Filippo Prosperi
Todi, Perugia (Italia), 1816 - Vigo (Pontevedra), 12/5/1899Autoría: Vítor Vaqueiro
Da Umbría ás Rías Baixas, do teatro á fotografía
Inicialmente actor, autor e tradutor de textos teatrais, a súa aparición no Estado español detéctase na década dos sesenta do século XIX. Nos primeiros 60s, despois de actuacións en Parma, Montalto ou Milán, actúa en Barcelona, A Coruña, Sevilla, Vigo, Madrid ou Alacant como director ou primeiro actor de compañías ás que pertencen figuras como Carolina Santoni, Adelaide Ristori ou Carolina Civili, sobriña da primeira. No repertorio destas compañías pódense encontrar obras como Medea, Otello, Torcuato Tasso, Fedra ou Macbeth. Destes anos será a única imaxe que coñecemos da súa persoa, tirada polo fotógrafo de orixe francesa estabelecido en Madrid Jean Laurent, na que aparece xunto coa propria Santoni e o actor Angelo Moro, acompañados por unha crianza, nun retrato que, tomado nun estudio, quer reproducir, porén, un episodio teatral. Prosperi, que desde a súa definitiva instalación, primeiro en Pontevedra e máis tarde en Vigo, abandonaría o teatro profesional, continuou, non obstante, a desenvolver o labor teatral en sesións de amadores, ás veces para recadar axudas económicas dirixidas a organización de festas, e, noutras ocasións, de auxilio a familias de damnificados, nomeadamente mariñeiros afogados que, naquela altura, constituían lexión, ao seren as condicións de traballo no mar verdadeiramente deplorábeis.
A finais da década de 1860 fica xa asentado no noso país, concretamente na cidade de Pontevedra, onde se acha dedicado á venda de coleccións de libros de natureza descritiva, e xeral, sobre xeografía, historia, literatura, historia natural e outras materias da área das Humanidades. Tamén na capital provincial abrirá, xunto con Villar, por volta de 1867, un gabinete fotográfico na rúa do Parador número 2, e será igualmente nesta cidade onde Filippo Prosperi, o 25 de setembro do ano 1869, na freguesía de San Bartolomeu, case con Cándida Otero Fontán, con quen compartillará a actividade fotográfica e persoal até o final dos seus días. O estudio pontevedrés terá duración cativa pois a finais deste mesmo ano 1869, Prosperi debe estar instalado en Vigo, inaugurando así unha actividade na cidade da oliveira que se prolongará até o ano 1899.
En Vigo, o fotógrafo italiano inaugura o seu labor a fins de 1869 ou, como moi tarde, a comezos do 1870, nunha galería situada na rúa de Sombreireiros número 27, 2º andar. Posibelmente puido existir un local provisorio previo ou Prosperi practicar algo corrente naquel tempo como era a fotografía itinerante, se acreditarmos na información contida nos reversos dalgúns cartóns fotográficos nos que non se sinala o enderezo do estudio, ficando neles só a información Fotografía Italiana—Felipe (sic) Prosperi—Vigo. Así e todo, coñécese con precisión o roteiro físico seguido polo fotógrafo e Cándida Otero e a periodización do mesmo: entre 1869-70 e 1880, no antedito enderezo de Sombreireiros, na parte vella da cidade; entre 1880 e 1885, nunha rúa achegada a esta, Triunfo número 4 e, finalmente, neste último ano, o traslado definitivo á rúa do Príncipe 31, que xa estaba a se configurar como o gran centro comercial vigués.
Malia prolongar o seu traballo ao longo de case tres décadas, o cal implicaría a realización de miles de fotografías, o legado que ficou á morte de Cándida Otero, —que continuou co estudio, até 1915, despois da asociación con Jaime Pacheco en 1907— sitúase, escasamente e de maneira incomprensíbel, nunhas duascentas imaxes. Coñécese o traballo da parella fotográfica polas informacións que os xornais e revistas deitaron con periodicidade. Desta maneira chegou até o día de hoxe a noticia dunha parte das clases dirixentes viguesas —económicas e políticas— ou notábeis intelectuais acudiren ao gabinete para seren fotografadas. Entre estes casos encóntranse políticos como o gobernador civil de Pontevedra Filiberto Abelardo Díaz, o presidente do goberno Cánovas del Castillo, o político e ministro conservador José Elduayen ou o alcalde Prudencio Nandín; comerciantes ou empresarios como Abdón Pereira de Lema e Ignacio Sobrino Vicente ou poetas como Curros Enríquez, cuxo retrato foi, durante anos, atribuído, de forma errónea, a Jaime de Sousa Guedes Pacheco. Posúense tamén informacións que falan do requinte da galería, con videiras, plantas de xardín, pianos para faceren máis amábel os tempos de espera, paredes empapeladas de distintas cores, alfombras e zonas enceradas, xerando a ilusión dunha vivenda familiar, en sintonía co que as historias da Fotografía expoñen sobre os gabinetes fotográficos de Europa.
