Finita Gay
Culleredo (A Coruña), 20/ 5/1928 - Carral (A Coruña), 16/2/1989Autoría: Inmaculada Otero Varela
Cantar: a ilusión que enmarcou unha vida antes e despois da paréntese de costureira
Moi nova, case unha nena, subiu ao palco como espontánea nas festas da súa parroquia, concretamente coa orquestra Mallo. De alí, despois da sensación causada e a pesar de que o pai non estaba conforme, dou o salto como vocalista a outras formacións con só dezaseis anos. Había pouco que os grupos, denominados moitas veces músicas ou charangas, incluían a alguén que cantaba, animadores e animadoras, como lles chamaban. Finita foi das primeiras mulleres animadoras, sobre todo cos Guiliades, mais tamén coa orquestra Mallo, entre outras. Enchía o campo da festa alí onde ía, sobre todo se era preto da casa. Nalgunhas ocasións actuou na Sala de Baile de Tabeaio, o salón de Felisardo que despois sería un cine, sen que Finita puidese sospeitar que trinta e pico anos máis tarde ía ter alí o seu café cantante.
Entre a mocidade e a madurez houbo un período no que se viu na obriga de renunciar a cantar. Tivo o seu primeiro fillo estando solteira. Decidiu marchar sen el a Venezuela pero anos máis tarde levouno para onda ela. Nos comezos instálase na capital e segue actuando con orquestras tan recoñecidas como a Billo’s Caracas Boys, ao tempo que fai de anfitrioa das agrupacións galegas que buscaban facer as Américas, como Os Satélites. Dá fe desta ocupación profesional o carné que a acredita como Membro da Asociación Musical do Distrito Federal e Estado Miranda. Pero de novo ten que cambiar de plans.
Aos poucos anos da súa chegada a Caracas casa cun italiano que non quixo que se dedicase á música. Deixa os escenarios e volve á costura. Entra a traballar nunha fábrica téxtil como patronista, chegando a ter moi boa consideración dentro da empresa, polo que adoitaba acompañar aos donos a Estados Unidos para ampliar as fronteiras do negocio.
Igual que fixo coa música, a súa dedicación á costura era inesgotable, xa que non quería que nada lle faltase aos seus dous fillos. Aínda así, sacaba tempo, nalgunhas fins de semana ou nas festas especiais, para ir ao Centro Galego de Caracas e, sobre todo, roubáballe algunhas horas á semana para aprender a tocar o órgano e o acordeón, na casa, cun profesor particular. De feito, cando anos máis tarde retoma a profesión que máis a apaixona, a música, intercalará o canto con pezas interpretadas ao acordeón.
Na década de 1980, tras quedar viúva decide, aínda que non de maneira inmediata, volver a Galicia. Instálase en Carral onde aluga o local que tan ben coñecía, o antigo cine Tabeaio na parroquia co mesmo nome. En 1984, coincidindo coa celebración das festas patronais, inaugura un café cantante: A Martela. E nisto, tamén foi unha pioneira: ten máis de cincuenta anos, métese a empresaria e consegue encher o café todas as fins de semana. O resto dos días o local funcionaba como un bar convencional. Pero os venres, sábados, domingos, festivos e vésperas de festivos, Finita, unhas veces soa e outras en compañía de diferentes artistas, subía ao escenario a partir das sete da tarde cos modelos que ela mesma confeccionaba. Ela sabía, tal e como recolle Xurxo Souto, que fora unha adiantada ao conxugar dúas facetas, a de promotora e promocionada:
Eu son dúas persoas. A Martela, a empresaria. E a artista, Finita. Como empresaria son durísima. Como artista son marabillosa!.
Mesturaba repertorio de alén mar co máis próximo á súa terra. Dáballe ás rancheiras, aos corridos, aos pasodobres e á copla, sen descoidar a canción galega. Gustáballe cambiar a letra dalgunha canción, moitas veces para facela máis pillabana. Incluso compoñía algunhas propias. A Martela non só cantaba ben. Sabía levar o público, tiña o don da palabra e a graza das personalidades extravertidas. Enchía dentro e fóra do seu local, cando actuaba nas festas da contorna ou noutros salóns como o Lamela, en Celas. Era feliz enriba dun escenario e notábaselle, como dicía cando cantaba
Yo me quedo en Tabeayo y no me voy más. Din as persoas que a coñeceron que a música era a súa vida. Sabíase artista e por iso agasallaba o público cunha tarxeta na que aparecía unha foto dela asinada por unha cara e, pola outra, a letra dunha canción da súa autoría, «La Vieja», feita coa retranca que non perdeu durante os anos en Caracas e que destaca quen a lembra:
¡Vieja!, pero bien plantada
y aunque digan cosas
yo estoy bien cuidada.
¡Vieja!, vieja no, usada,
y conmigo tienen lo que les faltaba.
Que tengo muchos años ya lo sé
que yo ya no debiera estar cantando,
pero la música es mi gran amor
y yo cantando a nadie le hago daño.
No outono do 1988 soubo que tiña unha enfermidade grave. Seguiu traballando mentres tivo forzas e ata pouco antes de morrer. Para garantir que o espectáculo continuase, traspásalle o negocio a outro cantante. A finais de ano dinlle que lle quedan quince días de vida, mais aínda logrou superar esa data. A esperanza da melloría e o cariño que lle demostrou a xente, e tamén unha homenaxe que lle fixeron no seu local e que se segue lembrando con moita emoción, déranlle azos para loitar:
A alegría perdereina no momento que morra. Ese momento chegou a mediados de febreiro de 1989. Aínda que viviu os últimos anos en Carral está enterrada en Castelo, preto da casa do Martelo.
