Ricardo Courtier
A Coruña, 10/ 3/1863 - Ourense, 10/12/1922Autoría: Beatriz Cancela Montes
Pianista virtuoso, compositor de melodías galegas, director e folclorista
A familia Courtier en Galicia
Ricardo Courtier Burguero nace na Coruña o 10 de marzo de 1863 e falece en Ourense o 10 de decembro de 1922. Este destacado músico é o sucesor dunha saga de mestres cuxa orixe situamos na rexión de Praden, territorio localizado na Suíza oriental. Dende alí chega Pedro Courtier ate Barcelona, onde se instala e ten descendencia. Dous dos seus fillos, Juan e José, trasladaranse a Sevilla como músicos -relixioso e civil respectivamente- ate que Juan decide presentarse en Compostela para cubrir a praza de violín primeiro, vacante na capela de música da catedral, en 1818. Este é o comezo da pegada dos Courtier en Galicia.
Entre os descendentes de Juan Courtier destacarán como avezados músicos Hilario e José, pai de Ricardo. Ambos terán unha gran responsabilidade no pulo que adquire a música nos ámbitos académico e civil, xa non só en Santiago senón en toda Galicia. José, de feito, será o encargado de impartir as primeiras clases de solfexo e manexo do arco dun pequeno Pablo Sarasate, co que seguirá mantendo amizade e contacto nas visitas do navarro a Galicia.
Orixe: A Coruña
José Courtier trasládase á cidade herculina coa súa familia atraído pola demanda da urbe, que estaba en pleno pulo industrial e efervescencia cultural e ideolóxica. Alí emprenderá unha carreira como músico destacado ao carón do polifacético Canuto Berea e alí nacerá Ricardo Courtier. Formado inicialmente no seo familiar, non ha tardar en percorrer a península, atopando referencias do seu paso por Cádiz e finalizando a carreira de piano en Madrid. Pero se unha cidade é crucial no devir de Ricardo Courtier esta é Barcelona. A familia aterra no ano 1879, sendo testemuña dos cambios que estaban a chegar dende Europa e tamén do nacemento de importantes movementos coma o da creación dunha ópera nacional ou toda a engrenaxe coral en torno á figura de Josep Anselm Clavé. Sen ir máis lonxe, Ricardo Courtier integrarase no orfeón La Euterpense Catalana, asimilando estes ideais que posteriormente reproduce na súa actividade compositiva e musical xeral. Dende alí ábreselle un abano de posibilidades como membro e director de compañías de zarzuelas, dando en percorrer toda España antes de establecerse en Pobra de Trives en 1888.
Destino: A Pobra de Trives (Ourense)
A acollida do reputado músico nesta localidade ourensá foi particularmente estreita, en gran parte grazas á relación que estableceu co Marqués de Trives. Courtier levou á vila a súa experiencia e mestría, converténdose en activo axente dinamizador. Participaba na igrexa como organista, e no Casino como pianista nas frecuentes e animadas veladas que alí se realizaban. A nivel persoal coñece a Filomena Santamaría Domínguez, coa que casa en decembro de 1889. O matrimonio terá cinco fillas ademais dos que achega a viúva do seu matrimonio anterior. Precisamente nese mesmo ano funda e dirixe a Banda de Música de Pobra de Trives, da que temos constancia aínda en 1905. En 1893 organiza o Orfeón Courtier, integrado por corenta xoves da localidade e defendendo un repertorio galego na liña daquel movemento que presenciara en Cataluña.
Aínda que se hai un fito relevante a destacar na traxectoria de Ricardo Courtier este é a creación e a composición de obras para o cuarteto formado por gaita, requinto, redobrante e bombo chamado Os Trintas de Trives. Os seus integrantes eran os irmáns Álvarez, que ademais posuían coñecementos de linguaxe musical, interpretando un repertorio de gran virtuosismo que, na maioría dos casos, eran composicións de Ricardo Courtier. A súa fama deu en expandirse chegando a territorios de ultramar e mesmo actuando no acto de proclamación real de Afonso XIII.
A primeira década do século XX constitúe un punto de inflexión na vida de Ricardo Courtier. Obtén por oposición a praza de Director da Banda Municipal de Ourense, sendo oficialmente nomeado o 18 de setembro de 1910, e pasando a residir alí coa súa familia. O músico coruñés será recordado pola fonda reestruturación que fixo na agrupación, que non pasaba polo seu mellor momento: ademais de reorganizar o cadro de persoal, incidirá na organización do arquivo musical, facendo o inventario e incorporando arranxos, transcricións e obras de propia autoría, que levarán á agrupación a acadar destacados premios.
