Rita Amparo López Jeán
Culleredo, 30/ 10/1885 - Montauban, 12/11/1942Autoría: Carlos Pereira
Importante activista política na Coruña da Segunda República
Trasladada dona Adela como mestra á Coruña, Amparo acompáñaa. Cursará o Bacharelato e os estudos de maxisterio na Escola Normal da Coruña. Estuda tamén canto e piano co músico coruñés José Baldomir —actuando en festivais benéficos—, e pintura co profesor, pintor e gravador Máximo Ramos, tendo como condiscípulo, entre outros, a Abelenda. Exercerá tamén de mestra na mesma escola que a súa nai.
Muller de ideas avanzadas, logo de convivir varios anos co xornalista, político republicano e masón César Alvajar Diéguez, varios anos máis novo ca ela, tendo a parella cinco fillos (Amparo, Ana María, Francisco Javier, María Teresa e Agustín, que morreu axiña), casará posteriormente con el.
Politicamente pertenceu ao Partido Galeguista: ingresaría nel o 6 de maio de 1935 (foi a primeira muller na Coruña en militar nesa organización), colaborando economicamente nas campañas e formando parte do seu Comité Local en 1936.
Pero o labor máis importante desenvolveuno na Agrupación Republicana Feminina da Coruña, fundada o 13 de abril de 1933, da que foi primeiro secretaria e, dende finais dese ano ata 1936, presidenta.
Os fins da Agrupación eran contribuír por todo medio lícito ao triunfo da paz e fraternidade humana, da xustiza social e da democracia; contribuír ao sostemento e defensa do Réxime republicano do Estado español e amparar a súa Constitución; defender os dereitos femininos e traballar pola consecución dos aínda non recoñecidos; impulsar a cultura, especialmente a feminina, e dentro desta a cidadá, para o que se crearía unha biblioteca, celebraríanse conferencias e cursiños, estableceríanse clases, organizaríanse viaxes, etc.; practicar a beneficencia ou asistencia social en todas as maneiras posibles; defender e amparar a cada asociada se pedía axuda e estivese da súa parte a razón e a xustiza; establecer, se se considerase conveniente, formas de mutualismo e cooperación e procurarlles recreo e lecer ás asociadas por medio de concertos, recitais, proxeccións, excursións, etc.
Dentro das actividades da Agrupación Republicana Feminina destacan as clases e cursos de diversas materias para mulleres, actividades benéficas para as persoas e a infancia, conferencias, actos de homenaxe a diversos persoeiros, concertos, excursións, acto en conmemoración do centenario da abolición da Inquisición; envío dun telegrama á entidade Unión Universal pro Paz, así como, respecto a actividades políticas, organización ou participación nos actos de conmemoración do aniversario da 1ª República e IIª República, campañas electorais, mitins, visitas de políticos republicanos, etc.
Acompañou ao seu esposo, César, a Soria, cando este ocupou o cargo de gobernador civil en xuño de 1936. Conseguiron fuxir e, logo de viviren en Madrid e Valencia (onde impartiría aulas nun colexio en Manises, e onde Castelao, bo amigo, sería padriño da voda da súa filla Amparo e Arturo Cuadrado), en Barcelona foi secretaria xeral do Grupo de Mulleres Galeguistas, e vocal do Comité Executivo do Partido Galeguista, que presidía Ramón Suárez Picallo, colaborando nos comités de axuda aos soldados galegos na fronte de batalla, e ocupándose de grupos de nenos e nenas, mesmo logo de iniciar o seu exilio en Francia, e separada do seu marido e da súa filla María Teresa, que quedou illada en Barcelona.
A parella consegue reagruparse en Calvados (Francia), traballando nunha fábrica de toallas. Ata alí chegarán as súas fillas María Teresa e Ana María; outra filla, Amparo, escritora, tradutora, exiliárase a Arxentina, e o fillo, Francisco Javier, —que co tempo será delegado do Consello de Galicia en Europa— estivo agochado na Coruña. Coa ocupación nazi, a familia trasládase a Vichy e logo a Montauban. Amparo, moi avellentada por tanto sufrimento, falecerá en Montauban o 12 de novembro de 1942, sendo soterrada moi preto da tumba de Manuel Azaña. Anos máis tarde os seus restos trasladáronse a París para repousar, xunto cos de César Alvajar, no cemiterio de Bagueu. No ano 2006 foron traídos para o cemiterio civil da Coruña. O Concello de Culleredo dedicoulle unha rúa na súa parroquia natal.
Como citar: Pereira, Carlos : Rita Amparo López Jeán. Publicado o 1/1/2008 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2270. Recuperado o 03/10/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Mulleres e memoria histórica, por Aurora Marco
Elaborado con motivo da aprobación da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura.
«O Partido Galeguista»
Artigo de Noa Ríos Bergantinhos no que aborda cuestións relacionadas co lugar ocupado polas mulleres no Partido Galeguista ao que pertenceu Amparo López Jeán
Fonte: Ríos Bergantinhos, Noa: A muller no nacionalismo galego (1900-1936). Ideologia e realidade. Laio Vento, 2001, p. 39-60
Ligazóns de interese
Rita Amparo López Jeán en Andaina de mulleres
[última consulta: 10/12/2021]
Amparo López Jeán na wikipedia
[última consulta: 10/12/2021]
Amparo López Jeán en acorunhadasmulleres.gal
[última consulta: 10/12/2021]
Referencias bibliográficas
- ALVAJAR LÓPEZ, A.M.ª, Soltando lastre, Sada, Edicións do Castro, 2003.
- PEREIRA MARTÍNEZ, C., "Muller e res pública", en GRANDÍO SEOANE, E. (dir.): Republicanos e República en Galicia, A Coruña, Ateneo Republicano de Galicia, 2006.
- PEREIRA MARTÍNEZ, C., ROMERO MASIÁ, A., O orballo da igualdade. Asociacionismo feminino progresista na Coruña, A Coruña, Baía, 2005.
- PEREIRA MARTÍNEZ, C., “Mulleres e República”, separata do Anuario Brigantino, Betanzos, 21 (1998), p. 274-275 e 282-290.