Rubén García
Ribadavia, 1951 - Ribadavia, 21/10/2008Autoría: Ana Abad de Larriva
Grande impulsor e primeiro director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia
A lectura xa de adolescente das obras completas de Lorca procedentes da biblioteca paterna propulsou o inicio do seu gran namoramento do teatro. A estas lecturas seguirían, por recomendación do seu pai, as das pezas de Valle Inclán, Ibsen, Shakespeare, Casona ou Jardiel Poncela, que serviron de caldo de cultivo da súa gran paixón polas artes escénicas.
A comezos dos anos 70 uniuse á Asociación Cultural Abrente, creada en 1969, e estivo detrás do nacemento das Mostras de Teatro, formando parte do grupo de teatro afeccionado e participando na obra que fixeron para conseguir cartos para a súa primeira edición, unha montaxe na que tamén participaron Ernesto Chao e Rosa Álvarez. As Mostras de Teatro, que se celebraron anualmente dende 1973 ata 1980, converteríanse nun espazo de encontro e referencia, así como nun gran pulo para o teatro galego.
En 1984, Rubén García converteuse no director artístico do primeiro Festival Internacional de Teatro de Ribadavia, impulsado dende a Asociación de Promoción Teatral de Ribadavia - á cabeza dun grupo no que estaban a súa muller, Rosa Saura, e Laura Barea-, elaborando un potente programa que incluíu grupos como La Cubana ou La Fura dels Baus. Nas seguintes catro edicións, Rubén non estivo á fronte da organización do encontro teatral (que xa dende a súa segunda entrega adoptara o nome de Mostra Internacional de Ribadavia, para reforzar a continuidade coas Mostras de Teatro de Abrente), da que se encargaron diferentes asociacións.
Rubén volveu dirixir a MIT na sexta edición, no ano 1990, e xa dende entón quedou vinculado a un cargo que desenvolvería durante os seguintes dezaoito anos, até o seu falecemento, cunha grande entrega e amor, converténdose na alma da mostra. Na presentación da primeira edición do festival, Rubén ambicionaba que este se convertese nunha
festa do teatro, e niso traballou incansablemente, pero tamén conseguiu que grazas á produción, ao reforzo da imaxe, ás actividades paralelas e á xeración dun espazo de encontro internacional, así como de formación, a mostra se consolidase ao longo do tempo, obtivese unha entidade e acadase unha proxección, converténdose nunha cita
obrigadapara as artes escénicas en Galicia.
Á hora de programar, viaxaba a moitas feiras e festivais e tamén consultaba o rexistro audiovisual de multitude de obras, tarefa para a que contaba coa inestimable axuda da súa filla máis nova, Aurora, co fin de seleccionar as pezas para a mostra; e para a escolla procuraba pensar no público ribadaviense e o que a este lle podería gustar, mais sen deixar de ser visionario, incluíndo sempre algunhas propostas rompedoras que permitisen achegarse a novas linguaxes. Dos diferentes testemuños que deixaron artistas e compañías coas que traballou ao longo dos anos, así como do seu círculo máis persoal, as calidades que máis se extraen do seu labor son a súa proximidade e calidade humana.
Rubén foi, así mesmo, director da Feira das Artes Escénicas de Galicia durante nove edicións e tamén estivo detrás do nacemento do Premio de Interpretación Maruxa Villanueva, pero a súa conexión e amor polo teatro fixeron que tamén se seguise desenvolvendo dentro do campo da creación. Dende o ano 1973, en que se fixera aquela obra para recadar fondos para a Mostra de Teatro de Abrente, non volvera haber grupo de teatro en Ribadavia e, para cubrir esa eiva, a finais do ano 1993 Valentín Lorenzo Fariña fundou a compañía de teatro afeccionado Teatro do Vilar, á que se uniu Rubén. O grupo estreouse en marzo de 1994 coa montaxe d’A pousadeira, de Carlo Goldoni, na tradución ao galego de Cándido Pazó. Rubén actuaba nela, encarnando o Conde de Albaflorida, e asumindo tamén o deseño da escenografía e do programa de man. Porén, axiña deixaría a actuación e abrazaría a dirección, ao poñerse á fronte da compañía tras o falecemento de Valentín Lorenzo Fariña en setembro dese mesmo ano.