A actividade do estudio proxectábase ao exterior mediante exposicións no trinque da galería ou, atinxindo maior difusión, mediante a inserción das fotos obtidas en revistas, algunhas delas de gran calidade, como La Ilustración Cantábrica, La Ilustración Gallega y Asturiana ou La Ilustración Española y Americana. Algunhas destas publicacións mostraban debuxos a partir de fotos, ás veces sen mencionaren a autoría, aínda que non sexa este o caso da inauguración da estatua, na Alameda de Vigo, en honra de Méndez Núñez, onde La Ilustración Española y Americana consigna con claridade a circunstancia de a gravura se realizar partindo dunha imaxe de Prosperi. Este traballo do fotógrafo italiano, destinado a publicacións periódicas, acolle imaxes de diferentes procedencias, como retrato —o xa mencionado de Filiberto Díaz—, reportaxes de exteriores —estatua de Méndez Núñez— ou mesmo reproducións de obxectos valiosos, como o baixo-relevo dos séculos XV ou XVI representando o bautismo de Cristo no Xordán, que publica La Ilustración Española y Americana e do que é posuidor Augusto Bárcena, fillo do conde de Casa Bárcena. Abranguendo un conxunto de paisaxes Prosperi e Otero chegaron a publicar un álbum de natureza semi artesanal, Galicia pintoresca, en harmonía coas publicacións que daquela circulaban en distintos países.
Prosperi salienta polo seu traballo de documentación de feitos que definiron a face física da cidade e a súa historia: a longa reportaxe sobre a Ribeira —daquela un sinxelo areal— algunhas de cuxas imaxes chegaron até o día de hoxe, co matadoiro, derrubado en 1900, para delimitar no tempo ese grupo de fotografías. Ao carón desta serie, áchase o rexistro das praias do centro da cidade, como a das baterías ou a de San Francisco. E, nas praias, as casas de baños, algunha delas, como
La Iniciadora, de luxosa fasquía. Prosperi fotografou igualmente a construción do Ensanche, que pasou ao redor da década de 1880 de ser unha braña a se constituír nunha chea de predios, inseridos en rúas rexidas polos principios de paralelismo e perpendicularidade, onde amiudaban os cantos en chafrán e a burguesía local vangloriábase da súa potencia económica. E, como elemento nuclear do ensanche, a evolución da Alameda, que presenciaría, en 1890, a inauguración, xa sinalada, do monumento a Méndez Núñez. Prosperi fotografou tamén momentos de profunda dor, como o embarque de soldados para Cuba, para loitaren inutilmente na defensa do proxecto colonial español que se afundía.
Débese subliñar que a reportaxe en exteriores realizada por Prosperi non se cinxe só a Vigo, senón —até onde sabemos— que se manifesta en lugares que, como Tui (1879) e o Val Miñor —Sabarís ou a ponte da Ramallosa—, hoxe fican rexistrados nas páxinas de La Ilustración Gallega y Asturiana e La Ilustración Cantábrica. O mesmo que Redondela (1884), lugar no que o fotógrafo cobre a viaxe inaugural da liña de tren que une esta vila coa capital provincial, ou A Guarda, cuxo traballo de 1892, alén da súa notábel altura, mostra unha chea de arestas dunha vila mariñeira e, tamén, das características da fotografía do século XIX. Até onde se sabe no momento presente, será na Quinta de Agrelo, en Reboreda-Redondela, en 1897, dezaoito meses antes de falecer, onde realice a derradeira reportaxe da súa vida, que terá por obxecto documentar o bautismo do fillo do casal composto polo comerciante Bernardo Fernández e Teresa Bobleiro.
A noticia da súa morte, orixinada por unha pneumonía infecciosa, chega na primavera de 1899 e a idade do fotógrafo é, como o seu nome, motivo de confusión. Se acreditarmos no certificado de defunción, a cifra é de oitenta e cinco anos, encanto o rexistro de defuncións menciona oitenta e tres. O seu enterro, o 13 de maio, día seguinte ao do seu falecemento, fornece igualmente equívocos sobre o seu proprio nome, ao figurar no documento correspondente como Próspery Cortechi e na lápida que acolleu os seus restos como Prosperi Cartedri. Após de si ficaba un inmenso traballo, en gran parte compartillado con Cándida Otero, do que, infelizmente, apenas unha ínfima parte, menos do un por cento, chegou aos nosos días, perdéndose con iso, de maneira irreversíbel, unha parte notoria da historia de Vigo e do país enteiro.
