Eleuterio Leuter
González Salgado
Ourense, 1899 - Ourense, 1977
Autoría: Patricia Arias Chachero
Primeiro concelleiro nacionalista de Ourense, comprometido e apaixonado defensor da lingua galega e dos dereitos do pobo galego
Eleuterio González Salgado, máis coñecido como Leuter, naceu en Ourense o 18 de abril de 1899 e faleceu na mesma cidade case oito décadas despois, o 29 de marzo de 1977. Era fillo do matrimonio integrado por Claudio González e Manuela Salgado Fernández que rexentaba un forno de pan nunha céntrica praza da cidade.
O rapaz, inquedo e curioso, con predisposición para o estudo e vocación docente, matriculouse na Escola Normal de Ourense onde moi pronto se converteu nun dos alumnos predilectos de Vicente Risco. Pouco antes de rematar o período de formación, en 1920, ingresa como socio na acabada de crear Mocedá Galeguista d´Ourense xunto a Antonio Cid Fernández e Francisco Lamas Barreiro. Do compromiso e actividade daqueles anos de mocidade é síntoma o feito de que figure como redactor da revista Nós a partir do segundo número da publicación, aparecido o 30 de novembro de 1920. Ata onde sabemos, dedícase fundamentalmente ás seccións «Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galicia» e «Os homes, os feitos e as letras» onde redacta pequenas noticias bibliográficas; a maior parte das cales apareceron sen asinar e nas contadas ocasións en que as asina decántase polas siglas L.G.S. No terceiro número de Nós atopamos un texto referido a «Études sur Eugéne Monfort» e o 15 de nadal de 1925, no número 24, «Escumas e brétemas. Versos gallegos por Lisardo R. Barreiro».
Obtivo o título de mestre en 1921 e impartiu aulas nas escolas de Quereño (Rubiá) e en dous colexios privados da súa cidade natal, o León XIII, propiedade dos irmáns Núñez de Couto, e o Centro de Estudios Concepción Arenal. Seguindo a Vicente Risco, ingresou nas Irmandades da Fala e, en 1926, no Seminario de Estudos Galegos, na Sección de Prehistoria, que dirixía outro membro do cenáculo ourensán, López Cuevillas. En xuño de 1929 atopámolo participando na primeira campaña do Seminario pola Terra de Melide. Naquela altura, escavou xunto a Cuevillas e Antonio Fraguas diversos xacementos, entre eles o Forno dos Mouros e a Pena do Raposo.
Coa chegada da República, iníciase para o noso biografado un período de febril actividade. En febreiro, atopámolo como secretario da Irmandade Galeguista que presidía Vicente Risco en Ourense e ben pouco tempo despois, en abril, no Partido Nazonalista Repubricán, xunto ao propio Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas e López Trasancos. O 15 de abril, apoia, cos seus compañeiros do PNRO, o documento «O nacionalismo galego e o momento autual. Decraración de fe repubricana dos nazonalistas galegos» no que os asinantes se pronuncian a favor da república federal como réxime máis adecuado para satisfacer as arelas de Galicia. A comezos de maio dese mesmo ano, entra a formar parte da Comisión Xestora da Deputación de Ourense, con Luís Fábrega como presidente. Dentro do intenso labor que el e Fábregas desenvolven na Deputación cómpre salientar a fundación da Caixa de Aforros Provincial de Ourense, proxecto no que traballaba unha comisión municipal desde os últimos anos da ditadura de Primo de Rivera pero que só agora se aproba, apadriñado pola institución. Os seus estatutos quedaron listos en 1932 e a primeira sé da Caixa de Aforros inaugurouse o 20 de maio de 1933, con Leuter González Salgado no primeiro consello de Administración.
En decembro, González Salgado asiste en Pontevedra á asemblea fundacional do Partido Galeguista e pese a ser dos asistentes máis novos, séntase na mesa presidencial, ao lado do presidente, Manuel Banet Fontenla, Manuel Lugrís Freire, Alexandre Bóveda e Plácido R. Castro.
Sobre toda esta actividade, cómpre salientar que nas eleccións municipais de abril de 1931 converteuse nun dos tres concelleiros que obtiveron os nacionalistas en Ourense, xunto a Vicente Risco e o médico Arturo López Trasancos. Como concelleiro, o primeiro de ideoloxía nacionalista en Galicia, e como tenente alcalde, empregou, en plenos e reunións, invariablemente, o galego, o que xerou agres polémicas e múltiples protestas, especialmente entre os socialistas, que defenderon na prensa da época que o castelán era a única lingua oficial.
Tamén se desenvolverán en galego todas e cada unha das intervencións públicas que pronuncia nestes anos. Como membro do Partido Galeguista, en mitins e actos públicos, ou defendendo o ferrocarril entre Zamora e A Coruña e Ferrol e Xixón, outra das grandes batallas que dá naquel entón como secretario do comité proferrocarril. A súa intensa actividade pública deixa pouca pegada escrita, aínda así, colabora esporadicamente nas páxinas de El Pueblo Gallego, La Zarpa e A Nosa Terra, Heraldo Orensano e o Heraldo de Galicia.
