Andrea López Chao
Mondoñedo, 1874 - A Habana, 1954Autoría: Prudencio Viveiro
Unha mestra galega na emigración
Andrea López Chao, filla de Antonio López Reimóndez e Francisca Chao Rodríguez, naceu en Mondoñedo en 1874. Tras a súa formación como mestra, exerceu en varias escolas na contorna da súa localidade natal. Así, o xornal El Noticiero Gallego informaba en 1897 do seu destino na escola de Paradavella, localidade do concello da Fonsagrada, e indica tamén que o seu soldo anual era de 200 pesetas. O seu seguinte destino foi a escola da parroquia de Lindín (Mondoñedo), a onde chegou en 1898. As seguintes escolas que rexentou tamén foron en parroquias mindonienses: en 1899 a de Coubeira e en 1901 a de Viloalle. Do seu nomeamento como mestra en propiedade da escola de Viloalle informa o Boletín Oficial da Provincia de 25 de abril de 1901, no que ademais se decreta un salario anual de 250 pesetas para esta mestra.
Casada con Santiago Ares Cabanillas, tras enviuvar decide seguir o camiño da emigración embarcando con destino á Habana. Na capital de Cuba gañou por oposición o posto de directora do colexio do Centro Gallego en 1904. Así daba a noticia o xornal da Coruña El Noroeste o 4 de xuño do dito ano:
La maestra que fue de Viloalle, en Mondoñedo, doña Andrea López Chao, ha sido nombrada por oposición directora del establecimiento de enseñanza del Centro Gallego, de la Habana. Disfruta el sueldo de 75 pesos oro mensuales.
Xa que logo, a actividade de Andrea López debe ser encadrada dentro dunha das experiencias educativas máis importantes da emigración galega en Cuba: o colexio do Centro Gallego da Habana. En efecto, desde a súa creación en 1879, este centro ofreceu aos seus asociados unha ampla oferta docente que aposta por un ensino eminentemente práctico destinado á inserción laboral dos emigrantes. Andrea López foi unha das máis distinguidas profesoras do colexio, que levaba o sobrenome de Concepción Arenal, unha das penalistas máis destacadas da súa época. Cómpre indicar que o Centro Gallego, amais de desenvolver esta oferta docente, é a principal institución mutua en Cuba en ofrecer servizos sanitarios aos emigrados, non ás emigradas que, nestas circunstancias, tiñan como único recurso os hospitais públicos cubanos. Veremos que Andrea López Chao non permanece impasible antes este feito.
Efectivamente, ademais da súa actividade no campo da docencia, Andrea vai desempeñar tamén un destacado papel no movemento societario e na defensa da protección das mulleres. Así, chegará a formar parte do equipo directivo de Hijas de Galicia, unha entidade de carácter proteccionista e asistencial para mulleres, creada na Habana en 1917 perante a ausencia de cobertura sanitaria para as galegas emigradas. Con anterioridade, unicamente a sociedade Solidaridad Pontevedresa decidira, en 1912, comezar a proporcionar este tipo de servizos ás súas asociadas.
Hijas de Galicia nacía coa intencionalidade de estender ese tipo de coberturas a todas as galegas que se quixesen asociar. Ora ben, debemos chamar a atención sobre o feito de que aínda que as mulleres eran as principais destinatarias dos servizos médicos, iso non significaba que tamén ocupasen os principais postos de responsabilidade dentro da entidade. Houbo que agardar ata 1919 para que as mulleres puidesen acceder á xunta directiva e que os estatutos da organización recollesen que a vicepresidencia segunda da sociedade quedara reservada para unha muller. Sería precisamente Andrea López Chao a primeira en ocupar este cargo no mes de decembro do citado ano, e en repetilo en numerosas ocasións. Desde este lugar axudou a mellorar cada vez máis a atención sanitaria ás mulleres galegas en Cuba. Dela partiu tamén a proposta de denominar Concepción Arenal ao sanatorio da sociedade Hijas de Galicia que, co tempo, se convertería nun centro médico de referencia na atención ás mulleres en Cuba.