Bibliografía
Fontes documentais, xornais e revistas
Informacións aparecidas en: El Pensamiento Español (ano 1861); Faro de Vigo (1869 a 1899); La Corona (1861 e 1862); La Correspondencia de España (1861); La Correspondencia Gallega: diario de Pontevedra (1894 a 1899); La Época (1865); La Ilustración Cantábrica (1882); La Ilustración Española y Americana (1887); La Ilustración Gallega y Asturiana (1879); La Nación (1865).
Arquivo do Concello de Vigo: Cementerios. Registro defunciones, 1898-1911. O número de orde correspondente a Prosperi, que aparece rexistrado como Felipe Prosperi Cortechi, é o 616.
Rexistro Civil de Vigo. Acta de defunción, número 214, tomo 43D, páxina 216, sección terceira.
Monografías e artigos
Vaqueiro, Vítor (2002): Pacheco, a memoria dun tempo e dun país. Barcelona: Lunwerg; 17-26
Vaqueiro, Vítor (2004): «Achegamento ás orixes da actividade fotográfica do casal Prosperi-Otero na cidade de Vigo (1872-1882)», A trabe de ouro, ano XV, IV, 487-501
Recursos de internet
Padín Ogando, Fernanda: Fotógrafas pioneiras. Accesible en: http://www.fotografaspioneiras.com [Consulta: 2022-05-02]
https://circulomercantilvigo/el-circulo/juntas-en-la-historia
http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=1222825
Como citar: Vaqueiro, Vítor : Filippo Prosperi. Publicado o 3/5/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=30932. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
José Gil figura neste estudo de Gerardo González Martín sobre os primeiros anos da fotografía en Vigo
González Martín, Gerardo: «Más de medio siglo de fotografía en Vigo (1882-1936)», Glaucopis: Boletín del Insituto de Estudios Vigueses, 17 (2012), 107-182.
Fonte: Instituto de Estudios Viguesas / Dialnet
Artigo de Teresa Cuíñas sobre a dixitalización de 4000 imaxes fotográficas do Arquivo Pacheco
Cuíñas, Teresa: «Postales de la ciudad perdida», El país, (26 de xullo de 2009)
Fonte: Centro de Documentación da AELG
https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/vitor-vaqueiro/paratextos/7488/postales-de-la-ciudad-perdida [Descarga: 2022-05-02]
Artigo de Vítor Vaqueiro sobre a actividade fotográfica de Cándida Otero e Filippo Prosperi
Vaqueiro, Vítor: «Achegameno ás orixes da actividade fotográfica do casal Prosperi-Otero na cidade de Vigo (1872-1882)», A trabe de ouro, 60 (2004), 487-501.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Noticia da apertura do estudio de fotografía de Prosperi na rúa da Oliva en Pontevedra. 1888
«Pontevedra y Galicia», Crónica de Pontevedra: diario político, 603 (16 de maio de 1888), 3
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Información sobre a apertura do estudio fotográfio de Prosperi e Villar na rúa Parador de Pontevedra. 1867
«Variedades. Revista local», El Buscapié: periódico satírico de noticias y anuncios, 72, (14 setembro 1867), 2-3
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital http://galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/publicaciones/numeros_por_mes.do?idPublicacion=2585&anyo=1867 [Descarga: 2022-05-04]
Breve crítica da obra de teatro Cuestión de forma, na que participa como actor Felippo Prosperi
García de Luna, Luis:«Revista de Madrid», El Lloyd español: diario político independiente, Barcelona, (25 de maio de 1865), 2
Fonte: Hemeroteca Digital. Biblioteca Nacional
http://hemerotecadigital.bne.es/issue.vm?id=0004114611&page=2&search=Prosperi&lang=es [Descarga: 2022-04-26]
Mencións á actividade como actor de Filippo Prosperi na publicación La Nación. 1865
La Nación, Madrid, 306 (2 de maio de 1865), 3; 422 (16 de setembro de 1865), 3
Fonte: Hemeroteca Digital. Biblioteca Nacional
http://hemerotecadigital.bne.es/issue.vm?id=0026604322&page=3&search=Prosperi&lang=es [Consulta: 2022-04-27]
A revista La Violeta ofrece fotografías aos seus subscritores. Filippo Prosperi aparece cos números 246 e 247 como actor en María Stuart e I due sargenti. 1865
«Variedades», La Violeta: revista hispano-americana, Madrid, 124 (16 de abril de 1865), 5
Fonte: Hemeroteca Digital. Biblioteca Nacional
http://hemerotecadigital.bne.es/issue.vm?id=0003925728&page=5&search=Prosperi&lang=es [Descarga: 2022-04-28]
Ligazóns de interese
Entrada de Prosperi da DB-e da Real Academia de la Historia
Echave Durán, María Cristina: «Felipe Prísperi Cortechi», DB-e, Real Academia de la Historia.
