Celia Bouzas Barreiro
Cotobade, 21/ 5/1891 - Ourense, 2/8/1989Autoría: Rosa María Cid Galante
Presidenta do Grupo Feminino do Partido Galeguista e un referente histórico no compromiso polas mulleres e pola terra
Nota da autora: Grazas a conversas mantidas con don Manuel Peña Rey Bouzas, fillo de Celia Bouzas e Manuel Peña, puiden reconstruír gran parte deste relato biográfico e obter a documentación gráfica da protagonista desta entrada.
Celia Bouzas Barreiro naceu en Viascón, onde pasou a súa infancia, a súa adolescencia e coñeceu a Manuel Peña Rey, estudante de Medicina, co que casaría o 29 de xuño de 1912. Tamén alí nacen as súas dúas primeiras fillas, Esther e Marina.
En 1918, Manuel foi exercer a Ourense mentres o resto da familia permaneceu en Viascón. A cidade precisaba médicos debido á epidemia da gripe. Manuel traballou e gañou prestixio. Isto influíu na decisión de reunificar o núcleo familiar en Ourense. No seu novo destino, a familia crece con tres crianzas máis: Celia, María de los Ángeles e Manuel.
Celia Bouzas foise integrando na vida ourensá e a familia seguiu adquirindo prestixio debido ao traballo do seu marido: no sanatorio cirúrxico que abrira co doutor José Mosquera, na clínica que abriu posteriormente na rúa Vicente Pérez, e no desempeño dos cargos de director do Hospital Provincial e de presidente do Colexio de Médicos.
O matrimonio compartía, ademais, pensamentos e sentimentos galeguistas e republicanos. Traballaron activamente neste sentido. Manuel Peña adheriuse ao grupo de intelectuais que conformaron o Partido Galeguista en 1932 e ocupou o cargo de presidente da Asemblea Local de Ourense. Celia incorporaríase a esta organización ao ano seguinte.
Convén lembrar aquí que o Partido Galeguista recoñecía a igualdade de dereitos políticos e civís para a muller no artigo dous do seu programa. Tamén que as proclamas do Partido sobre a participación das mulleres dicían que elas traían unha achega xenerosa, que constituían a nova vida política do país e que “[a]s nosas mulleres non poden esquecer o seu deber de axudar aos homes na mesma tarefa hestórica…”. Neste sentido, na II Asemblea nacional do partido, realizada en Santiago de Compostela en decembro de 1932, chegouse ao acordo de crear grupos femininos. É ben seguro que Celia participaba desta idea porque enseguida se comprometeu e implicou.
O Grupo Feminino do Partido Galeguista en Ourense (en diante Grupo ou GF) creouse no mes de setembro de 1933 con Celia Bouzas Barreiro como presidenta e Mercedes Docampo como secretaria. Participan tamén tres fillas de Celia: Esther, Marina e Ángeles.
O Grupo foi acollido con grande afecto no Partido. Proba disto é que na Asemblea extraordinaria celebrada o 21 de outubro de 1933 en Ourense foi recibido cunha grande ovación. O Grupo, ademais, foi moi activo e tivo o seu lugar no conxunto do Partido. Participaba nas asembleas e organizaba as súas propias reunións no número 21 da rúa Luís Espada.
O carácter e intencionalidade do Grupo, así como a concordancia co Partido, fica ben reflectido nas palabras da súa secretaria, Mercedes Docampo, na III Asemblea Nacional do Partido Galeguista, celebrada en xaneiro de 1934 en Ourense ou na Asemblea de Santiago, en abril de 1935, onde se dirixiu á asistencia animando á creación de novos grupos femininos en toda Galicia para facer unha maior obra de patriotismo.
Celia Bouzas xunto con Mercedes Docampo redactaron ademais un dos manifestos máis destacados en prol do galeguismo e das mulleres. Nel, adoptando o sentir xeral do Partido, exponse a misión e o deber da “muller galega” de ser depositaria e gardiá da tradición para o ben da terra; faise un chamamento ao esforzo de todos para a defensa dos dereitos da patria e reclámase para as mulleres o rol de militancia activa.
O documento tivo gran transcendencia e repercusión en Galicia ao ser publicado no periódico independente de Lalín Razón, en A Nosa Terra, en El Compostelano e en El Eco de Santiago. Para o primeiro destes, a calidade do texto mereceu un grande exordio no que se di que as mulleres daquela altura xa non estaban a desempeñar unicamente tarefas comunmente asociadas ao feminino, senón que estaban a ocupar o seu propio espazo nas letras, nas artes e en traballos remunerados. Engádese, ademais, que o traballo do GF merece un gran respecto e indícase que é preciso facer un chamamento ás demais mulleres para que sigan o exemplo e o camiño emprendido polo Grupo.
O activismo de Celia Bouzas mantívose no decorrer dos anos. Ela seguiu a participar na emisión dos manifesto do GF, como o publicado en A Nosa Terra en setembro de 1934, no que se proclamaba a necesidade da unión das mulleres para vivir nunha terra ceibe e non “enlixada” polas xentes que non sentían, nin falaban, nin a gozaban coma elas. A súa consigna de ánimo era “¡Adiante, mulleres patriotas da nosa Terra. Todo por Galicia, sen importarvos que comentarán os vosos aitos e que poidan censurarvos”.
