José María Calviño Mariño
Figueroa, Cerdedo, 1892 - Arcos, O Carballiño, 1971Autoría: Patricia Arias Chachero
Apaixonado republicano e comprometido galeguista, mantívose sempre fiel ás súas ideas
José María Calviño Mariño naceu o 29 de agosto de 1892 na parroquia de Figueroa, no concello de Cerdedo. Era fillo de José Calviño Cabada e de María Dolores Mariño Beiro. Con pouco máis de dezasete anos, en 1909, emigrou á Arxentina e quizais foi naquel verán, antes de embarcar, cando coñeceu a Sofia Casanova e tivo a oportunidade de asistir á Semana Tráxica de Barcelona.
Ao seu regreso, apenas un ano despois, aceptou un traballo como camareiro no Hotel Palace da Coruña, onde servía ás mesas de Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, María Guerrero ou Margarita Xirgú. Mozo inquieto e con vontade de aprender, ao saír de traballar asistía, no Kiosco Alfonso, ao faladoiro que presidía Rof Codina ao que tamén acudían Lustres Ribas e Blanco Torres. Alí trabou amizade con Álvaro Cebreiro e con Antón Villar Ponte e coñeceu ás principais figuras da Xeración Nós -Vicente Risco, Otero Pedrayo- e, segundo afirmaba, mesmo a García Lorca a quen admirou ata o final da súa vida.
Asistiu á Asemblea Nacionalista de Monforte os días 18 e 20 de febreiro de 1922 onde parece que, na polémica entre cultura ou política, elixiu a liña defendida por Vicente Risco pois apenas uns meses despois forma parte da Irmandade Nacionalista Galega. Curiosamente, a finais de 1922, o seu nome aparece na delegación do pequeno grupo da cidade da Coruña onde, como é ben sabido, a maioría dos membros das Irmandades tiñan optado pola liña política. A ING da Coruña, encabezada por Antón Villar Ponte, inclúe tamén os nomes de Álvaro Cebreiro, Alfredo Canalejo e o do avogado Xosé Calviño Domínguez.
Entre o 18 e o 19 de marzo de 1923, cando se celebra a V Asemblea das Irmandades, desta vez na Coruña, Calviño forma parte dunha minoría obreirista que promove un movemento cara ao proletariado urbano. Xunto a el están Xaime Quintanilla, César Parapar e Ramón Villar Ponte.
Nalgún momento dos anos 20 debeu preparar unha oposición á carteiro urbano e conseguir unha praza en Lalín, onde se fai amigo íntimo do administrador de Correos, Antonio López Varela. Nestes anos coñeceu a Esclavitud Moure Moure coa que casa a comezos do mes de novembro de 1928, en Ourense. nunha cerimonia, na igrexa de Santa Eufemia do Norte, oficiada polo líder agrarista Basilio Álvarez, quen, ao rematar, pronunciou un discurso en galego. O padriño de voda foi Vicente Risco e asinaron como testemuñas Ramón Otero Pedrayo e Cuevillas. O matrimonio tivo varios fillos, entre eles María Dolores e Ángeles, afillada de Ramón Otero Pedrayo.
Pese á familiaridade que parece unilo ao cenáculo fundador da revista Nós, ata onde sabemos, nunca publicou nela. Cómpre aínda así, deixar constancia de que no número 12 da senlleira publicación, aparecido o 25 de agosto de 1922, o nome de José María Calviño figura na lista dos socios de número da sociedade Nós
ao lado dos de Pedrayo, Arturo Noguerol, Risco, Castelao, Losada Diéguez, Ramón e Antón Villar Ponte, Leonardo Rodríguez e Francisco Lamas.