Tras o pasamento, non tardou en formar parte da épica local que aínda se transmite oralmente: boa persoa, grande artista e
guasona, son algúns dos cualificativos que lle dedica a xente que a coñeceu. Pero tamén pasou á literatura escrita. Manuel Rivas, bo coñecedor da bisbarra, non dubida en reproducir o fervor popular que causaba. No texto «A derrota de María Pita» de Galicia, Galicia, recolle os comentarios coruñeses que espertou a estatua da heroína na praza do concello:
A xente compáraa con Claudia Schiffer, a que saía con Kirk Douglas en Espartaco, ou Ana Obregón ou Finita Gay: -¡Cuspidiña a Finita Gay, a cantante de Tabeaio, cando moza!. Tamén aparece en A man dos paíños, como único referente de muller artista que se coñecía por San Pedro de Visma aló polos anos cincuenta do século pasado:
Aquí a única cantante que veu foi Finita Gai, a unha verbena.
Fíxose realidade o desexo que expresaba enriba do escenario do café A Martela:
Só lle pido a Deus que poida cantar ata o día que morra, que saia de aquí dereitiña para a tumba. E no outro mundo, se é que existe (...), alí vou ser moi feliz tamén pensando que todos vostedes se van acordar moito de min, con moito cariño. Cando menos, nisto último, o desexo foi cumprido.
Agradecementos
María Cruz Grela Palla, Isabel Meijide, Óscar Morandeira, Santiago de Grela, Carmen de Constancio, José Manuel Bao Barbeito, Xosé Touriñán, Fernando Taibo e Ángel Bello.
Bibliografía
Cuns Lousa, Xulio e Veiga Ferreira, Xosé María: Orquestras populares das Mariñas. Betanzos: Concello, 2006
Rivas, Manuel: Galicia, Galicia. Vigo: Edicións Xerais, 2006 [1ª ed. 1999]; p. 304
Rivas, Manuel: A maN dos paíños. Vigo: Edicións Xerais, 2000; p. 55
Rodríguez, Ana: «Una diva en Carral», La Opinión, (15 de novembro de 2009). Accesible en https://www.laopinioncoruna.es/coruna/2009/11/15/diva-carral-25275709.html [Consulta: 2021-12-18]
Romero, Laura e Pedreira, Iria: Ferreñas e rockand roll. A Coruña: Baía, 2019
Souto, Xurxo: Pangalaica. Recortes poderosos. Vigo: Galaxia, 2020.
Souto, Xurxo: «Con Finita Gay en primavera», cadenaser.com: la ventana de A Coruña, (14 de abril de 2017). Accesible en https://cadenaser.com/emisora/2017/04/19/radio_coruna/1492617269_984633.html [Consulta: 2021-12-18]
Souto, Xurxo: «Novas formas na música popular: Da romaría á festa. Da movida ao bravú». En Actas da XII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do romanceiro popular ao bravú . A Coruña: AELG, 2019; p. 51-69.
Como citar: Otero Varela, Inmaculada : Finita Gay. Publicado o 18/12/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=24700. Recuperado o 28/03/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Documento do Sindicato Profesional de Músicos Españoles que autoriza a Finita Gay a exercer como acordeonista
Fonte: Arquivo familiar
Carné que identifica a Finita Gay como membro da Asociación Musical do Distrito Federal e Estado de Miranda (Venezuela)
Fonte: Arquivo familiar
Anuncio da apertura da cafetería A Martela, en Tabeaio
Fonte: Arquivo familiar
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Xurxo Souto trata as novas formas da música popular neste capítulo da XII xornada de literatura de tradición oral
Fonte: Souto, Xurxo: «Novas formas da música popular. Da romaría á festa: da movida ao bravú». En Actas da XII Xornada de Litratura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular: do romanceiro tradicional ao bravú. A Coruña: AELG, 2019; p. 52-69. (Escrita Contemporánea; 12)
A orquestra Guiliades, da que formou parte Finita Gay, aparece recollida neste artigo sobre a música de baile nas mariñas
Fonte: Cuns Louxa, Xulio e Veiga Ferreira, Xosé María: «Orquestras esquecidas das Mariñas». Anuario Brigantino n.º 31 (2008), p. 505-510
Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
As primeiras intérpretes nos máis diversos estilos que se abriron camiño fronte ao machismo na música
Iglesias, Uxía: «Na busca das pioneiras do bravú e do punk que se abriron paso fronte ao machismo na música», http://www.galiciaconfidencial.com/, (6 de febreiro de 2020).
Fonte: https://gcdiario.com/destacadas/67198-en-la-busqueda-de-las-pioneras-del-bravu-y-del-punk-que-se-abrieron-paso-frente-al-machismo-en-la-musica/ [Consulra: 2021-12-18]
Xurxo Souto homenaxea a Finita Gay no espazo «La ventana de A Coruña» de Cadena Ser. 2017
Souto, Xurxo: «Con Finita Gay en primavera», cadenaser.com: la ventana de A Coruña, (14 de abril de 2017)
Fonte: Accesible en https://cadenaser.com/emisora/2017/04/19/radio_coruna/1492617269_984633.html [Consulta: 2021-12-18]
Artigo da xornalista Ana Rodríguez sobre Finita Gay
Rodríguez, Ana: «Una diva en Carral», La Opinión, (15 de novembro de 2009)
Fonte: https://www.laopinioncoruna.es/coruna/2009/11/15/diva-carral-25275709.html [Consulta: 2021-12-18]
Videos
Pepe Marqués “Chocolate” no local A Martela (Carral) con Finita Gay. 1986
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=v_8UDueTVfo [Consulta: 2021-12-18]