“cartografías” do Álbum de mulleres

no Álbum de Galicia (14 persoas)

“cartografías” do Álbum de mulleres

María de las Mercedes Goicoa Fernández

[1928-2022] María de las Mercedes Goicoa, nada na Coruña o 10 de xullo de 1928, foi a primeira muller que presidiu unha das trece Reais Academias de Belas Artes de España, a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.

Ingresara na institución como académica en 1986, presidiuna desde 2003 até 2014 e, desde entón, foi presidenta de honra. Neste último cargo foi precedida por: Carlos Martínez Barbeito, historiador e escritor (1988-1997), Manuel Chamoso Lamas, historiador e arqueólogo (a título póstumo), Fernando Álvarez de Sotomayor, pintor (1938-1939), e polo filántropo e banqueiro Eusebio da Guarda (1890-1997). Con ela, a música entrou por primeira vez na Presidencia da institución. Finou na Coruña o 11 de novembro de 2022]

O recoñecemento é innegable, como tamén o é o merecemento. Alén dos méritos como intérprete, como profesora ou como académica, a ollada cara á infancia lévanos até unha nena que deu o seu primeiro concerto con dez anos.

Superou toda a carreira de piano e graduouse no Conservatorio Superior de Música de Madrid cos mellores resultados posibles: primeiro Premio Fin de Carreira, Premio Extraordinario de Piano María del Carmen e Premio Extraordinario de Virtuosismo. Non obstante, para ela o máis emocionante foi a excepcional nota dun “sobresaínte dobre” cando se examinou por libre, no mesmo ano, do 6º e 7º curso. Daquela etapa da aprendizaxe lembra con especial agarimo e respecto o profesorado que por fortuna lle tocou, desde a súa propia tía, Honoria Goicoa, até Pilar del Castillo, Alberto Garaizábal ou José Cubiles —o gran concertista que dixo dela que non lle tiña cousa que corrixir, se acaso que agrandar—, aos que seguiría outra etapa en París cos profesores Lazare Lévy e George Enesco.

Mercedes Goicoa acadou sona internacional desde que, con dezaseis anos, comezou a súa etapa de concertista por varias cidades españolas e francesas. Destacaba tanto como solista coma con orquestra e foi galardoada en reiteradas ocasións con premios como o primeiro Premio de Música de Cámara ou o Premio de Interpretación de Música Francesa.

Coñeceu e tivo contacto profesional con figuras tan destacadas como Salvador Bacarise, Luis Galve, María Victoria de los Ángeles ou Narciso Yepes. Admiradora da maxia de Arthur Rubinstein, foi comisaria da exposición celebrada co gallo do seu centenario en 1987, Rubinstein y España, que veu a Galicia polo seu empeño e polo coñecemento que tiña do gran pianista.

A súa faceta de docente comeza en 1963 no Conservatorio da Coruña, onde traballou, até a súa xubilación en 1993, como profesora superior de Piano. Polas súas clases pasaron varias xeracións dun alumnado que se recoñece discípulo da súa inconfundible escola pianística.

Elixida académica en 1986, permaneceu activa na Real Academia Galega de Belas Artes até fins de 2014, cando renunciou a rematar o seu terceiro mandato como presidenta por motivos de saúde.

Durante case tres décadas teimara en conservar, e poñer a disposición da sociedade, o inmenso legado patrimonial que alberga a institución. A ela débese a creación do Arquivo Musical de Galicia, do que foi directora, que recolle a obra de compositores galegos ou residentes en Galicia dos séculos XIX e XX. Tamén foi a promotora da creación do Arquivo de Imaxes.

Unha das súas decisións máis importantes foi abrir a Academia á cidadanía porque: “A cultura debe estar ao alcance do pobo; non é cousa de elites”.

Loitou por dotar de maiores recursos a Academia e fíxoa protagonista e partícipe da dinamización cultural no máis amplo sentido, coa organización de concertos, conferencias, exposicións e mesmo realizando actividades fóra da entidade.

