María Mazás Lata
A Coruña, 1960 - A Coruña, 2017Autoría: María Armesto
Non se pinta senón a imposibilidade de pintar. Esta é a miña conciencia. María Mazás
Nace na Coruña o 9 de agosto de 1960, uns anos despois de que a súa nai, María Lata Loureda, e o seu pai, Manuel Mazás Amor, casaran e deixaran o seu Abegondo natal para rexentar un pequeno serradoiro no coruñés barrio dos Castros. Entre as madeiras que cobren o chan equilibra María os seus primeiros pasos e, cunha precocidade abraiante, cos anacos máis pequenos, constrúe os seus primeiros volumes.
Da nai, á que adora, aprende o amor polas plantas e os animais. Aferrada á súa saia, vixía atenta o minucioso labor que fai nun anaco de terra que posúen no concello de Oleiros, en Dorneda, Santa Cruz.
Do pai, un auténtico "Eduardo Manstesoiras" capaz de podar árbores do xeito máis extravagante, herda o talento coas mans e unha especial determinación. Proba do seu carácter é a anécdota de cando, con apenas catro anos, María desaparece da casa ata ser atopada polo pai, horas despois, feliz e coa súa almofada baixo o brazo, ollando o mar no porto da Coruña.
O seu espertar á pintura acontece na casa dunha amiga da escola, onde, pendurado das paredes, descobre un mundo inédito que a marabilla e apresa para sempre. Son os lenzos de Alberto Carpo con quen, anos despois, vai iniciar unha amizade que durará ata a morte do pintor.
En 1975, con quince anos, abandona a casa familiar e vaise a Andalucía co seu primeiro amor, Tino Iruegas. Retorna a Galicia no ano 1978 e, instigada pola familia, contrae matrimonio na Coruña. É unha época de grande actividade na que asiste a clases de danza coa coreógrafa galega Mercedes Suárez e investiga con materiais como o cartón e o papel. Deseña e fabrica os seus propios cadernos, unha especie de colaxes nos que debuxa a diario. Crea volumétricas e áxiles pezas en cartón pedra, bailarinas, lúas, zapatillas de punta e máscaras que vende nas feiras de artesanía.
A comezos dos anos 80 sepárase de Tino Iruegas. En 1984 abandona A Coruña e instálase en Barcelona. Matricúlase na Escola d´Actors e asiste a clases de danza coa coreógrafa catalá Ángels Magarit e de trapecio e acrobacia con Rogelio Rivel, o gran renovador do circo catalán, un auténtico mestre para a autora.
Gaña a vida coa venda en tendas especializadas dos cadernos artísticos que deseña e fabrica e tamén co traballo nun estudio de arquitectura construíndo as maquetas dos proxectos de grandes arquitectos, como Ricardo Bofill.
No outono de 1987 inicia unha relación co que vai ser o seu grande amor e compañeiro de vida, o saxofonista alemán Raimund Dix, e instálase en Friburgo. María Mazás aborda alí un soño xestado en Barcelona: mergullarse no mundo da sombreirería. Pronto descobre que se trata dun oficio familiar e en extinción, cercado polo segredo, e iso impídelle entrar como aprendiz nos escasos talleres existentes.
María Mazás non se rende e crea os seus primeiros chapeus de tea e patronaxe propia, con insólitas figuras, nenúfares e estrelas, auténticas ás para as nosas cabezas. Desesperada por carecer das ferramentas adecuadas, enforna o seu primeiro cono de feltro nun molde para tortas na cociña de Friburgo. Vaise facendo co material necesario en fábricas e tendas que pechan e, autodidacta feroz, aprende a construír as súas propias formas. Traballa sen repouso e obtén resultados espectaculares.
Comezan as exposicións. Deseñadores e estilistas interésanse pola súa obra, e traballa con grandes modistos como Josep Font, Daniel Carrasco ou Paco Cañizares, coa creación de pezas exclusivas para as pasarelas Cibeles e Gaudí.
