Filomena Dato
Ourense, 1856 - A Coruña, 26/2/1929Autoría: Helena González Fernández
A poeta galega máis premiada de finais do XIX
Como afirma Aurora Marco, a súa é unha "poesía romántica, descritiva, poesía de feitura popular (romances e cantares), onde abrolla a saudade cando está escrita fóra da súa terra". Escritora bilingüe, é colaboradora habitual nos xornais da súa época como El Heraldo Gallego; revista que dirixía Lamas Carvajal, A Monteira; Patria Gallega; as catalás La Ilustración Ibérica e Barcelona Cómica; ou as habaneiras Eco de Galicia, Follas Novas e Galicia. Pronunciou conferencias de comprometido ton antimisóxino en seráns literarios, xogos florais, homenaxes e outras intervencións públicas, como a que ofreceu en 1913 no Círculo de Artesáns da Coruña.
A biografía de Filomena Dato é escura. Coñécense polo agora pouquísimos datos persoais, pero sábese que mantivo desde nova unha estreita amizade coa escritora Sofía Casanova, e proba diso son os poemas que se dedican mutuamente. Con ela, con Emilia Pardo Bazán, Fanny Garrido e outras intelectuais coetáneas, compartiu tertulia e inquedanzas feministas. E como elas, participou activamente na vida literaria da época, como se constata, por exemplo, na súa intervención na homenaxe a Curros Enríquez feita en Ourense en 1913.
Na década dos oitenta Filomena Dato converteuse non só nunha poeta profusamente premiada senón, e sobre todo, nunha das voces máis sobranceiras do feminismo galeguista de entre séculos. De feito é a segunda escritora, logo de Rosalía, que publica un libro en galego no século XIX. O seu era un feminismo católico e "racional", como diría Sara Ínsua, ben diferente do feminismo radical e masculino que caracterizaba ás sufraxistas inglesas contemporáneas. Pero, iso si, nos seus escritos e nos seus discursos constátase o protagonismo das mulleres, especialmente das que pertencían ás clases populares, sobre as que escribiu diversos cadros en verso e prosa salientando as súas cualidades e a súa difícil situación.
En 1906, ano da fundación da RAG, foi nomeada académica correspondente xunto con outras literatas contemporáneas como Carmen Beceiro, Emilia Calé, Sofía Casanova, Sarah Lorenzana, Clara Corral Aller...
Obra de Filomena Dato
DATO, Filomena, Penumbras. Colección de poesías. Establecimiento tipográfico de R. Labajos. 1880. Madrid.
DATO, Filomena, La letanía lauretana en verso, Imprenta de La Propaganda Gallega. 1887. Ourense.
DATO, Filomena, Follatos, Poesías gallegas, Imprenta de Antonio Otero. Ourense. 1891
DATO, Filomena, Romances y cantares, Imprenta de Antonio Otero. Ourense. 1895
DATO, Filomena, A la tuna conimbricense, Imprenta El Eco. Santiago de Compostela. 1898
DATO, Filomena, Fe. Poesías religiosas, Tipografía El Noroeste. A Coruña. 1911
Como citar: González Fernández, Helena : Filomena Dato. Publicado o 1/1/2006 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1013. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Poema dedicado a Rosalía
Poema dedicado a Rosalía publicado en Patria Gallega co que gañou en 1891 os Xogos Florais de Tui, presididos por Murguía.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
As primeiras académicas da RAG
En 1906, ano da creación da RAG, o debate feminista é de intenso. Noméanse académicas correspondentes varias escritoras: Filomena Dato, Carmen Beceiro de Pato, Sofía Casanova, Emilia Calé, Sarah Lorenzana, Clara Corral Aller, Rita Corral Aller, Elisa Lestache de Caramelo, Ramona de la Peña y Salvador, Mercedes Vieito, Hipólita Muiño, Fanny Garrido, Carolina Micaelis de Vasconcelos, Mercedes Tella e María Vinyals. Descarga aquí o arquivo coas fotos dalgunha delas.
Audios
Defensa d’as mulleres
Referencias bibliográficas
- MARCO, A.: “Filomena Dato Muruais e a defensa das mulleres”, en As precursoras, A Coruña, La Voz de Galicia, 1993, p. 63-65
Publicacións periódicas
Galicia Gráfica (1913-) .
Publicación Semanal
Alma Gallega (1919-1927) .
Revista Mensual: Órgano Oficial de la Sociedad Casa de Galicia
Posteriormente varía a denominación aparecendo como Órgano Oficial de Casa de Galicia, Boletín de Casa de Galicia, Boletín Oficial de Casa de Galicia, Revista de Casa de Galicia etc.
Artigos Filomena Dato
DATO, F. (11/1927) Xa non son. Alma Gallega. 1ª, 27.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
DATO, F. (3/1985) [Fragmento de "Defensa d'as mulleres"]. Festa da palabra silenciada. (02), 9.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;