O impacto desta agrupación foi decisivo na creación de novos Grupos noutras partes de Galicia. Sirvan como exemplo as palabras que Elvira Bao cando sentiu esa chamada á unión das mulleres pola defensa da terra: “Ao voso chamamento púxenme en pé decindo ¡presente”.
Coa chegada da ditadura, a familia de Celia Bouzas, no punto de mira das autoridades polas súas ideas galeguistas e republicanas, vai vivir a opresión e a represión. Manuel Peña foi encarcerado no Carballiño e inhabilitado durante oito anos. Celia tívose que encargar de sacar adiante a familia sen apenas recursos xa que lles fora incautado o capital e tiña que pedir permiso ás autoridades para poder sacar cartos para comer. Foron moi malos tempos pero Celia mantivo o tesón e temperanza suficiente para sacar adiante á familia.
Cando Manuel quedou libre, puido volver ao traballo. Xa en 1940, o matrimonio pon en marcha un moderno Sanatorio de Xinecoloxía e Obstetricia con dez habitacións individuais. Celia asumiu os traballos de intendencia, encargábase do bo funcionamento da cociña, de facer balance do material necesario, da hixiene do local, do persoal do sanatorio..., coa vontade de ofrecer un servizo e atención adecuada ás mulleres. Un servizo de xinecoloxía inexistente ata entón.
O matrimonio formou un tándem ben compenetrado ata o falecemento de Manuel, o 30 de abril de 1957. Celia Bouzas, muller de gran talante, valente, traballadora, loitadora e galeguista, faleceu en 1989, aos 98 anos, na cidade que tanto a quixo e respectou, sobre todo pola súa axuda ás mulleres ourensás.
Como citar: Cid Galante, Rosa María : Celia Bouzas Barreiro. Publicado o 27/10/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27066. Recuperado o 19/04/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Manifesto do Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense, firmado por as súas integrantes, e publicado no diario independente Compostelano (28/07/1933).
Fonte: arquivo de Rosa María Cid Galante
Manifesto do Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense, firmado por as súas integrantes, e publicado en El eco de Santiago (28/07/1933).
Fonte: arquivo de Rosa María Cid Galante
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Mulleres e memoria histórica, por Aurora Marco
Elaborado con motivo da aprobación da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura.
A sección “De sociedad” de Progreso. Diario independiente (30/06/1932), informa do casamento de Mercedes Bouza.
Fonte: arquivo de Rosa María Cid Galante
“O partido Galeguista a-o país no día de Galicia de 1932”, A Nosa Terra ( 25/07/1932), p. 2-3.
Fonte: Exemplar da Biblioteca do CCG
Nova sobre a celebración da II Asemblea do Partido Galeguista, publicada en La Región (13/12/1932)
Fonte: arquivo de Rosa María Cid Galante
“Exemplos”, A Nosa Terra (06/08/1933), p. 1-2.
Fonte: Exemplar da Biblioteca do CCG
Nova sobre a reunión extraordinaria do Partido Galeguista en Ourense, publicada en La Región (24/10/1933).
Fonte: arquivo de Rosa María Cid Galante
Convocatoria da reunión do Grupo Feminino do Partido Galeguista en Ourense, publicado en La Región (11/01/1934).
Fonte: arquivo de Rosa María Cid Galante
“Homaxe ás mulleres galeguistas”. Fragmento da acta da III Asemblea do Partido Galeguista, publicado en A Nosa Terra (28/01/1934)
Fonte: arquivo de Rosa María Cid Galante
Nova sobre a celebración da III Asemblea do Partido Galeguista, publicada en el Pueblo Gallego (17/01/1934)
Fonte: arquivo de Rosa María Cid Galante
Grupo Femenino de Ourense: “Un chamamento ás mulleres galegas”A Nosa Terra ( 22/09/1934), p. 2.
Fonte: Exemplar da Biblioteca do CCG
Esquela cuarto aniversario do falecemento de Manuel Peña Rey El Pueblo Gallego (29/04/1961)
Fonte: arquivo de Rosa María Cid Galante
Referencias bibliográficas
- BENSO CALVO, Carmen; CID GALANTE, Rosa María: “Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)”, Revista Historia de la Educación, n. 26 (2007), p. 437-470.
- CID GALANTE, Rosa María: “O grao de participación da muller ourensá en movementos asociativos, políticos e reivindicativos (1920-1936)”, Minius,n. 14 (2006), p. 57-72.
- MARCO, Aurora: Irmandiñas, Santiago de Compostela, Laiovento, 2020.
- PRADA RODRÍGUEZ, Xulio, “Manuel Peña Rey, un nacionalista no punto de mira dos rebeldes”, Revista Grial, 187 (2010) 60-67.
- RIOS BERGANTINHOS, Noa: A mulher no nacionalismo galego (1900-1936) Ideología e realidade, Santiago de Compostela, Laiovento, 2001.
- RODRÍGUEZ GALDO, Mª Xosé: Textos para a Historia das mulleres en Galicia, Santiago, Consello da Cultura Galega, 1999.