Colabora en espectáculos de danza, teatro e performances para o Mercat de las Flors, o Festival Grec, o coreógrafo Ramón Ollé e a compañía galega Teatro de Ningures.
Expón en Alemaña, Cataluña, Galicia, Francia e Italia e, aínda que o éxito é grande, a pulsión pola pintura descuberta de nena nos lenzos de Alberto Carpo faise cada vez máis presente. No ano 2003 dá por rematado o tempo dos chapeus e doa parte da súa obra ao Musée du chapeau de Chazelles sur Lyon, Francia, para dedicarse, exclusivamente, á pintura.
Matricúlase na histórica Escola de la Dona e no mítico Cercle Artístic Sant Lluc para poder traballar con modelos. Movemento e corpo foron sempre para ela, tanto na pintura coma na danza, obxecto de estudo. Embébese de todas as técnicas: óleo, encáustica, colaxe, tinta e escultura. Utiliza as súas amizades para facer prácticas de retrato con óptimos resultados. Reinvéntase.
No ano 2005 gaña o Primeiro Premio de Pintura de Sant Lluc e, en 2006, o Accésit de Debuxo. Doa ao Cercle Artístic Sant Lluc un óleo sobre papel titulado Signos y Semillas.
A morte da súa nai en 2006, vítima dun accidente de tráfico cando volvía de Santa Cruz, suponlle un durísimo golpe. María Lata tiña as maletas feitas para ir vivir, por un tempo, coa filla a Barcelona. Desolada, a artista viaxa a Alemaña e Lisboa, onde, en homenaxe á súa nai, crea un libro-arte de fotografías, un exemplar único que titula AMOR-TE In memoriam. Dos tiempos de un mismo silencio.
En xuño de 2007 aluga unha casiña en Mera, no concello de Oleiros, onde vive meses nun intenso e prolífico reencontro coas súas orixes, paseando e creando nova e suxestiva obra, recuperando forzas e humor.
En Nadal de 2008, unha amiga encárgalle o retrato do neurólogo, psiquiatra e escritor, Carlos Castilla del Pino. Mazás recibe o encargo con entusiasmo e traballa con paixón, sen saír do taller máis que para comer ou durmir. Conclúe o lenzo, un óleo no que, con enérxicas pinceladas azuis, atrapa a forza e humanidade do xenial intelectual. Volve ao retrato en 2012 para pintar a súa amiga Marianne Brull, a editora da mítica editorial Ruedo Ibérico e compañeira do seu impulsor, fundador e director, José Martínez.
Lectora infatigable de poesía, amante da filosofía mística e do pensamento poético de María Zambrano, achégase á filosofía oriental, afonda no I Chin e estuda a grafía do árabe e a caligrafía china, sempre na procura da síntese da propia linguaxe.
Define o ano 2009 como ano bisagra e escríbelle a unha amiga:
Reviso o feito este ano intentando entender este meu tempo que, no plano interno é de busca, atopar o meu código e, no externo, traducilo nunha liberdade de estilo. Desde a procura consciente, intento chegar a unha comprensión máis ampla da cor como linguaxe, é como unha necesidade de luz […] Abrirme a camiños descoñecidos, á realidade, con ollos frescos […] Como visión intuitiva, plena de vida. É moi difícil…, queda como meta inaudita e falla sempre de novo.
Seguen anos de traballo constante e, en 2013, expón por última vez en Barcelona. Decide deixar a cidade porque xa non lle ofrece o que necesita. Sepárase de Raimund Dix.
Viaxa a Cádiz na procura da cidade ideal para pintar e vivir pero, nun xiro radical, retorna á Coruña e, cunha enerxía excepcional, reforma a casa familiar e instálase definitivamente nela. Recupera vellas amizades e fai outras novas, algunhas sorprendentemente profundas.