A primeira montaxe que estrearon con dirección de Rubén foi Azos de esguello, de Euloxio R. Ruibal, en febreiro de 1995; unha peza que, até o momento, aínda non fora levada á escena. E Rubén ficou dende entón á fronte do grupo ata o seu pasamento, dirixindo pezas como Os cravos de prata, de Nicolás Bela; María a mosca, de Miguel Sierra (da que fixeron dúas montaxes diferentes ao longo dos anos); Fóra de si, de José Luis Alonso de Santos; O achado do castro, de Manuel Núñez Singala; O romance de Micomicón e Adhelala, de Eduardo Blanco Amor; A puta namorada, de Chema Cerdeña; ou Acto imprevisto, de Miguel Gallego...; e mesmo fixeron unha nova versión d’A pousadeira (A hosteleira, ambientada na Alemaña dos anos 40).
Nesa súa versatilidade, foi tamén o escenógrafo e deseñador do vestiario da peza Gulliver F.M. (Radio Condena), do Centro Dramático Galego, en 1985, con autoría de Antón Reixa e dirixida por Santiago Montenegro, en coprodución coa compañía Artello. Desa montaxe tamén asumiría o deseño do cartel. Outros eventos para os que tamén faría deseño de carteis foron as Festas do Portal e a Festa da Istoria; e na compañía Lagarta Lagarta, dirixida polos seus grandes amigos Rosa Álvarez e Ernesto Chao, encargouse tamén do deseño de son e selección musical en moitas das montaxes.
Afectado durante os últimos anos da súa vida por unha grave enfermidade que o acabou privando da fala, Rubén seguiu traballando tanto á fronte da MIT como do Teatro do Vilar ata o último momento, facendo aínda máis visible, se cabía, o seu gran compromiso co teatro e a súa gran forza de vontade.
Durante todos eses anos a MIT obtivo diferentes recoñecementos á súa traxectoria, encarnada na figura de Rubén: en 2005 o do concello de Gondomar; en xaneiro de 2007 o de Artemad (da asociación de empresas produtoras de artes escénicas da Comunidade de Madrid); e o Premio a Institucións da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), en abril de 2008. Ademais, en 2007 Rubén recibiu o Premio Xiria ao Labor Teatral da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e na gala dos XII Premios de Teatro María Casares, celebrada o 27 de marzo de 2008, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concedeulle a Rubén o Premio de Honra Marisa Soto
polo seu labor a prol do teatro, a súa implicación na profesionalización e o seu desempeño como impulsor e director das Mostras de Ribadavia.
En xullo de 2017, de xeito póstumo, o concello de Ribadavia celebrou un acto de homenaxe a Rubén no que se procedeu a dar o seu nome ao Auditorio do Castelo, pasando a chamarse Auditorio Rubén García do Castelo.
Agradecementos
A Rosa Saura, Aurora García e a Rosa Álvarez, pola súa agarimosa axuda para a elaboración desta biografía, e ao Teatro do Vilar, por facilitar o acceso a todo o seu arquivo documental.
Bibliografía
Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos 70. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2019.
«Encontro do teatro afeccionado», R.G.T. Revista Galega de Teatro, 18 (primavera-verán 1998), 7-20.
Lopez Silva, Inma e Dolores Vilavedra: Un abrente teatral. As Mostras e o Concurso de Teatro de Ribadavia. Vigo: Galaxia, 2002.
Pascual, Roberto (ed.): 25 anos. Mostra Internacional de Teatro Ribadavia. Ourense: Difusora de letras, arte e ideas, 2009.
Pascual, Roberto: «A Stratford de riba do Avia. 25 anos de Mostra Internacional de Teatro», Madrygal, 12 (2009), 165-171.
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, 2007.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Rubén García. Publicado o 5/7/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=29924. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Colaboración de Rubén García en Un Abrente teatral: as Mostras e o Concurso de Teatro de Ribadavia
García, Rubén: «Lembrando Abrente». En López Silva, Inma e Vilavedra, Dolores: Un Abrente teatral: as Mostras e o Concurso de Teatro de Ribadavia. Vigo: Galaxia, 2002; 230-233.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
DOCUMENTACIÓN SOBRE
A asociación cultural Abrente
Sierra Rodríguez, X. R.: «Lembranza de Abrente». En Gurriarán, Ricardo (coord.): Un canto e unha luz na noite: Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2012; 45-47.