Pero como músico versátil o seu labor non só se limitou a esta agrupación musical, senón que tamén participou activamente como pianista no Club Orensano; daba concertos como pianista acompañante e como solista no Café Moderno e como director dun sexteto no Café La Unión. Dirixiu unha orquestra con sección vocal destinada a solemnizar festividades relixiosas, foi nomeado xefe da sección musical do primeiro Ateneo da cidade e asesoraba ao orfeón; ademais doutras facetas puntuais como, por exemplo, exercer como xurado en diversos certames musicais ou acompañar a músicos destacados que visitaban a cidade.
Unha das últimas noticias indican que en 1920 estaba traballando nunha zarzuela con libreto de Javier Prado “Lameiro”. Apenas dous anos despois e tras longo tempo de doenza, Courtier falece o 10 de decembro de 1922 aos 59 anos de idade a causa dunha bronquite crónica. O pobo ourensán dedicará durante varios anos sentidas homenaxes ao mestre, deixando patente unha fonda admiración e sentimento de pertenza colectiva.
Actividade compositiva
A liña compositiva de Ricardo Courtier mostra un vínculo estreito coa música popular galega e coa música de salón. Muiñeiras, pasodobres, cancións galegas ou valses adquiren na escritura pianística gran gusto e delicadeza. Tamén os arranxos e obras para orquestra, banda ou conxunto camerístico evidencian un fondo coñecemento textural, nos que ademais atopamos referencias á música tradicional coma o emprego de longas pedais ou ritmos que imitan ós tamborís. Este coñecemento da tradición popular queda patente na implicación como informante do Cancioneiro de Casto Sampedro, recollendo testemuñas musicais da zona de Trives e Monforte.
A obra máis senlleira do coruñés será a zarzuela nun acto e catro cadros, Flor de cardo, con texto do valdeorrés Antonio Suárez de Puga (1872-1910). Estreouse no Teatro Eslava de Madrid o 25 de maio de 1904 e foi editada na imprenta madrileña S. Velasco. O libreto está adicado ao Centro Galego de Madrid e á súa Presidenta honoraria, Emilia Pardo Bazán. A muiñeira pasará ao repertorio pianístico posterior e aínda en 1929 se editará en rolo para pianola pola casa Victoria de Barcelona.
Malia que se atoparon relativamente poucas partituras de Ricardo Courtier das que poida ter o seu corpus, é significativo o carácter das mesmas. Todas elas fan referencia, tanto no título coma no carácter e no estilo, á música popular galega. Segundo unha entrevista de 1908, o mestre aclara que se mostra reticente a publicar as súas obras debido a que só beneficia aos editores, acougando poder editalas el mesmo ou ansiando tempos mellores para a súa edición. Grazas a que nos últimos anos se foron achando partituras manuscritas en distintos arquivos puidemos evidenciar a relevancia que tivo o mestre na historia da música galega.
Bibliografía

Cancela Montes, Alberto; Cancela Montes, Beatriz (2013): La saga Courtier en Galicia. Santiago de Compostela: Alvarellos.
Como citar: Cancela Montes, Beatriz : Ricardo Courtier. Publicado o 24/1/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34079. Recuperado o 20/04/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Relación de obras de Ricardo Courtier anteriores a 1898
Cadro creado por Beatriz Cancela
Fonte: documento creado por Beatriz Cancela
Relación de obras de Ricardo Courtier coñecidas a partir de 1898
Cadro creado por Beatriz Cancela
Fonte: documento creado por Beatriz Cancela
Ligazóns de interese
«Flor de cardo», de Ricardo Courtier. Rolo de pianola
Fonte: http://bdh.bne.es/bnesearch/detalle/bdh0000200075 [consulta: 2023/01/03]
Artigo sobre «Flor de cardo», de Ricardo Courtier
Fonte:https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Mui%C3%B1eira,_zarzuela_Flor_de_cardo,_1916,_Ricardo_Courtier_1865-1922,_portada_del_rollo.jpg
Videos
Muiñeira Mimi Monchiña interpretada pola Unidade de Música de la Guardia Real. Aranoxs para banda de R. Carracedo
Fonte. Youtube
Ismael García e Santi López interpretan Blanca o Negra, composta para o cuarteto de música tradiconal Os Trinta de Trives por Ricardo Courtier
Interpretación musical
Fonte: Youtube
Audios
«Os noitébregos», de Ricardo Courtier, interpretado pola Banda Batallón Mérida de Orense
«Angelines», de Ricardo Courtier, interpretado pola Banda Batallón Mérida de Orense