Manuel de Castro “Handicap”
Vigo, 7/ 8/1885 - Vigo, 27/8/1944Autoría: Adrián Estévez Iglesias
Deportista, xornalista deportivo, adestrador e promotor da creación do Celta de Vigo
Naceu en Vigo o 7 de agosto de 1885. De novo practicou o fútbol e, en 1906, figuraba como vogal na directiva do Galicia Foot Ball Club. Ao ano seguinte aparece como tesoureiro do Español Foot Ball Club, presidido polo seu irmán Edgunio. En 1911 foi secretario do Vigo Foot Ball Club, do que en 1921 pasou a ser vicepresidente. Participou tamén na promoción doutros deportes, como o rugby, o cross ou o atletismo.
Escribiu principalmente no Faro de Vigo, onde asina a súa primeira crónica o 16 de febreiro de 1909. Nese mesmo ano apareceu a revista viguesa Letras y deportes (1909), a primeira publicación galega dedicada ao mundo do deporte, e colaborou tamén en Machada. En 1916 converteuse en redactor xefe de Vida Deportiva, a primeira revista ilustrada de deportes, con crónicas de ámbito non só local, senón tamén galego e estatal.
Desde as páxinas do decano dos xornais españois, xa en 1915 fixo un chamamento á fusión dos dous principais equipos de fútbol da súa cidade: o Fortuna e o Vigo Sporting. A fusión levaríase a cabo en agosto de 1923, con Handicap como un dos principais valedores. Tempo despois, colaborou tamén no deseño do estadio de Balaídos.
En 1920 foi un dos tres seleccionadores que adestrou a selección española de fútbol nos xogos olímpicos de Amberes. En 1924 repetiría como enviado especial ás Olimpíadas de París, e tamén foi ás de 1928 de Ámsterdam. En 1934 asistiu á Copa do Mundo de Fútbol, celebrada en Italia. Nas olimpíadas de Amberes de 1920 tivo un papel activo. Por entón a normativa permitía que cada equipo achegase un xuíz de liña, e actuou como tal no encontro contra Suecia do 1 de setembro. O combinado, que antes de viaxar a Bélxica xogou varios encontros preparativos en Coia, acadou a medalla de prata, co centrocampista vigués Moncho Gil e o dianteiro pontevedrés Luís Otero no equipo.
Á volta da expedición, Manolo de Castro publicou o libro El Football Olímpico, reeditado en 1930 co título Las gestas españolas en la Olimpiada de Amberes. Entre 1921 e 1927 dirixiu o combinado español en dez partidos, canda a outros adestradores. En 1926 promoveu a celebración dun encontro internacional en Coia entre España e Hungría, e doutro en 1933 contra Portugal en Balaídos.
No mesmo ano da aparición da publicación, en 1916, comezou a promover en Vida Deportiva a creación da selección galega de fútbol. Xunto a Pepe Bar foi o primeiro adestrador do combinado, que debutou o 19 de novembro de 1922 en Coia fronte á selección de Castela. Exerceu tamén como árbitro no encontro de inauguración do estadio de Balaídos e mais nun partido de homenaxe a Luís Otero, e foi membro fundador do Colexio de Árbitros de Galicia. Foi tamén presidente da Federación Galega de Atletismo. Entre outros cargos, exerceu tamén como chanceler dos consulados de Bélxica e Finlandia, dos que era cónsul Federico Barreras Massó.
Colaborou na revista Nós coa sección «Notas deportivas» (o mesmo título da sección que tiña en Faro de Vigo), iniciada no número 11, de 26 de xuño de 1922, onde co nome de Hándicap dá conta da final da Copa do Rei celebrada en Coia o 14 de maio dese ano entre o FC Barcelona e o Real Unión de Irún. É posiblemente a primeira crónica deportiva escrita en galego, xa que a numerosa prensa do país especializada no tema estaba publicada de forma íntegra en castelán. O artigo, seguindo a corrente da época, está inzado de numerosos estranxeirismos, desde o propio
footballno cabezallo, a
parisién,
rouleauou
backs.
Nos números 12, 13 e 14 aparece de novo a sección «Notas deportivas», neste caso a cargo do xornalista José González Viso, e segundo explica ao comezo do texto, por indicación de Florentino López Cuevillas. González Viso adoitaba escribir en La Región, e para os seus artigos xornalísticos empregaba o pseudónimo de “Goal”, co que colaborou tamén en Arosa Sportiva e no semanario coruñés Hércules.
Estas catro son as únicas aparicións do mundo do deporte na revista Nós, publicación que tan diversos contidos tratou ao longo do tempo.