Fonte: Consello da Cultura Galega.
http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=1535 [Descarga: 2022-07-05]
Crónica dos vinte e cinco anos da MIT de Ribadavia
Pascual, Roberto: «A Stratford de riba do Avia. 25 anos de Mostra Internacional de Teatro», Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 12 (2009), 165-171.
Fonte: Madrygal. Revista de Estudios Gallegos. Universidad Complutense.
Accesible en https://revistas.ucm.es/index.php/MADR/issue/view/MADR090911 [Descarga: 2022-06-29]
Lara Rozados escribe sobre Rubén García en A Nosa Terra
Rozados, Lara: «A derradeira vez de Rubén García sobre as táboas», A Nosa Terra, 1331 (30 de outubro de 2008), 26.
Fonte: A Nosa Terra. Consello da Cultura Galega.
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_fd_pub2211_ANosaTerra_1331_30_de_outubro_de_2008.pdf. [Descarga: 2022-07-05]
Obituario de Rubén García en Vieiros.com
«Morreu Rubén García, director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia», Vieiros.com, (22 de outubro de 2008)
Fonte: https://www.vieiros.com/nova/69795/morreu-ruben-garcia-director-da-mostra-internacional-de-teatro-de-ribadavia [Descarga: 2022-07-05]
A MIT de Ribadavia na Enciclopedia Galega
«Mostra Internacional de Teatro». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, D.L. 2003; 31, 22-23.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Programa de man de Gulliver FM, de Antón reixa e Artello. 1985
Fonte: Documento cedido por Artello.
Ligazóns de interese
A homenaxe a Rubén García en La Región
Reboiro, X. A.: «Emotiva lembranza de Rubén García», La Región, (15 de xullo de 2017)
Fonte: La Región
https://www.laregion.es/articulo/verano/emotiva-lembranza-ruben-garcia-impulsor-da-mit/20170715115317723719.html [Consulta: 2022-07-05]
Rubén García na páxina web da AAAG
Fonte: Asociación de Actores e Actrices de Galicia
https://aaag.gal/mariacasares/edicions/edicion-xii/premio-de-honra/2770 [Consulta: 2022-06-03]
Discurso de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, na entrega de premios de 2008 na que se recoñeceu a traxectoria da MIT de Ribadavia na figura de Rubén García
Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
https://www.aelg.gal/resources/fckfiles/file/CeaLetras_2008.pdf [Consulta: 2022-06-03]
Entrevista a Rubén García en Diario de Pontevedra
González, Sara: «É vital que as institucións vexan o teatro como un ben social», Diario de Pontevedra, (9 de setembro de 2007).
Fonte: https://www.diariodepontevedra.es/articulo/cultura/e-imprescindible-que-institucions-vexan-o-teatro-como-un-ben-social/20070909134200147141.html [Consulta: 2022-07-01]
En 2007 Rubén recibiu o Premio Xiria ao Labor Teatral da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC)
Fonte: Mostra de Teatro de Cangas.
https://www.mostrateatrocangas.gal/index.php/a-mostra/premio-xiria-e-premio-do-publico [Consulta: 2022-06-03]
Nova sobre os inicios do Premio Maruxa Villanueva, do que formou parte Rubén García
Fonte: http://culturagalega.gal/noticia.php?id=394 [Consulta: 2022-06-03]
Información sobre a obra Gulliver FM na páxina web de Artello
Fonte: http://artello.com/gfm/ga.html [Consulta: 2022-06-03]
Información do concello de Ribadavia sobre o acto de homenaxe a Rubén García no que se lle deu o seu nome ao Auditorio do Castelo
Fonte: Concello da Ribadavia.
http://ribadavia.gal/homenaxe-a-ruben-garcia/ [Consulta: 2022-06-03]
Páxina web da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia
Fonte: https://mitribadavia.gal/ [ Consulta:2022-07-01]