Entre 1934 e 1936, o seu compromiso social levouno a aceptar a presidencia da Cruz Vermella da súa cidade natal, onde o sorprendeu a Guerra Civil. Incoóuselle un expediente de responsabilidades políticas e viuse obrigado a exercer a docencia fóra da súa cidade, entre 1938 e 1945 na escola de Vilamarín. En 1945 abandonou a docencia e aceptou un posto en TRANSFESA, unha coñecida empresa dedicada aos transportes por ferrocarril. Nos anos 50, participou na creación da Editorial Galaxia, do Partido Socialista Galego e colaborou nos programas galegos da BBC.
Apenas un ano antes do seu pasamento, en 1976, participou na posta en marcha da Fundación Otero Pedrayo, velando polos intereses de quen sempre fóra seu “irmán”, Ramón Otero Pedrayo.
Como citar:
Arias Chachero, Patricia :
Eleuterio Leuter
González Salgado. Publicado o 23/9/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26976. Recuperado o 20/04/2024

DOCUMENTACIÓN DE
Fragmento de carta de Leuter González a Ben-Cho-Shey sobre os contactos con Alexandre Raimúndez e o seu encargo para o impulso das emisións en galego na BBC. 4 outubro 1947
Fonte: Imaxe facilitada por Afonso Vázquez-Monxardín.
Pregaria de Leuter ao apóstolo Santiago, publicada en A Nosa Terra, na que se reafirma galego.
Ligazón: http://biblioteca.galiciana.gal/gl/catalogo_imagenes/grupo.do?path=1286789&posicion=5&presentacion=pagina Título orixinal: «A nosa pregaria», A Nosa Terra, n.º 203 (25 de xullo de 1924), p. 5 Fonte: Galiciana
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo biográfico en Faro de Vigo, na sección dedicada a figuras ourensás
Ligazón: http://biblioteca.galiciana.gal/gl/catalogo_imagenes/grupo.do?path=1286789&posicion=5&presentacion=pagina Título orixinal: Arneiros Torcela, J.: «Leuter G. Salgado, maestro galleguista y redactor de Nós», Faro de Vigo, (xoves 11 de xuño de 2020)
Carta pública ao gobernador de Ourense solicitándolle que lle prohiba a Eleuterio González o uso do galego nas sesións municipais.
Ligazón: http://biblioteca.galiciana.gal/gl/catalogo_imagenes/grupo.do?path=1092783&posicion=12&presentacion=pagina Título orixinal: «Señor Gobernador», La Lucha: órgano de la Agrupación Socialista y de la Federación Agraria de la Provincia, n.º 8 (17 de outubro de 1931), p. 10 Fonte: Galiciana
Necrolóxica en El Pueblo Gallego
Título orixinal: «Leuter Salgado», El Pueblo Gallego, n.º 19999 (31 de marzo de 1977), p. 18 Ligazón: http://biblioteca.galiciana.gal/gl/catalogo_imagenes/grupo.do?path=1265069&posicion=18&presentacion=pagina Fonte: Galiciana
Ligazóns de interese
Artigo en La Región sobre o «Galician Programme» da BBC
Pereira, Jorge: «Ourense cumpre 75 anos na BBC», La Región, (12 de abril de 2022)
Fonte: https://www.laregion.es/articulo/ourense/ourense-cumpre-75-anos-bbc/202204132313461122450.html [Consulta: 2022-09-13]
Catálogo en liña da exposición Galicia, de Nós a nós, coordinada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña. Cidade da Cultura, 2 de outubro de 2020 - 17 de xaneiro de 2021
Fonte: https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/galicia-de-nos-nos
A revista Nós en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: https://revistanos.galiciana.gal
Referencias bibliográficas
- Arneiros Torcela, J. (2020): “Leuter G. Salgado, maestro galleguista y redactor de “Nós””, Faro de Vigo, ed. Ourense, 11-VI.
- Fraguas, Antonio (1988): “Homes do Grupo Nós: Eleuterio González Salgado”, Faro de Vigo, 13-IV.
- Otero Pedrayo, Ramón (1974): “Eleuterio González Salgado”, Gran Enciclopedia Gallega, T. XVI. Santiago de Compostela, Silverio Cañada, editor.
- Prada Domínguez, Xulio (2914): “Luis Fábrega Coello (1874-1960), Eleuterio González Salgado (1899-1977) e Alfonso Pazos Cid (1896-1978): o republicanismo ourensán na encrucillada dos anos trinta”, en Jesús de Juana, Julio Prada, Domingo Rodríguez (coord.): Gallegos de Ourense 2. Ourense, Deputación Provincial, pp. 325-354.
- Valcárcel López, Marcos (2009): “Leuter González Salgado. A mirada retida”, en http://asuvasnasolaina.blogspot.com/2009/02/leuter-gonzalez-salgado-mirada-retida.html