Tamén na liña do activismo das mulleres organizadas en Cuba e en representación da sociedade Hijas de Galicia, Andrea López Chao participou, entre os días 1 e o 6 de abril de 1923, no «I Congreso Nacional de Mujeres». Fora organizado pola Federación Nacional de Asociaciones Femeninas de Cuba, creada dous anos antes por iniciativa do Club Femenino. Articulado en 1918, a actividade do Club Femenino significou un salto adiante na loita organizada a prol dos dereitos das mulleres.
No marco deste congreso, Andrea López pronunciou un discurso no que expuxo o seu punto de vista sobre o papel que as mulleres debían desempeñar na sociedade. A súa é unha argumentación conservadora. Outórgalle á familia un lugar preponderante na conformación da sociedade e, dentro dela, defende que as mulleres ocupan un lugar fundamental. Considera que
a mullerdebe asumir o rol de educadora de cidadáns e, para iso, debe contar necesariamente co apoio das institucións. Dito por ela:
En una palabra, la familia, y en su seno la mujer, es la destinada a educar la generación que crece para honra, defensa y engrandecimiento de la Patria; y a la Patria toca proteger con su escudo la seguridad y libertad de la familia.
No apartado de documentación que acompaña este texto biográfico pódese acceder ao discurso íntegro. Foi publicado en dúas revistas: en Eco de Galicia o 22 de abril de 1923, e en Galicia o 21 de abril de 1923. Ambas as publicacións estaban promovidas pola colectividade galega da Habana.
A docencia, o labor societario, a preocupación pola situación das mulleres e a implicación activa para a súa mellora, foron os focos de actuación desta muller galega en Cuba e non son poucas as accións destinadas a traela para a memoria colectiva. Cómpre destacar, por exemplo; que o seu nome figura entre as protagonistas da novela Sándalo, que María Xosé Porteiro publicou en 2019, e que o seu concello natal promoveu unha homenaxe a Andrea López Chao celebrada o 12 de xuño de 2021.
A Habana sería a residencia definitiva de Andrea López Chao quen, non obstante, en 1927 realizaría unha visita a Galicia de varios meses de duración. O 11 de agosto de 1936 o xornal Diario de la Mariña daba noticia da carta de naturalización desta mestra, que adquiría deste xeito a nacionalidade cubana.
Andrea López Chao faleceu na Habana en 1954.
Como citar: Viveiro, Prudencio : Andrea López Chao. Publicado o 27/1/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2255. Recuperado o 21/04/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Discurso de Andrea López Chao
Discurso pronunciado por Andrea López Chao no I Congreso Nacional de Mujeres, celebrado na Habana entre o 1 e 6 de abril de 1923
Fonte: Eco de Galicia (22 de abril de 1923)
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Número especial dedicado a Andrea López Chao
Mondoñedo na memoria, ano 4, n.4 (xuño 2023)
Fonte: exemplar da Biblioteca do CCG
Homenaxe a Andrea López Chao e a Manuel García Olano
Artigo de Martín Fernández para La Voz de Galicia (30/05/2021)
Fonte: lavozdegalicia.es [data de descarga: 29/05/2023]
«Bajo el nombre Hijas de Galicia»
Artigo sobre a Asociación Hijas de Galicia de Julio Cesar González Pagés. En Emigración de mujeres gallegas a Cuba: Las Hijas de Galicia. Concello de Vigo, 2003, cap. 2, p 31-47
Fonte: exemplar da Biblioteca do CCG
Ligazóns de interese
Hijas de Galicia no Álbum de Galicia
[data de edición 07-06-2023]
Andrea López Chao, unha mestra mindoniense pioneira do feminismo en Cuba
Fotografía publicada en El Eco de Galicia (1923)
Caderno de Antonio Reigosa [última consulta: 13/01/1923]
Historia de la mujer en Cuba: Del Feminismo Liberal a la Acción Política Femenina
[última consulta. 14/12/2021]
Referencias bibliográficas
- FERNÁNDEZ VIZOSO, Martín: Memoria de Mariñáns, Vigo, Galicia en el Mundo, 2020 (2 vol.)
- GONZÁLEZ PAGÉS, JC, Emigración de mujeres gallegas a Cuba: Las Hijas de Galicia, Vigo, Concello, 2003
- GONZÁLEZ PAGÉS, Julio César: Galegas en Cuba, Pontevedra: Edicións Fervenza, 2019.
- PORTEIRO, María Xosé: Sándalo, Vigo, Editorial Galaxia, 2019.