En 1931, José María Calviño, apoia desde as páxinas de El Pueblo Gallego, nas que colabora con asiduidade como corresponsal de Lalín, o «Manifesto del Comité Organizador de la Agrupación Lalín al servicio de la República», un coidado texto asinado o 15 de abril dese ano polo industrial Alfredo García, o médico Fernando Lalinde del Río, os avogados Manuel Mosquerol e Alfredo García e polo oficial de Correos Andrés Iglesias. Neste explícito texto inclúense unha ducia de postulados entre os que figuran: contribuír á consolidación do réxime republicano
, “esvaecer equívoco de incompatibilidade entre a República e o sentimento relixioso
, defender os principios e normas esencialmente favorables aos problemas do agro
e mais o compromiso de espertar o sentimento de personalidade rexional cooperando coas entidades galegas que actúan neste sentido
. Parece pois que Calviño, lonxe xa da Coruña, secunda a adscrición dos irmáns Villar Ponte ás organizacións agraristas.
O 23 de xaneiro de 1934, participa na fundación do grupo lalinense do Partido Galeguista. Xunto a el están Manuel Noguerol, Xaime Arias, Xesús Iglesias Surribas, Siro García Guitián, Fernando e Plácido Goianes. Ánxel García, Luís Perez, Luis Villaverde, Salvador García, Celso Carrón, Xosé Otero (Laxeiro). Apenas un ano despois, incorpórase o mestre Xesús Golmar Rodríguez que en 1934 estaba destinado en Vilalba.
Apartado de Correos durante a guerra, en xuño de 1940 concédeselle o reingreso tras unha excedencia voluntaria, obtendo destino en Vigo. Moi pronto consegue traslado ao Carballiño onde dedica ás súas forzas ao estudo do patrimonio local e, na medida do posible, a dinamizar a vida cultural da vila. En 1951 aparece á fronte de Ambiente. Órgano semanal de Acción Católica do Carballiño (1951-1954?). Unha coidada publicación que saía os domingos e incluía bastantes artigos en lingua galega e sobre a cultura e o patrimonio da contorna. Aínda que é unha revista de marcado carácter relixioso, en absoluto allea, naturalmente, ás ideas políticas propias do momento, a publicación ofrece certo pluralismo. Mostra do que dicimos é un artigo de Calviño, «Grata noticia. Nuestro idioma en la Universidad»; publicado en 1953, no número 81, no que saúda e loa o emprego do galego en ámbitos formais e cultos. Entre os colaboradores de Ambiente podemos destacar os nomes de Ramón Otero Pedrayo, Fariña Jamardo, José Luís López Cid, Ferro Couselo, Ángel Sevillano, Bautista Álvarez ou Pedret Casado, entre outros moitos.
Nestes anos escribe tamén para o xornal ourensán La Región
Como citar: Arias Chachero, Patricia : José María Calviño Mariño. Publicado o 28/10/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26911. Recuperado o 27/01/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Calviño Mariño, José M.: «Crónica de Lalín: un interesante manifiesto», El Pueblo Gallego, n.º 2196 (18 de abril de 1931), p. 7
Fonte: Galiciana
Calviño Mariño, José M.: «En pro de una feria exposición del libro gallego», La Noche, n.º 13307 (24 de xullo de 1964), p. 4
Calviño Mariño, José M.: «Viejas Glorias sentimentales que se hunden», La Noche, n.º 14185 (27 de abril de 1967), p. 15
Fonte: Galiciana
DOCUMENTACIÓN SOBRE
«Una boda», El Pueblo Gallego, n.º 1471 (7 de novembro de 1928), p. 9
Fonte: Galiciana
Ligazóns de interese
Catálogo en liña da exposición Galicia, de Nós a nós, coordinada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña. Cidade da Cultura, 2 de outubro de 2020 - 17 de xaneiro de 2021
Fonte: https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/galicia-de-nos-nos
A revista Nós en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: https://revistanos.galiciana.gal
Entrada sobre José maría Calviño no blog Historias de Deza: artigos sobre a historia da comarca de Deza
Igrexas: «Xosé María Calviño, o carteiro anarquista e galeguista», en https://historiasdedeza.wordpress.com/2020/04/29/xose-maria-calvino-o-carteiro-anarquista-e-galeguista/ [consulta: 2021-05-18]
Fonte: https://historiasdedeza.wordpress.com/2020/04/29/xose-maria-calvino-o-carteiro-anarquista-e-galeguista/