Entre 2014 e 2017 crea unha magnífica serie de tintas sobre papel das que se sente especialmente satisfeita.
En 2016 expón por primeira e última vez na súa cidade, no Colexio Médico da Coruña.
Pasea polas praias do batente atlántico e vai ser deste mar do que nutra a súa derradeira obra, Poemario Atlántico, un conxunto de 66 pezas, auténticos haikus con vida, síntese do seu precioso talento.
Coñece ao escritor Francisco X. Fernández Naval e amósalle o seu Poemario. El descóbrelle que os obxectos devoltos polo mar, cos que ela creou esa obra, reciben o nome de crebas na Costa da Morte. Ao saberse crebeira, emocionada, pídelle ao escritor un texto para a exposición que prepara. El acepta e titúlao O xardín esquecido.
En xuño de 2017 enferma de gravidade e, coa mesma determinación coa que, aos catro anos, marchara da casa coa almofada baixo o brazo, decide vivir a súa enfermidade sen ser hospitalizada e sen recibir medicación paliativa.
Morre o 5 de outubro de 2017 na casa onde dera os seus primeiros pasos, lúcida, fermosa e serena, acompañada de vellas e novas amigas.
AGRADECEMENTOS
Raimund Dix
Aurora Marco
Francisco X. Fernández Naval
Xavier Picallo
Eva Veiga
Cercle Artístic Sant Lluc
Escola de la Dona de Barcelona
A Sara Alonso Arista
Moncho Amigo
Marta Iruegas
Montserrat Jimeno Víctori
Patrocinio Jimeno Víctori
Anna Kunz Belotti
Nani Miras
Luisa Ramos
Manuel Rascado
Júlia Rodríguez
Florence Ronfort
Marcos Sánchez Armesto
Paloma Tomé
Ángela Vázquez Rico
Pepe Vera
Como citar: Armesto, María : María Mazás Lata. Publicado o 15/10/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26901. Recuperado o 02/06/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Obra de María Mazás
Documento elaborado por María Armesto para o Álbum de mulleres
Premios, cronoloxía de exposcións e traballos escénicos de María Mazás
Documento elaborado por María Armesto para o Álbum de mulleres
«Sombreros de creación».
Roser López entrevista a María Mazás para a revista Datatèxtil, n. 10, p. 67-79
DOCUMENTACIÓN SOBRE
«E voou».
Texto sobre a obra de María Mazás elaborado por Aurora Marco (outubro 2018)
«Un trazo de Toulouse Lautrec»
Texto do dramaturgo, director e poeta Xavier Picallo, sobre a obra de María Mazás (outubro 2018)
«O xardín esquecido»
Texto de Francisco X. Fernández Naval para a presentación da obra de María Mazás Poemario Atlántico (2016)
«María Mazás»
Artigo de Marco Fioramanti para Night New York (2000)
«Para María Mazás In memoriam»
VEIGA, EVA.: ‘Para María Mazás In memoriam’. Poema 11 de «Un mínimo lugar». En Anuario Brigantino, Betanzos, nº 40 (2017), p. 273.
Ligazóns de interese
Lembrando a María Mazás no web da Mostra de teatro de Cangas
[última consulta: 09/12/2021]
Entrevista a María Mazás de López Roser para a revista Datatèxti(2004), «Pensar los sueños: Sombreros de creación/ Dreams made reality: Original hats.
[última consulta: 09/12/2021]
María Mazás na wikipedia
[última consulta: 09/12/2021]
Os tesouros e as sombras de María Mazás. Entrevista á Nani Miras sobre María Mazás
[última consulta. 09/12/2021]
Los tesoros y las sombras de María Mazás, Vídeo de Nani Miras
[última consulta: 09/12/2021]
María Mazás: homenaxe á artista e a súa obra
[última consulta: 09/12/2021]
Necrolóxica de María Mazás en La Voz de Galicia
[última consulta: 09/12/2021]