tamén de Fernando Cortizo e do mesmo ano, así como do da serie de animación Romántica, de Nacho Abia, en 2010; e foi o narrador das curtametraxes O ladrón de bonecas, de Fernando Cortizo, en 2006, e A incrible historia de Santi Pingüín, de Raúl García, en 2011.
Ao longo da súa carreira obtivo diferentes recoñecementos polo seu traballo tanto no teatro como no audiovisual. Levou tres premios María Casares ao mellor actor protagonista, en 1999 por Si o vello Simbad volvese ás illas, do CDG, en 2002 por Binomio de Newton, de Teatro de Adro, e en 2012 por Kafka e a boneca viaxeira, de Eme2; e ao mellor actor secundario por Calígula, do CDG, no ano 2000. Ademais, obtivo o Premio de Interpretación Maruxa Villanueva, en 2008, e o Premio da Crítica de Galicia de Artes Escénicas e Audiovisuais en 2012; e recibiu o recoñecemento como Xograr de Outono do FIOT de Carballo en 2013 e o Premio de Honra Marisa Soto nos Premios María Casares de 2014, os dous últimos a título póstumo. Foi presidente da Academia Galega do Audiovisual entre 2009 e 2011, e obtivo o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación masculina de reparto por Os mortos van ás présas en 2009, galardón que volveu obter en 2010 pola súa interpretación en Retornos. Foi ademais nomeado nesa categoría en 2002 por Entre bateas, en 2003 por Blanca Madison e en 2011 foi nomeado por Doentes, na categoría de mellor interpretación masculina protagonista.
Agradecementos
A Rebeca Montero e a Quico Cadaval pola súa xenerosidade á hora de compartir comigo algúns dos seus fermosos recordos sobre Pico.
Páxinas web de referencia
Páxina web do CDG
Páxina web da Academia Galega do Audiovisual
Páxina web de Lagarta Lagarta
Ficha de Xosé Manuel Olveira, “Pico”, en AVG
Páxina web da AAAG
https://engalecine6.webnode.es/pico/
Páxina web do Centro de Documentación de las artes escénicas y de la música
Bibliografía
«Entrevista ao actor esteirán Xosé M. Olveira ‘Pico”», na páxina web Que pasa na costa, (12 de xaneiro de 2012).
Franco, Camilo: «Pico, o territorio natural da xente», edición dixital de La Voz de Galicia, (22 de xuño de 2013).
«Morre o actor Xosé Manuel Olveira “Pico”», en Culturagalega.gal, (14 de xuño de 2013).
Riobó, Pedro Pablo: «Fotoentrevista: Xosé Manuel Olveira “Pico», R.G.T., Revista Galega de Teatro, 57 (inverno 2008).
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, 2007.
«Xosé Manuel Olveira, “Pico”, recibe o Premio Augusta ao mellor actor no Festival de Braga polo seu papel en Sinbad», na páxina web da CRTVG, (6 de novembro de 2012).
«Xosé Manuel Olveira, “Pico” Premio de Honra Marisa Soto», na web da Asociación de Actrices e Actores de Galicia, (12 de marzo de 2014).