Fonte: Real Academia de la Historia
https://dbe.rah.es/biografias/51545/felipe-prosperi-cortechi [Consulta: 2022-05-02]
Biografía de Filippo Prosperi na Galipedia
Fonte: Galipedia
https://gl.wikipedia.org/wiki/Felipe_Pr%C3%B3speri [Consulta: 2022-04-28]
Cándida Otero, fotógrafa coa que Jaime Pacheco e Filippo Prosperi compatiron estudio, no Álbum de Galicia
Vaqueiro, Vítor: «Cándida Otero», Álbum de Galicia, (1 de marzo de 2022). DOI: 10.17075/adg.2022.23769
Fonte: Consello da Cultura Galega. Álbum de Galicia.
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=30050
A fotógrafa Cándida Otero no web Do gris ao violeta
«Cándida Otero Fontán», www.dogrisaovioleta.gal
Fonte: https://www.dogrisaovioleta.gal/wp-content/uploads/2018/11/Candida-Otero-Fontan.pdf [Consulta: 2022-02-23]
Xurxo Martínez escribe sobre Cándida Otero no seu blog O murmurio das ondas
Martínez González, Xurxo: «Cándida Otero a contraluz», omarmuriodasondas.wordpress.com, (31 de xaneiro de 2019)
Fonte: https://omarmuriodasondas.wordpress.com/2019/01/31/candida-otero-a-contra-luz/ [Consulta: 2022-02-23]
Cándida Otero e Filippo Prosperi nun artigo de Milagros Bará en www.diariodepontevedra.es
Bará, Milagros: «Cándida Otero, la primera fotógrafa de Pontevedra», www.diariodepontevedra.es, (5 de agosto de 2018)
Fonte: https://www.diariodepontevedra.es/blog/milagros-bara/candida-otero-primera-fotografa-pontevedra/20180805195651994361.html [Consulta: 2022-02-23]
Artigo sobre a foto da fragata
Almansano porto de VigoLamas, Jorge: «Vigo saluda a los héroes de El Callao», www.lavozdegalicia.es, (28 de abril de 2015)
Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2015/04/28/vigo-saluda-heroes-callaola-reina-paga-polvora/0003_201504V28C6991.htm [Consulta: 2022-02-28]
Filippo Prosperi e Cándida Otero, pioneiros da fotografía en Vigo
Pardo, Pablo: «A lembranza do ollar (III): Reconstruíndo a Prósperi e Otero», culturagalega.gal, (11 de setembro de 2014 )
Fonte: http://culturagalega.gal/noticia.php?id=24595 [Consulta: 2022-02-28]
Artigo sobre Pacheco, Prosperi e Cándida Otero en Faro de Vigo
«116 testimonios del estudio Pacheco: El valor documental manda en las instantáneas del estudio fotográfico de Vigo que inmortalizó episodios de la sociedad gallega del siglo XX», www.farodevigo.es, (27 de abril de 2014 )
Fonte: https://www.farodevigo.es/sociedad/2014/04/27/116-testimonios-estudio-pacheco-17227052.html [Consulta: 2022-02-28]
Filippo Prosperi nos fondos do Arquivo Pacheco
«Non só vigués: Vigo abre ao público o Arquivo Pacheco para reconstruír o pasado fotográfico da cidade», www.cuturagalega.gal, (3/8/2009),
Fonte: Consello da Cultura Galega
http://culturagalega.gal/noticia.php?id=15181 [Consulta: 2022-05-02]
Pioneros de la fotografía
Fonte: CSIC.
https://sitios.csic.es/web/iegps-instituto-de-estudios-gallegos-padre-sarmiento/pioneiros-da-fotografia [Consulta: 2023-03-28]
Videos
Pablo Prado elabora para culturagalega.org este documental sobre os pioneiros da fotografía viguesa: Cándida Otero e Filippo Prosperi
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=qsZXWKxrRvo [Consulta: 2022-02-28]