María del Milagro Rey Hombre
Madrid, 22/ 10/1930 - A Coruña, 17/3/2014Autoría: Alberta Lorenzo Aspres
Arquitecta independente e vinculada coa vida municipal e universitaria galega
María del Milagro Rey Hombre naceu
accidentalmenteen Madrid. A súa nai, Josefina Hombre Roca, embarazada dela, quixo acompañar ao seu marido, o recoñecido arquitecto racionalista Santiago Rey Pedreira, nunha viaxe de traballo á capital e púxose de parto no Real Cinema durante a proxección dunha película de Maurice Chevalier.
Rey Hombre, a maior de tres irmás, creceu na Coruña. Aprendeu a ler e escribir pola súa conta con tres anos, a base de calcar os planos dos delineantes no estudio de arquitectura do seu pai. Na biblioteca paterna, ollaba as revistas de deseño e arquitectura, entre as que se encontraba Moderne Bauformen, da escola alemá Bauhaus. Tamén, desde moi cativa, acompañou ao seu pai nas visitas de obra. Estudou primaria no colexio relixioso da Compañía de María e ademais recibiu clases de alemán de Frau von Jaukens quen, fuxindo do III Reich de Alemaña xunto ao seu marido, se instalara na cidade herculina.
O seu pai, debido aos perigos que entrañaban as obras, resistíase a que a filla, tras rematar o bacharelato, estudase Arquitectura. Non obstante, consciente do forte carácter de “Lalos”, propúxolle o reto de que se era a primeira no exame de ingreso da Escola de Arquitectura de Madrid, pagaríalle a carreira. E así foi. No ano 1952 a moza obtivo o número un con premio extraordinario e o permiso para estudar en Madrid.
Durante a carreira participou activamente nas protestas políticas da época e en distintas actividades académicas e deportivas como membro do equipo de rugby universitario. A súa viaxe de fin de estudos tivo como destino Brasil, onde estableceu contacto co famoso arquitecto e urbanista Lucio Costa (1902-1998).
Tras licenciarse no 1960, Rey Hombre realizou o Servizo Social traballando durante seis meses, ás ordes de Pilar Primo de Rivera y Sáenz de Heredia, na Rexedoría Central de Falanxe Española. Neste posto, a arquitecta desenvolveu principalmente proxectos para a conservación de diversos monumentos nacionais. Ao pouco, regresou a Galicia e fixou a súa residencia na cidade da Coruña, abrindo o seu estudio de arquitectura no primeiro piso do número 7 da rúa Sánchez Bregua.
Rey Hombre comprometérase, xunto co arquitecto xefe do Instituto Nacional da Vivenda, coa idea de construír vivendas protexidas ou
sociaisque a vai a acompañar ao longo de toda a súa traxectoria profesional. Neste sentido, á súa volta á Coruña, encargouse da redacción do plan parcial que deu paso á construción do Polígono de Elviña, aprobado en decembro de 1961, posteriormente do Barrio das Flores e, máis adiante, da reparcelamento completo da empresa do sector téxtil Primera Coruñesa ou do proxecto da fonte de Catro Camiños na mesma cidade.
Desde agosto de 1961 ata febreiro de 1974, compaxinou a actividade liberal do seu estudio de arquitectura co desempeño, como arquitecta municipal, da dirección da Sección Técnica do concello da Coruña. No mesmo concello, asumiu tamén a xefatura do Corpo de Bombeiros.
Nos seus máis de corenta anos de actividade realizou máis de dous mil trescentos proxectos. Vivendas unifamiliares, edificios residenciais, igrexas, naves industriais, reformas ou ampliacións, que conforman unha herdanza arquitectónica caracterizada pola sinxeleza de liñas e a economía das formas.
Como arquitecta no exercicio libre da profesión realizou a coñecida como Torre Dourada, pola cor das carpinterías, ou dos Mestres, por ser promovida pola Cooperativa de Mestres San Xosé de Calasanz. Esta edificación é unha das máis emblemáticas da Coruña por se tratar do primeiro rañaceos da cidade. Ademais de numerosas vivendas unifamiliares proxectou, entre outras, as igrexas parroquias de San Roque de Combarro (Poio) e a de Santa María de Deixebre (Oroso), ou as centrais telefónicas automáticas de sector de Sada, Narón e Cee. A súa obra favorita foi o Local Social do Pescador en Fisterra, edificio modesto no que as mulleres dos mariñeiros ocuparon un lugar protagonista tanto na execución como na toma de decisións.
Por outra banda, desde o ano 1974, Rey Hombre vai desenvolver a súa carreira docente na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña. Impartiu a materia de Evolución da Construción, denominada oficialmente Historia das Construcións. Máis adiante, cun estudo sobre a igrexa de Santa Margarida e a súa contorna, acadou o doutoramento no departamento de Representación e Teoría Arquitectónica e, en 1989, obtivo a cátedra en Historia da Construción. En paralelo, desempeñaría, durante dez anos, o cargo de directora do departamento de Construcións Arquitectónicas. Xubilouse no ano 2000, mais continuou como catedrática emérita.
En 2005 foi galardoada coa Medalla Castelao, en recoñecemento da súa traxectoria profesional. Pouco despois comezaría a escribir as súas memorias, que finalmente quedaron inacabadas. No 2012 o concello da Coruña rendeulle unha das súas últimas homenaxes públicas no marco do acto institucional Pioneiras. Falece o 17 de marzo de 2014, deixando unha pegada singular e un legado único.
BIBLIOGRAFIA
Como citar: Lorenzo Aspres, Alberta : María del Milagro Rey Hombre. Publicado o 30/3/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27538. Recuperado o 30/03/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista de Isabel Bugallal en La Opinión, publicada o 9 de marzo de 2010
Fonte: laopinioncoruna.es/coruna [data descarga:15/02/2021]
Entrevista publicada en La Opinión da Coruña o 31 de maio de 2009
Fonte: laopinioncoruna.es/coruna [data descarga:15/02/2021]
Entrevista de Sonia Vizoso a María del Milagro Rey, publicada en La Opinión da Coruña o 16 de outubro de 2005
Fonte: udc.es [data descarga:15/02/2021]
Ligazóns de interese
Una aproximación al archivo de la figura de Milagros Rey Hombre, arquitecta
[última consulta: 30-05-2023]
María de los Milagros Rey Hombre no Repositorio da Universidade de A Coruña
[última consulta: 30-05-2023]
MIlagros Rey Hombre en Un día unha arquitecta
[última consulta: 30-05-2023]