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Xosé Manuel Olveira “Pico”. Publicado o 5/3/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34245. Recuperado o 21/04/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Presentación de Manuel Guede da produción teatral Ricardo III, protagonizada por Pico. 2005
Guede, Manuel: «Merecer ser herdeiros». En Shakespeare, William: Ricardo III. Santiago de Compostela: Centro Dramático Galego, 2005; 25-27.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Dirixida por Quico Cadaval, n'O ano do cometa, de Cunqueiro, Pico interpreta a
Xulio César. CDG, 2004«O ano do cometa, de Álvaro Cunqueiro,». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Artigo sobre os primeiros vinte anos de existencia do Centro Dramático Galego (CDG)
López Carbajales, Víctor: «Que vinte anos non son nada... ou si». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004; 310-315.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Entrada biográfica de Xosé Manuel Olveira Pico na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada
«Olveira Gallardo, Xosé Manuel», Gran Enciclopedia Gallega Silverio Cañada. 33, LUgo: El Progreso, DL 2003; 112-113.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ficha de Si o vello Sinbad volvese ás illas..., de Álvaro Cunqueiro. CDG, 1999
«Si o vello Sinbad volvese ás Illas..., de Álvaro Cunqueiro,». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
En Como en Irlanda, obra dirixida por Quico Cadaval, Pico interpreta a
Fuco de Arnoia. CDG. 1996«Como en Irlanda de Antón Villar Ponte e John Millington Synge». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Nau de amores, de Gil Vicente, dirixida por Cándido Pazó. Pico interpreta ao
Vello da horta. CDG, 1995«Nau de amores de Gil Vicente». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Viaxe e fin de don Frontán, ficha técnica. Estreada o 7 de xullo de 1995 esta obra de Rafael Dieste estivo dirixida por Antonio F. Simón
«Viaxe e fin de don Frontán, de Álvaro Cunqueiro». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ficha da curtametraxe A todo tren, de Lidia Mosquera. 1995
«A todo tren». En Filmografía galega: curtametraxeso. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, DL 2002; 25-26.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
A fiestra valdeira, de Rafael Dieste, dirixida por Xulio Lago. CDG, 1994
«A fiestra valdeira». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
O mozo que chegou de Lonxe. A Cantiga de Cristobo Alveiros, de J.M. Synge, dirixida por Mario Gas. Pico interpreta a
Miguel Anxo Casto. CDG, 1988«O mozo que chegou de Lonxe. A Cantiga de Cristobo Alveiros, de J.M. Synge,». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ficha d'A Pousadeira, de Carlo Goldoni, dirixida por Xoán Cejudo. Pico interpreta ao
Marqués de Forlipópoli. CDG, 1987«A Pousadeira de Carlo Goldoni». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ Premio de Honra Marisa Soto, na web da Asociación de Actrices e Actores de Galicia. 12 de marzo de 2014
Fonte: Asociación de Actrices e Actores de Galicia
Vídeo emitido na TVG que recolle a homenaxe feita a Pico nos Premios María Casares de 2014
Fonte: https://www.crtvg.es/premium/programa/premios-mestre-mateo/homenaxe-xose-manuel-oliveira-pico [Consulta: 2023-02-27]
«Lembramos o actor Xosé Manuel Olveira na entrega especial do DC ‘As vidas de X.M. Olveira, Pico», no Diario Cultural, da Radio Galega, emitido o 14 de xuño de 2013.
Fonte: https://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-14-06-2013-608068 [Consulta: 2023-02-28]
«Morre o actor Xosé Manuel Olveira ‘Pico’», en culturagalega.gal. 14 de xuño de 2013
Fonte: http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=22924 [Consulta: 2023-02-28]
«Xosé Manuel Olveira, ‘Pico’, recibe o Premio Augusta ao mellor actor no Festival de Braga polo seu papel en Sinbad», na páxina web da CRTVG. 6 de novembro de 2012
Fonte: https://www.crtvg.es
Entrevista ao actor esteirán Xosé M. Olveira ‘Pico’ na web Que pasa na costa. 12 de xaneiro de 2012
Fonte: www.quepasanacosta.gal
Curtametraxe A subela, dirixida por Luís Avilés Vaquero, do 2002, na web Cortos de metraje
Fonte: Web Cortos de metraje
https://cortosdemetraje.com/a-subela/
Episodios da serie da TVG Pratos combinados. 1995-2006
Fonte: Agalega.gal
Páxina web do Centro Dramático Galego
Fonte: http://centrodramatico.xunta.gal/cdg/
Páxina web da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia)
Fonte: https://www.aaag.gal/
Páxina web da Academia Galega do Audiovisual
Fonte: https://www.academiagalegadoaudiovisual.gal/
Videos
Anacos da curtametraxe dirixida por Luis Avilés e interpretado por Xosé Manuel Olveira
Pico. 2002
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=5mSgQwNhQ88&ab_channel=victorromero [Consulta: 2023-03-02]
Xose Manuel Olveira
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=RhqESjjBXa8
Trailer de Retornos>/cite>, de Luís Avilés. 2010
Fonte: https://youtu.be/29H86uHChvM