Manuel de Castro González “Handicap” foi tamén redactor do semanario deportivo vigués Sprint, creado e dirixido en 1927 por Andrés Rodríguez Barbeito, quen dimitiu do seu cargo en 1929 logo dunha campaña que iniciara o xornal de carácter rexionalista. O periódico organizou en 1933 a primeira Volta Ciclista á provincia de Pontevedra, que Handicap cubriu, e no número 328 de Sprint (28 de xaneiro de 1934) aparece da man do xornalista unha das primeiras referencias ao hóckey en Galicia. En 1932 publicou tamén na revista viguesa Horizonte, de efémera duración.
Colaborou na organización da Vuelta Ciclista a España de 1936, en especial na fin da 18ª etapa, entre A Coruña e Vigo, que rematou en Balaídos, onde falou Emilia Docet antes de chegaren os corredores. Ademais, en 1932 logrou que unha das etapas da Volta a Portugal rematase en Vigo. Mais seguía escribiendo, principalmente sobre fútbol, e sobre todo sobre o Celta, que entre 1934 e 1935 estivo presidido por Cesáreo González, quen anos despois acadaría sona como produtor cinematográfico con Suevia Films. En setembro de 1934 aparece retratado nunha exposición de debuxos de Ramiro Díaz Baliño. En febreiro de 1937 foi elixido presidente da Asociación da Prensa de Vigo, tras a recuperación da entidade que fora intervida polo mando militar logo do alzamento nacional. Tempo antes, en 1918, asinara un manifesto en defensa dos mauristas de Vigo.
Comezou a colaborar no xornal Marca, fundado en Donostia en 1938. En 1944 iniciou un negociación de venda de papel, mais morreu pouco despois. Faleceu de forma accidental na madrugada do 27 de agosto de 1944, ao ser atropelado por un tren no Areal, cando saía dos pavillóns da I Exposición Industrial de Galicia, que se había inaugurar ese mesmo día coa presenza de Francisco Franco. En 1956 colocouse a carón do estadio de Balaídos un busto seu deseñado polo escultor ourensán Rafael Álvarez Borrás.
Obra
El Football olímpico (1920)
La Olimpiada de París (1924)
Bibliografía
Fernández Morandeira, Gerardo (2012): A prensa deportiva en Galicia. Historia, modelos e tipoloxía (1909-2009). Santiago de Compostela: Universidade. Tese de doutoramento.
González Martín, Gerardo (2011): Handicap creó el Celta. Vigo: Cardeñoso.
Como citar: Estévez Iglesias, Adrián : Manuel de Castro “Handicap”. Publicado o 25/5/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27764. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Artigo de Manuel de Castro na revista Nós
Fonte: Castro, Manuel de: «Notas deportivas: football», Nós, n.º 11 (26 de xuño de 1922), p. 13
Ligazóns de interese
Catálogo en liña da exposición Galicia, de Nós a nós, coordinada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña. Cidade da Cultura, 2 de outubro de 2020 - 17 de xaneiro de 2021
Fonte: https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/galicia-de-nos-nos
A revista Nós en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: https://revistanos.galiciana.gal
Handicap e o Celta no foro celtista Fame celeste
«Handicap, el gran fundador del R.C.Celta» en https://www.fameceleste.com
Fonte: https://www.fameceleste.com/2014/07/handicap-el-gran-fundador-del-rc-celta.html
Artigo sobre Handicap na web Mioceleste. De celtistas para celtistas
Bacariza, Marcos L.: «Historia de Handicap, el creador del Celta» en www.moiceleste.com
Fonte: www.moiceleste.com/2013/08/hoy-se-cumplen-69-anos-de-la-muerte-de.html
Artigo sobre Handicap e o Celta publicado por Soledad Antón en La Voz de Galicia
Antón, Soledad: «Historia de Handicap, el creador del Celta», La Voz de Galicia, (03-01-2012)
Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2012/01/03/historia-handicap-creador-celta/0003_201201V3C12991.htm
Artigo sobre Handicap e a selección española de fútbol de 1920
A.M.: «Un centenario de furia: la selección española, que cumple un siglo, nació con protagonismo del Vigo Sporting», Atlántico diario (31-VIII-1920)
Fonte: https://www.atlantico.net/articulo/deportes/centenario-furia/20200831004437793026.html
Entrada sobre Handicap na wikipedia
«Manuel de Castro González» https://gl.wikipedia.org/wiki/Manuel_de_Castro_Gonz%C3%A1lez
Fonte: «Manuel de Castro González» https://gl.wikipedia.org/wiki/Manuel_de_Castro_Gonz%C3%A1lez
Handicap biografado na Real Academia da Historia
«Manuel Castro González», en Diccionario Biográfico da Real Academia da Historia: http://dbe.rah.es/biografias/65927/manuel-castro-gonzalez
Fonte: http://dbe.rah.es/biografias/65927/manuel-castro-gonzalez