Tivo tempo, ademais, de facer análise, crítica e información sobre publicacións musicais de editoriais como Labor ou Santillana no xornal La Voz de Galicia e en revistas especializadas.

O seu espírito, xeneroso e comprometido, plásmase nunha das numerosas entrevistas que concedeu cando se retirou da presidencia da Real Academia de Belas Artes, onde resume a vontade que sempre a moveu: “Quixen dar a coñecer a nosa cultura, os tesouros que temos, e síntome satisfeita porque puiden aportar o meu grao de area á cultura de Galicia.”
TEMÁTICAS: Música; Educación; Política institucional; Acción sociocultural; Arquivos; Publicación: 4/2/2020 A Coruña, 1928-A Coruña, 2022

María Josefa Wonenburger

[1927-2014] Os ollos de María Wonenburger deixan ver a luz e a forza que sempre acompañaron esta muller. Unha persoa ben particular, que viviu coa paixón que provoca o mundo das matemáticas en sensibilidades como a dela.

O seu percorrido vital demostra unha gran valía persoal e científica. Singular estudante, lonxe da súa familia e da súa terra. Primeira bolseira Fullbright de Matemáticas en España. Doutora en Yale. O seu esforzo por chegar a ser unha investigadora e docente universitaria, sempre consciente dos obstáculos para o poder conseguir no seu país, foi axiña recompensado: no Canadá foi a única muller docente e nos EE UU gañou nos anos 70 do século XX o posto de Full Professor (equivalente a catedrática).

Ao ser unha muller nacida no ano 1927, pasou extraordinarias dificultades para atinxir as súas metas, que non eran máis que traballar e vivir do que máis lle gustaba: ensinar e investigar as matemáticas. A súa partida cara a Madrid na posguerra, a viaxe en barco aos Estados Unidos, os atrancos que atopou para se establecer alá, o seu periplo por varias universidades americanas ata a súa renuncia final por motivos persoais: todo en conxunto móstranos a coraxe dunha persoa á que lle tocou vivir tempos escuros para a ciencia en España, tempos difíciles para as mulleres que querían escapar do destino imposto. Triunfou pola súa intelixencia e pola súa constancia, mais quedoulle o resaibo amargo de non poder traballar no seu país.

Wonenburger é unha destacada alxebrista, coñecida por marcar os primeiros pasos da chamada teoría de Kac-Moody, que co andar dos anos chegaría a desempeñar un papel importante nas matemáticas e na física. Ten un brillante currículo investigador e docente, reflectido nunha chea de publicacións. Unha vida profesional moderna como a que agora desexa levar a cabo a mocidade investigadora, mais inusual na súa época.

Na ciencia e na cultura son tan importantes as conquistas alcanzadas como as persoas que as conseguen. Por iso o saber e a traxectoria de María Wonenburger espertan a simpatía polas matemáticas, mesmo en quen as considera disciplina complicada. A vida académica e científica de María rompeu con todos os modelos; o seu proceder, nada habitual, aínda hoxe sería vangardista e arriscado; a inquedanza, a constancia e a decisión son un reflexo da súa calidade persoal. Quen coñece esta muller culta, incansable lectora, de ollar amigable, melómana, deportista e amante do mar, admira a súa vontade de ser feliz e o enriquecedora que resulta a súa compañía. Unha gran muller nun corpo miúdo.

Resulta inexplicable que se puidese estar tan preto dela sen o saber. O pobo galego e a comunidade científica española coñeceron a María Wonenburger hai aínda pouco tempo, logo da publicación da súa biografía no ano 2006. Porén a magnitude do tesouro achado é tal que levou ás sociedades científicas e ás institucións, primeiro, a abraiarse de ter cerca unha figura mundial das matemáticas; despois, a outorgarlle un recoñecemento máis que merecido.
TEMÁTICAS: Migracións; Matemáticas; Publicación: 3/6/2018 Oleiros (A Coruña), 1927-A Coruña, 2014